A Muralla de Lugo apágase e a Catedral de Santiago seguirá iluminada

A Xunta xa aplica desde o luns o apagado exterior de edificios administrativos e xudiciais a partir das 22,00 horas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/08/2022 | Actualizada ás 20:58

Comparte esta noticia

As cidades galegas teñen previsto adoptar diferentes medidas de cara á entrada en vigor do decreto de aforro enerxético este mércores, 10 de agosto, cunha disparidade de actuacións. Así, a decisión de Lugo de apagar a partir dos 22,00 monumentos como a Muralla de Lugo contrasta co anuncio do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, de que se seguirá coa iluminación de edificios emblemáticos como a Catedral.

Muralla de Lugo
Muralla de Lugo | Fonte: Guido Álvarez

Limitar a 27 graos o uso do aire acondicionado no verán e a 19 graos a calefacción no inverno en edificios públicos, espazos comerciais e grandes almacéns, infraestruturas de transporte (aeroportos e estacións de tren e autobús), espazos culturais e hoteis, así como apagar as luces de escaparates e edificios públicos que estean desocupados a partir das 22,00 horas serán as primeiras medidas que entrarán en vigor este mércores. Así figura no primeiro paquete de medidas de aforro e eficiencia enerxética aprobado polo Goberno para reducir rapidamente o consumo de enerxía co obxectivo de cumprir cos compromisos europeos derivados do conflito en Ucraína. Terán unha vixencia ata o 1 de novembro de 2023.

Entre as sete cidades galegas, Lugo anunciou que se apagará a partir das 22,00 horas a iluminación ornamental da Catedral, Muralla, fachada do Concello, Igrexa de San Froilán, fachada do cuartel de Garabolos, Ponte Branca, pasarela fluvial, fachada do Palacio Municipal de Deportes, Viaduto da Chanca, rúa San Marcos, Praza Maior, restos arqueolóxicos de Campo Castelo e prazas de Ferrol e Quiroga Ballesteros.

En cambio, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que non se apagará a iluminación dos monumentos da cidade tras realizar unha consulta ao Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre o decreto de aforro enerxético. "A contestación oficial que temos é que a iluminación exterior dos monumentos non se terá que apagar", asegura Bugallo nunha entrevista coa Televisión de Galicia. Tamén dixo que existe "certa preocupación" polo apagado de escaparates, xa que a "demanda" de cidadáns pasa por "máis iluminación".

Por parte do Concello da Coruña, asegúrase que se aplicarán todas as medidas nas instalacións municipais e colocaranse carteis informativos para lembrar as normas.

O Concello de Vigo anunciou que cumprirá o decreto do Goberno. O alcalde, Abel Caballero, puxo o foco en que a cidade xa conta cun plan de aforro enerxético, cun orzamento de 2 millóns de euros de recursos municipais para a substitución da iluminación tradicional por lámpadas LED. Isto implicará un aforro "moi importante", polo que a iluminación LED pasará de representar o 28% do total das luces de Vigo a supor o 36%. "Iso máis que cobre a petición do Goberno de España de aforro do 7% de enerxía", reivindicou o rexedor.

Así mesmo, destacou que o aceso e o apagado dos farois da urbe olívica está conectado co grao de intensidade lumínica e que, nas rúas máis iluminadas, a partir de certas horas da noite redúcese dita cantidade de lámpadas. "Todo isto seguímolo axustando e cada vez estámolo facendo de forma máis eficiente", engadiu o rexedor, que indicou que agora se vixía especialmente que as luces non queden acesas nos edificios públicos, entre outras cuestións.

O pasado luns, a portavoz do goberno local de Pontevedra, Anabel Gulías, informou de que os servizos técnicos estaban a estudar as medidas e a aplicación do decreto de aforro enerxético, así como o seu impacto na localidade.

Fontes do Concello de Ourense explicaron que están "a estudar" e "solicitando datos" durante este martes en relación co cumprimento do decreto.

Estas medidas só se refiren á iluminación ornamental de edificios, non teñen en conta á rede de iluminación pública co fin de garantir a seguridade en rúas.

A XUNTA XA APAGA O EXTERIOR DE EDIFICIOS

Por parte da Consellería de Presidencia trasládase que "xa se aplica" desde o pasado luns o apagado da iluminación exterior dos edificios dos edificios administrativos e xudiciais desde as 22,00 horas.

Ademais, "de maneira inmediata", manterase a temperatura dos edificios administrativos e xudiciais en 27 graos como máximo. Así mesmo, a Xunta destaca os investimentos nestes inmobles nos últimos anos para mellorar a eficiencia, así como diferentes medidas no ámbito do aforro.

Deste xeito, insístese en que se cumprirá co establecido no plan de choque de aforro enerxético. Este mesmo martes, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou que Galicia acatará e que "en principio" non recorrerá o decreto. Con todo, advertiu que as medidas non van ser "útiles". Máis aló da Xunta, outras institucións como o Parlamento de Galicia confirma que se cumprirán coas medidas de aforro enerxético incluídas no decreto.

A HOSTALARÍA SINALA QUE O APAGADO NON LLE AFECTA

Pola súa banda, asociacións de hostaleiros galegos explicaron aos seus asociados que a medida de apagado a partir das 22,00 horas non afecta á hostalaría, senón que se trata dos escaparates de comercios. Así mesmo, sinálase que cada local debe contar cun manual de prevención de riscos laborais no que figura a temperatura idónea para que os traballadores realicen o seu labor con seguridade.

E é que segundo lles trasladou o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), na normativa de traballos lixeiros, como os que realizan camareiros, a temperatura debe estar entre os 14 e os 25 graos. De cara ao futuro, as asociacións de hostaleiros lembran aos establecementos que desde o 30 de setembro haberá que ter peches automáticos nas portas de acceso para impedir que queden abertas permanentemente --por exemplo, un brazo de peche automático--.

Nos últimos días o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, arremeteu contra as medidas do Goberno para aforrar enerxía, ás que cualifica como "inconscientes e inconsecuentes". "Como sempre, tócalle ao comercio as malas operacións que finalmente saen adiante", quéixase o empresario lucense. Seijas ten claro que estas restricións "non van influír" en economizar enerxía, "tanto o de apagar escaparates como o ter que modificar todo o que se refire a os novos sistemas nas portas".

DECRETO

Desta maneira, os límites de temperatura establecidos aplicaranse ao interior dos establecementos habitables que estean acondicionados, situados nos edificios e locais destinados a uso administrativo (incluíndo plantas ou zonas de oficinas, vestíbulos xerais e zonas de uso público), comercial (tendas, supermercados, grandes almacéns, centros comerciais e similares) e cultural (teatros, cinemas, auditorios, centros de congresos, salas de exposicións e similares), así como en establecementos de espectáculos públicos e actividades recreativas, restauración (bares, restaurantes e cafetarías) e transporte de persoas (estacións e aeroportos).

No entanto, a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, precisou que bares e restaurantes poden limitar o uso do aire acondicionado á "contorna dos 25 graos", tendo en conta as recomendacións da lexislación laboral, fronte aos 27 graos que contempla o real decreto.

Neste sentido, aclarou que os 27 graos aplicaranse "con flexibilidade" e puxo como exemplo que discotecas, cociñas e ximnasios necesitan unha temperatura distinta a outros espazos como unha libraría.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta