A Xunta externaliza o sistema aéreo de loita contra o lume por 13,4 millóns ata 2026

Contratará oito helicópteros e dúas brigadas helitransportadas que se suman á outra que xa depende da Xunta

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/02/2023 | Actualizada ás 21:48

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural quere iniciar este ano cun novo sistema de defensa contra o lume, especialmente, no que ten que ver cos sistemas aéreos. Investirá 21,76 millóns para contratar helicópteros de coordinación e extinción de incendios, 15 vehículos motobombas e 12 batracios.

Un helicóptero sobrevoa o punto verde de Fragoselo, en Coruxo (Vigo), no que se atopa a planta de biomasa, totalmente arrasado polo lume da vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro
Un helicóptero sobrevoa o punto verde de Fragoselo, en Coruxo (Vigo), no que se atopa a planta de biomasa, totalmente arrasado polo lume da vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro | Fonte: MN

 

A maior parte deste importe, 13,4 millóns será para externalizar o servizo aéreo de loita contra os lumes coa contratación dun total de oito helicópteros de tipo lixeiro ata o ano 2026. En concreto, contratarase o servizo de seis helicópteros de extinción con dúas brigadas helitransportadas e outros dous helicópteros de coordinación cos seus técnicos correspondentes.

 

DÚAS NOVAS BRIGADAS

 

Helicóptero do operativo antilumes sobre Zamáns (Vigo) nos lumes da vaga de 2017
Helicóptero do operativo antilumes sobre Zamáns (Vigo) nos lumes da vaga de 2017 | Fonte: MN

A través desta nova licitación, a consellería quere ampliar o tempo de contratación anual dos helicópteros de extinción, pasando de 3,5 a 5 meses ao ano dispoñibles. Xunto co servizo destas aeronaves, tamén se contratan dúas brigadas helitransportadas compostas por un total de 12 persoas entre técnicos de brigada, peóns condutores, peóns e emisoristas.

 

Serán duas brigadas externalizadas que se suman á que á outra brigada helitransportada propia que xa ten a Xunta para este tipo de helicópteros. En canto aos dous helicópteros de coordinación, o servizo tamén inclúe ata oito profesionais entre técnicos coordinadores e técnicos analistas de imaxes e vídeos. Estas dúas aeronaves empregaranse nas tarefas de vixilancia e coordinación dos medios aéreos durante os labores de extinción dos lumes que se producen na nosa Comunidade.

 

Desta forma, o Servizo de prevención e extinción de incendios forestais da Xunta disporá para a vindeira tempada de alto risco de incendios dun total de 18 medios aéreos, entre helicópteros de extinción e coordinación e avións de carga en terra, a maior parte deles, con servizos externalizados. A estes súmanse os cedidos polo Goberno central ata completar unha trintena de aeronaves, ao igual que na época de alto risco deste ano.

 

CONTROL DOS LUMES

O obxecto do prego deste concurso, ao que tivo acceso GC, consta de dous lotes. Así, no Lote 1 están recollidas as prestacións dos seis helicópteros de tipo lixeiro. Trátase de transportar dúas brigadas heliotransportadas e equipos de extinción ata os incendios forestais que ademais poden participar na extinción de incendios mediante lanzamento de auga desde o helicóptero.

O Lote 2 recolle as características dos dous helicópteros de coordinación que se encargarán de coordinar os medios aéreos da Subdirección Xeral de Extinción (SXE). Deste xeito,  organizarán as entradas e saídas deste medios e orientarán a súa distribución espazo-temporal nas proximidades dos lumes para garantir a cobertura aérea e a seguridade dos traballadores e material do dispositivo de extinción de incendios.

Por outra banda, tamén avaliarán grandes lumes ou lumes simultáneos próximos e posteriormente informarán ao Centro de Coordinación Central de incendios forestais de Galicia para" optimizar a distribución dos medios aéreos, así como enviar imaxes de vídeo e fixas en tempo real en espectro visible e infravermello".

Estas aeronaves tamén serviránpara medir superficies queimadas, localizar lugares de perigo alto de incendio en tempo real en incendios de difícil acceso, transportar ao persoal técnico e/ou directivo da Consellería a zonas afectadas polos incendios para os efectos de observar a evolución do lume, así como á persoa directora técnica de extinción e para calquera outra misión relacionada coa prevención e defensa contra os incendios forestais así como coa restauración de áreas afectadas por incendios forestais.

O TRABALLO

Medio Rural prevé operar con tres helicópteros de tipo lixeiro en 2023 e seis en 2024 e 2025. Pola contra, utilizará dous de de coordinación en 2023, 2024 e 2025 e un o 2026. Deste xeito, na campaña de lumes deste ano, 2023, estarán operativos cinco helicópteros, tres deles lixeiros durante 360 días que poden coincidir ou non no tempo e dous de coordinación durante 92 días.

No 2024 serán xa oito os que estarán operativos, seis lixeiros pero con menos horas; un helicóptero durante 120 días, dous durante 300 días e tres helicópteros durante 450 días no conxunto dos tres helicópteros e dous de coordinación, un durante 92 días e outro 184 días. No 2025 tamén serán oito as aeronaves operativas, seis delas lixeras, unha durante 180 días, dúas durante 300 días e outras tres durante 450 días e dúas de coordinación, unha durante 92 días e outra durante 180 días. Finalmente, o 2026 estará só operativo un helicóptero de coordinación durante 90 días.

TIPO DE HELICÓPTEROS

Todas as aeronaves lixeiras ofertadas deberán cumprir individualmente coas seguintes características mínimas; Motor monoturbina / biturbina, potencia mínima de setecentos shp, velocidade de cruceiro de cen nós, autonomía mínima de dúas horas de voo,  peso máximo ao despegue interno, sin carga externa, igual ou superior a 2.200 kilos, capacidade de transporte mínima de 5 persoas, ademais da súa tripulación, un helibalde tipo “bamby bucket”, cunha capacidade mínima de 900 litros, dispositivo de inxección de substancias retardantes/espumantes, e sistema de enchido preferente por bomba de succión eléctrica tipo “power fill”, capacidade de carga do gancho de 1.300 kg e carga útil de cada helicóptero igual ou superior a 1.400 kg.

No caso dos dous helicópteros de coordinación teñen que ter un motor biturbina, potencia ao despegue de 830 shp, velocidade de cruceiro de 112 nós, capacidade para transportar sentadas como mínimo seis persoas, tripulación incluída e autonomía mínima de dúas horas de voo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta