A mocidade polo clima chama á acción: "Xuntas temos máis poder do que cremos para cambiar as cousas"

Fronte á angustia que pode xerar a crise climática, a mocidade activista apela a organizarse e procurar apoio á calor das redes veciñais e movementos sociais.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2022 | Actualizada ás 22:03

Comparte esta noticia

"Acórdome de ler unha noticia especialmente impactante. Dicía que no 2050 o aire do planeta estaría tan quente que non se podería respirar. Conmocionoume moito. Igual é esaxerado, pero o certo é que seguramente sexa imposible vivir da forma en que o facemos agora". Cada persoa que toma conciencia sobre o cambio climático e decide implicarse activamente na loita ten detrás a súa particular historia do proceso. A de Eloy Pérez, un enxeñeiro informático de 28 anos, comeza lendo noticias en plena pandemia. "Sempre tivemos detrás o aviso do cambio climático, pero agora xa o notamos de forma máis evidente", explica. No medio do confinamento, decidiu poñerse en contacto con Ecoloxistas en Acción e comezar a súa andaina no activismo climático. 

Eloy Pérez, activista en Ecoloxistas en Acción
Eloy Pérez, activista en Ecoloxistas en Acción | Fonte: remitida

Eme Bañón, outra moza activista de 25 anos, implicouse na loita hai catro, da man do movemento internacional Fridays for Future impulsado por Greta Thunberg no ano 2019. Eme botaba horas formándose e informándose na Oficina de Medio Ambiente da UDC. Naquela altura coordinou unha ONG que traballaba con persoas doutros países. "Puiden ver a situación dalgunhas zonas de África e decateime de como estaba impactando alí o cambio climático de forma brutal e do que nos tocaría vivir a nós máis adiante". Sentiu entón a necesidade de actuar, de chegar á xente e procurar alternativas en colectivo. Hoxe, Bañón forma parte de Xuventude polo Clima, Extincion Rebellion e a Plataforma en Defensa do Tren na Coruña. 

DA CONCIENCIA Á ACCIÓN

Eme e Eloy son tan só dúas das múltiples voces que tecen o berro da xuventude galega contra o cambio climático. Firme, pero que precisa de máis apoio tras unha pandemia que relegou esta emerxencia a un segundo plano no debate público. "Somos unha mocidade concienciada, pero non somos unha mocidade que actúe. A xente carece de iniciativa porque sente que non sabe facelo", explícase Bañón, que chama ao empoderamento fronte á tendencia paralizante. "Non somos conscientes de que, colectivamente, como sociedade, temos moitísimo poder para cambiar as cousas, para facer accións e actividades que transformen o noso entorno", sinala. 

"Non somos conscientes de que, colectivamente, como sociedade, temos moitísimo poder para cambiar as cousas, para facer accións e actividades que transformen o noso entorno"

A activista climática Eme Bañón
A activista climática Eme Bañón | Fonte: remitida

Eloy comparte esta mesma sensación. Son tamén, di, as propias condicións de vida, a falta de tempo, a precariedade laboral ou a delicada saúde mental de moita poboación as que dificultan o acceso a información, a alternativas de consumo e, en definitiva, a unha "loita organizada". "Todos os problemas que sufrimos, sobre todo a mocidade, deixan pouco espazo para isto. Si que hai xente implicada nas redes, pero precisamos que iso se traslade a accións reais a pé de rúa". "Preocúpame", engade, "que tendemos moito á individualidade, pero ninguén ten que facer nada só. Hai organizacións abondo para actuar xuntas e traballar en equipo", apela.

Precisamente, dende a plataforma Xuventude polo Clima preparan para o próximo 23 de setembro varias mobilizacións por diferentes cidades galegas no marco da 'Acción Global polo Clima'. Con elas, explica Bañón, queren poñer no foco na demanda dunha "xustiza climática, social e dunha enerxía para todas". "As nosas actividades baséanse en tres eixos: educacional, social e reivindicativa", explica Eme, en proceso de "mellorar" as canles de información para chegar a máis xente e facerse con "altavoces máis grandes". "E ao chegar", di, "precisamos atopar acollemento, motivación para dar o paso, para informar e saír á rúa. Hai moitas formas nas que se pode participar". 

ANGUSTIA CLIMÁTICA

Unha enquisa recente realizada polo proxecto europeo People & Planet na que participaron un número importante de mozos e mozas galegas releva que o 85% da xuventude do Estado español considera que o cambio climático afecta a súa vida diaria e a súa saúde; e os incendios forestais, a contaminación do aire e a seca ocupan os primeiros postos na listaxe de preocupacións da mocidade. Unha situación que pode chegar a provocar tristura, impotencia, culpabilidade ou incluso angustia climática ou ecoansiedade, un fenómeno que ás veces impulsa a toma de conciencia e a participación en solucións, pero que outras resulta paralizante e moi difícil de xestionar. 

"Non o levo mal, pero é inevitable preocuparse", sinala Eloy. "O peor é caer nesa perspectiva de falta de futuro; chegar a preguntarse por que fas calquera cousa se, total, non hai futuro; penso que non podemos aceptar iso, todos temos esa parte de esperanza. É delicado, pero hai que procurar buscar un equilibrio entre o coñecemento e a felicidade". A Eme Bañón tenlle custado entrar nos supermercados ou nos centros comerciais. "Cando recibín tanta información e fun consciente da gravidade do problema tiven unha ansiedade brutal, sobre todo polo feito de verme envolta nun sistema, nunha roda de consumo, que non para e que sei que é insostible e inviable. Estamos expoliando recursos para seguir producindo en lugar de crear talleres de reparación e reutilización... Non vía alternativas".

"O peor é caer nesa perspectiva de falta de futuro; chegar a preguntarse por que fas calquera cousa se, total, non hai futuro; penso que non podemos aceptar iso, todos temos esa parte de esperanza. É delicado, pero hai que procurar buscar un equilibrio entre o coñecemento e a felicidade"

Que facía ela fronte a todo iso?, preguntábase. Impulsar pequenas accións que estean na nosa man e, sobre todo, tecer lazos con outras persoas ao abeiro do activismo climático poden axudar a paliar esa angustia. "Como movemento falamos de non culpabilizar o individuo", aclara Eme. Pero a nivel persoal poden adquirirse algúns hábitos máis afastados da roda do consumismo. Ela, por exemplo, consome de forma responsable, procura coller trens e autobuses para moverse ou intercambia a roupa no canto de mercala: "Non podo pedir respostas ás administracións e empresas se eu mesma non sei cales son os pros e os contras desas alternativas", explícase. Con todo, recoñece que probar outras fórmulas implica "tempo, diñeiro e unha constancia brutal a nivel psicolóxico. Daste conta de que ser sostible custa moito máis que seguir o ritmo capitalista". 

ESIXIR RESPONSABILIDADES A EMPRESAS E GOBERNOS

Eloy, que apela tamén a baixar o consumo de carne ou reducir o uso do coche cando sexa posible, engade que "moito do que está na nosa man é esixir accións reais a grandes empresas e gobernos, que parece que vivan nun mundo paralelo". Parte do desasosego vai, tamén, ligado á "frustración" e á "molestia" de ver políticas "incompletas" ou propostas que "só serven para quedar ben", explica o activista. Por iso, pide que quen máis contamine asuma as súas propias responsabilidades. "Precisamos ir máis aló da superficie. Enganar a xente facéndolle crer que algo é un consumo responsable é dar respostas falsas a problemas reais", engade Eme, que apela a unha reforma profunda, a "mudar o sistema e o modelo enerxético". 

Ben con certos cambios de hábitos ou a través da forza da loita colectiva, tanto Eloy como Eme quedan, sobre todo, co efecto positivo que o seu activismo pode ter nos entornos máis achegados. "Quizais non lle dan tanta importancia como lle dou eu, pero sinto que se entende e que se apoia. Cambiaron a percepción dos problemas e pouco a pouco vexo que buscan alternativas", explica Eme. "As preocupacións compártense un pouquiño máis, aínda que ao ser un tema delicado que ten repercusións na propia vida, non é raro que a xente queira cambiar de tema", recoñece Eloy, que apela, en defitiva, á loita por un "futuro que mereza a pena ser vivido".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta