A Xunta celebra que a xustiza "avala" a súa negativa a compensar a concesionarias de autovías pola covid

Dúas sentenzas rexeitan as pretensións das empresas do Barbanza e Celanova, aínda que unha débese a cuestións formais

Por E.P. | Santiago de Compostela | 12/04/2023 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, celebra que a xustiza "avala" a negativa da Xunta a pagar as compensacións que reclamaban concesionarias de autovías pola minoración de ingresos derivada das restricións á mobilidade para facer fronte á pandemia da covid.

A xustiza, segundo destacou en declaracións aos medios de comunicación coincidindo co pleno do Parlamento, "vén de darlle a razón á Xunta" ante os recursos presentados de solicitude de reequilibrio das concesionarias das autovías do Barbanza e de Celanova como consecuencia desta caída do tráfico a raíz do coronavirus.

Son dous fallos xudiciais os que, segundo resalta, avalan a postura da Xunta, aínda que un deles non entra no fondo do asunto xa que a concesionaria, segundo alegou a administración, non presentou a reclamación "polo medio dos formularios previstos".

Para a conselleira, esa compensación "era contraditoria" e por iso o Goberno galego "desde o primeiro momento" desestimou esas solicitudes: "porque son concesionarias moi longas e non se pode atender por minoracón de ingresos nuns poucos meses", argumentou.

Vázquez lembrou que o Goberno central, en 2020, habilitou un decreto "abrindo a porta a eses posibles reequilibrios" pero subliñou que "o certo é que a Xunta consegue que a xustiza lle dea a razón" na súa pretensión de que "non se compense ás concesionarias". Así as cousas, e aínda que "hai posibilidade de interpor recurso", para a titular de Infraestruturas "todo indica que os futuros recursos volvan dar a razón á Xunta".

As SENTENZAS

As dúas sentenzas son do xulgado contencioso administrativo número 2 de Santiago e a primeira delas, de 27 de febreiro, desestima o recurso interposto pola representación procesual de Autoestrada Ourense Celanova.

O fallo recolle que "se advertiu expresamente da necesidade de presentar o recurso nun concreto formulario polo que non pode alegar agora que descoñecía tal requisito". Lembra que a administración afirmou "que aínda que se presentou a reclamación por medios electrónicos non se fixo polo medio dos formularios previstos", así que resolve que "non procede entrar a coñecer respecto do fondo".

A segunda, do 30 de marzo, si o fai, para desestimar tamén o recurso contencioso-administrativo interposto pola representación procesual da Autovía de Barbarza. "Todo parece indicar, aínda que non sexa no presente caso cuestión de análise desta xulgadora, que no período reclamado houbo unha baixada drástica dos ingresos da concesionaria. Con todo, esta redución non é o suposto de feito previsto no art. 34.4 antes citado. Así, para que se proceda ao restablecemento do equilibrio económico do contrato nos termos sinalado, a Administración debe apreciar a imposibilidade de execución do contrato como consecuencia da situación excepcional creada polo covid-19, sendo que o precepto contempla, en consecuencia, as seguintes dúas posibilidades: outorgar unha ampliación da súa duración inicial --ata un máximo dun 15 por 100-- ou modificar as cláusulas de contido económico incluídas no contrato. Dita imposibilidade non foi apreciada pola demandada", apunta.

Neste sentido, sostén que "a diminución de vehículos circulando por unha autovía, coa consecuente minoración dos ingresos que determina unha diminución da retribución, non pode equipararse á imposibilidade de execución do contrato, que determina o restablecemento do equilibrio económico".

Fotos Xunta/Infraestruturas/Pleno. Xunta de Galicia / Europa Press
Fotos Xunta/Infraestruturas/Pleno. Xunta de Galicia / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta