Concentración da CIG en San Caetano para este xoves contra a lei de orzamentos polos dereitos dos empregados públicos

Será ás 11,00 horas ante a entrada principal do edificio administrativo da Xunta onde a central nacionalista censurará coa súa protesta a "copia e pega do pacto a perdas negociado ás agachadas e asinado na mesa das administracións públicas do estado por CC.OO. e UGT".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2022 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

A sección de administración da CIG convocou unha concentración este xoves en San Caetano contra a lei de orzamentos de 2023, ao denunciar que "non garante nin subida salarial nin recuperación de dereitos laborais".

Será ás 11,00 horas ante a entrada principal do edificio administrativo da Xunta onde a central nacionalista censurará coa súa protesta a "copia e pega do pacto a perdas negociado ás agachadas e asinado na mesa das administracións públicas do estado por CC.OO. e UGT".

Asegura a CIG que este documento supón "unha perda de poder adquisitivo nos próximos anos, a sumar ao que xa leva perdido o persoal".

Afirma ademais que "non contempla ningún complemento, a maiores, que compense a maior perda de poder adquisitivo que teñen os empregados públicos en Galicia, cando aquí a carestía da vida é maior porque o IPC interanual está xa no 9,2%".

Xunto a isto lamenta que os orzamentos da Xunta "manterán suspendida a aplicación de todos os pactos e acordos retributivos e todos os dereitos recortados pola lei de medidas" de 2012. Entre outras cuestións, tamén rexeita "que se manteña a taxa de reposición, o que vai levar a facer contratacións a través de sociedades instrumentais e que aumente a temporalidade".

Así mesmo, en relación á lei de medidas, apunta que modifica a lei de emprego público e lamenta que o director xeral de Función Pública "non aceptase as alegacións" e "xustificase o seu silencio porque moitas delas son reiteradas todos os anos".

"FAI FALTA SUFICIENCIA DE RECURSOS"

Por parte de UGT, José Luís Fernández sinala que "soan ben as liñas xerais", que o conselleiro presentou aos axentes sociais o pasado venres, "pero fai falta unha suficiencia de recursos".

Neste sentido, subliña que as prioridades para o seu central son os colectivos máis vulnerables, o emprego e en concreto o relativo ao sector industrial e os servizos públicos, "evitando o colapso na sanidade".

A maiores, subliña que "nun momento de crise fan falta políticas para combater a pobreza" e en "un contexto de incerteza" e inflación "hai que orzar pensando que se está en momentos de necesidades".

"MODELO FISCAL MOI POUCO PROGRESIVO"

Por parte de CC.OO, a responsable de emprego, Maica Bouzas, indicou que "hai que ver o detalle", porque polo coñecido este martes é "todo bo e marabilloso". "Non temos argumentos nin elementos para dicir algo distinto ao que dixemos o venres", advirte.

Neste sentido, lembra que á organización non lle gusta "o escenario de ingresos que expoñen" e critica que a Xunta "cada vez máis profunda nun modelo fiscal moi pouco progresivo".

Sobre medidas concretas, en canto á Risga, e ao anunciado incremento, insistiu en que "está moi ben debuxar un aumento da contía" pero "non vai ter incidencia" se non se reforma o seu funcionamento. E lamentou que non se recupere o cartón básico: "Non entendemos moi ben por que se despreza".

Sobre sanidade, reprobou que ve "moita dotación para infraestruturas en sanidade pero parece que non se vai a ir á dotación de persoal dos centros que é o que se necesita". Así, conclúe que "non parece que --as contas-- reflictan o plan de choque que a atención primaria necesita".

A CIG concéntrase ante San Caetano (Santiago de Compostela)
A CIG concéntrase ante San Caetano (Santiago de Compostela) | Fonte: CIG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta