Así eran os e as pontevedreses na Idade Media

Un estudo da Universidade de Santiago sobre os patróns de alimentación a través de análisis químicas e de patoloxía oral realizado sobre 34 individuos das necrópoles pontevedresas de Santa María e San Bartolomeu amosa que a gran maioría da poboación era nova, de entre 20 e 39 anos e consumía moito peixe, trigo e millo miúdo.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 29/10/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os nosos dentes din moito de nós. Aínda na actualidade hai moita poboación que non os coida, non os lava as veces que é preciso, non acode ao dentista para facerse revisións ou non empasta as moas picadas. Co paso do tempo estes dentes, mal coidados, rematan por caer e, os que se conservan, presentan lesións. Se isto ocorre hoxe por hoxe, que non pasaría antigamente? E non falamos de hai dous séculos atrás, senón da Idade Media, unha época na que a hixiene era practicamente nula e o acceso aos alimentos era moito máis difícil. Nunha sociedade marcada polo localismo, onde as relacións comerciais eran incipientes en moitas zonas e as rutas comerciais duraban días, cada un vivía do que podía, comía o que tiña a man no seu entorno e, todo iso, plasmábase logo nos seus dentes.

Dentes para o seu estudo arqueolóxico
Dentes para o seu estudo arqueolóxico | Fonte: Commons

A día de hoxe, os esqueletes atopados que conservan parte da dentadura permítennos, polo tanto, coñecer algo máis sobre a alimentación desas poboacións do pasado. Clara Veiga Rilo, da Universidade de Santiago (USC), participante no 'Encontro Novas Investigadoras en Arqueoloxía Romana e Medieval' celebrado esta semana en Santiago, sábeo ben, pois este estudo forma parte da súa tese doutoral. As súas investigacións céntranse en catro xacementos, un na catedral de Lugo e outros tres na cidade de Pontevedra: Santa María, San Bartolomeu e Santa Clara. Pero os que ata o de agora foron estudados máis en profundidade foron os xacementos pontevedreses de Santa María e San Bartolomeu, nos cales se analizaron 34 individuos.

"En ambos xacementos atopámonos, pola análise realizada sobre os dentes, cunha poboación non moi avellentada, pois a gran maioría eran adultos novos de entre 20 e 39 anos, habendo tamén unha gran representación de individuos de entre 0 e 19 anos", asegura a investigadora Veiga. Ademais, as mostras pertencían en maior medida ao xénero feminino que ao masculino, é dicir, estaban compostas maioritariamente por mulleres. No que respecta á alimentación como tal, "en Pontevedra tiñan un consumo de proteína preferencial de orixe mariño, ou sexa, comían moito pescado; e no que se refire á aportación de coláxeno, consumían tamén moito trigo, pero con aportes nada despreciables doutras plantas como podía ser o millo miúdo ( --mijo en castelán-- grupo de varios cereais de pequena semente cun alto contido en proteínas), segundo se recolle en varias fontes escritas", afirma. Non de millo, pois este non chegaría a Galicia ata o século XVII, e a Pontevedra arredor do ano 1623.

Entre ambos os xacementos atopáronse algunhas diferenzas, pois aínda que toda a poboación da Idade Media en Pontevedra parecía consumir inxentes cantidades de peixe, "os individuos de Santa María, pertencentes ao gremio dos pescadores, parecían ter un acceso preferencial ao peixe e ao marisco, quizáis polo feito de selo, pois nos seus dentes atopouse unha maior cantidade de nitróxeno que a atopada en San Bartolomeu". Pola contra, "en San Bartolomeu atopamos en once individuos unha gran tendecia ao consumo de trigo e de outras plantas como o millo miúdo, non tan presentes no xacemento de Santa María", expón Veiga. Como pode verse, os pontevedreses da época alimentábanse do que tiñan a man, no caso dos pescadores, de peixe que sacaban do mar (tamén de marisco, pero pode que en menor medida porque naquela época o seu consumo estaba mal visto); e no dos artesáns de trigo que, polas condicións húmidas da cidade, se daba facilmente. 

Polo que respecta ás patoloxías orais, "en Pontevedra atopámonos cun desgaste bastante severo dos dentes dende etapas moi temperás da vida, mesmo antes dos 12 anos", afirma a investigadora da USC, que explica que "o grao de desgaste severo é o máis prevalente na poboación estudada e é importante para comprender a demografía, pois os dentes sempre están en contacto co exterior (para falar, para comer...), polo que o lóxico é que se vaian desgastando en maior medida conforme avanza a vida". Con todo, indica que "en Pontevedra temos poboación medieval moza, de entre 20 e 39 anos maioritariamente, e aínda así presenta un gran desgaste nos seus dentes, e a poboación que non é adulta tamén, tanto nas moas como nos dentes de diante".

Dentes para o seu estudo arqueolóxico
Dentes para o seu estudo arqueolóxico | Fonte: Commons

Ocorría algo similar noutras poboacións da Península Ibérica? O certo é que non tanto. "Comparando San Bartolomeu e Santa María con outras dezasete poboacións da época medieval da Península Ibérica, vese que na Pontevedra medieval había un desgaste moitísimo máis elevado que no resto das poboacións, sobre todo entre os máis novos", expón Veiga. Só se atopou un xacemento, a necrópole do Mosteiro de Suso, en San Millán da Cogolla, na Rioxa, en cuxos individuos o desgaste dos dentes se achegaba ao de Pontevedra, pero aínda así non superaba o 40 %, cando en Pontevedra si o facía amplamente, e, ademais, contaba cunha poboación moito máis avellentada. Por outra banda, no que ten que ver con patoloxías como caries ou cálculos dentais, todas estas necrópoles presentan datos semellantes.

"Outra cousa curiosa coa que nos atopamos foi que en dez dos individuos estudados atopamos unha lesión chamada hipercementose, que é, a grandes trazos, "un engrosamento das raíces dos dentes por diferentes motivos". Caracterízase pola acumulación excesiva de material chamado cemento radicular sobre a raíz do dente, o que lle remata por dar unha forma anormal. "Hai antecedentes que amosan que cando os dentes están moi desgastados e non hai contacto entre eles, prodúcese unha erupción compensatoria que fai que as raíces se ensanchen para que non se perdan as pezas dentais, e isto sería algo que resulta compatible con estes desgastes tan grandes que vimos nos individuos estudados en Pontevedra", asevera a investigadora Veiga.

METODOLOXÍA E ANÁLISE

Ambos os xacementos estudados son igrexas medievais de arredor do século XIII. Santa María, máis coñecida co nome de Santa María dos Pescadores, foi construída cos cartos dos pescadores pontevedreses e, polo tanto, baixo ela, na súa necrópole, están enterrados restos de poboación secular deste gremio. Pola súa banda, San Bartolomeu O Vello, na zona onde na actualidade está situado o Teatro Principal da cidade, contén unha necrópole na que tamén hai poboación secular enterrada, pero neste caso a igrexa non foi construída polo gremio dos pescadores, senón polo dos artesáns. Os 34 individuos do estudo  no que participa Veiga son esqueletos que están depositados na Facultade de Bioloxía da USC, e cuxas cronoloxías van dende o século XIII ata o século XVII. O seu estado de preservación foi catalogado como medio, pero a investigadora asegura que é máis ben baixo.

Así, deses 34 esqueletes puidéronse obter para a súa análise 458 pezas dentais, que presentaban 723 lesións entre as que había caries, hipoplasias dentais (danos no esmalte, que presenta manchas e pequenos ocos), cálculo dental (que vén a ser a solidificación do sarro, un depósito de calcio e fósforo que provoca manchas e decoloracións). Estes dentes pertencían a 27 individuos adultos e a sete menores de 12 anos. "A idea de incluír no estudo aos individuos non adultos era poder ver máis fielmente como era a poboación de Pontevedra, porque tradicionalmente os nenos son menos estudados, como se non formasen parte da sociedade, e neste caso incluímolos, aos sete que se conservaban", destaca a investigadora Veiga.

A primeira das análises químicas que se fixo sobre estes dentes foi a de coláxeno, pero tamén se fixeron análises químicas para a bioapatita. "O coláxeno vén a ser a parte orgánica e a bioapatita a inorgánica", explica Veiga, que indica que "co coláxeno buscamos saber a orixe das proteínas consumidas por eses individuos e coa bioapatita (carbonatos) saber a orixe da enerxía activa". En total, só 29 dos 34 individuos iniciais acadaron os estándares mínimos para ser utilizados na análise de bioapatita. Non foi tarefa sinxela, pois mesmo había dentes que non estaban xa na boca, e houbo que identificar a que parte pertencían. Con todo, a través desas 723 lesións este estudo puido "achegarse un pouco máis á vida cotiá dos individuos pontevedreses da época, a través da súa dieta e saúde oral, e ver como estas dúas cousas se correlacionaban entre si".

Igrexa de Santa María en Pontevedra
Igrexa de Santa María en Pontevedra | Fonte: Commons
Igrexa de San Bartolomeu O Vello en Pontevedra
Igrexa de San Bartolomeu O Vello en Pontevedra | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta