Infrarrepresentación da comunidade LGTBIQ+: "Aínda queda moito por facer en ámbitos como a escola e a política"

Melania Cristina Domínguez, docente na Universidade de Las Palmas de Gran Canaria. Visitou Galicia para falar da realidade LGTBIQ+ e defende que "o sexo pode ser múltiple, xa que se debe realmente a unha interrelación entre cerebro e hormonas, e non ter por que vir dado pola xenitalidade".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/12/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A comunidade LGTBIQ+ conquistou moitos dereitos e liberdades, pero aínda queda moito camiño por percorrer. Pensade en cantas mulleres ou homes do colectivo coñecedes que ostenten cargos de poder. Algún en política? Algún mestre? Algún científico? Pois seguro que si, pero non saltan á palestra, non son coñecidos ou ben hai presións que tentan invisibilizalos. É por iso que para tratar de acadar unha sociedade máis igualitaria, é preciso que os nosos nenos e nenas teñan referentes de todo tipo, tamén dentro da comunidade LGTBI, para poder amosar libremente e sen vergoña quenes son e quenes queren ser. Melania Cristina Domínguez, docente na Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, e recentemente convidada en Galicia a dar unha conferencia baixo o título 'Performances, prótesis e cyborgs: a evolución do concepto sexo/xénero nos estudos LGTBIQ+', conta a Galicia Confidencial a súa visión sobre a situación actual.

Varias persoas durante unha manifestación polo Día do Orgullo LGTBIQ+, o 28 de xuño, na Coruña
Varias persoas durante unha manifestación polo Día do Orgullo LGTBIQ+, o 28 de xuño, na Coruña | Fonte: M. Dylan - Arquivo

"Houbo un momento, aló polos anos 60, no que se pensaba que o sexo estaba ligado á xenitalidade e que era un límite absoluto para calquera tipo de variación no xénero", explica Domínguez, que asegura que, por aquel entón, "era moi difícil que unha persoa puidera manifestar que o seu sexo asignado ao nacer non correspondía con como ela se sentía a nivel de xénero". Naquel tempo, "pensábase que non, que iso non era posible, que non podía ser, que o teu sexo tiña que estar determinado polos teus xenitais". Afortunadamente, como afirma esta experta, "a academia, dende diferentes ámbitos de estudo, das humanidades, das ciencias sociais, da filosofía, e tamén da ciencia, deuse conta de que o sexo pode ser múltiple, que se debe realmente a unha interrelación entre cerebro e hormonas, e que non ter por que vir dado pola xenitalidade". Nese momento nos atopamos na actualidade.

Así as cousas, Domínguez confesa que "eu creo que, se ben é certo que gañamos moitos dereitos, e que o contexto español é pioneiro na aprobación de leis importantes en materia LGTBIQ+, hai dereitos que se están poñendo un pouco en cuestión", de xeito que "aínda que en materia de orientación gañásemos bastante, en materia de identidade estamos nun momento complicado". E isto débese, na súa opinión, "non só aos cuestionamentos que poida haber por parte de movementos políticos de dereita extrema, senón tamén a que dentro do propio movemento feminista hai unha tendencia importante a invalidar a identidade das persoas transexuais". É por iso que se precisa de frear estes tipo de ataques entre colectivos vulnerables para tratar de facer forza común na adquisición de dereitos.

Neste contexto, cales serían os prexuízos ou os estereotipos que continúan existindo na sociedade actual? A experta ten claro que "en materia de representación aínda non hai a suficiente en lugares como os medios de comunicación". "Agora pasamos a un extremo contrario onde para compensar un pouco a imaxen histórica que durante moito tempo se deu das persoas pertencentes aos colectivos vulnerables, como os homosexuais, se lle da unha sobrerepresentación en plataformas tipo Netflix, nas que se amosa a homosexuais que ostentan un montón de poder simbólico e económico", apunta Domínguez. Por que? "Porque a comunidade rexeita esa visión asociada á marxinalidade que antes se lles daba", conclúe.

Pero aínda hai moitos camiño por percorrer ata lograr a normalización. "Un lugar moi importante onde o colectivo LGTBIQ+ segue infrarrepresentado é a escola, pois a nivel educacional aínda non hai suficientes protocolos de intervención para protexer á comunidade de nenos, nenas e nenes vulnerables que están expostos diariamente á violencia polo simple feito de pertencer a este colectivo, e fai falta moito traballo ao redor da representación, coa eliminación dos estereotipos, e coa vixilancia por parte do profesorado para que se cumpran ben os protocolos", considera a experta. Domínguez tamén ve esa carencia de representación no plano político, porque "as persoas da comunidade LGTBIQ+ no mundo da política manteñen un perfil baixo, non falan da súa identidade nin da súa orientación". Neste senso nomea a Fernando Grande-Marlaska como referente, por poñer un exemplo, e a Carla Antonelli, unha avogada e activista que lidereu un movemento importante e logrou levar leis ao Parlamento.

Bandeiras LGTBIQ+
Bandeiras LGTBIQ+ | Fonte: JAMIE MCCARTHY - Arquivo

PERFORMANCES, PRÓTESIS E CYBORGS. DE QUE ESTAMOS A FALAR?

O título da súa conferencia resultava moi chamativo: 'Performances, prótesis e cyborgs', pero, que se agocha tras el? "Performances alude ao concepto que empregou a teórica Judith Butler para definir o xénero, é dicir, consideraba que a forma na que nós expresamos o xénero socialmente ten unha carga performativa importante. Que quere dicir isto? Pois que hai unha serie de ritos a nivel social que repetimos para consolidar a nosa imaxe de xénero: por exemplo, as nenas deben comportarse dunha determinada maneira para ser consideradas nenas", explica Domínguez. Seguidamente, "hai outra teórica chamada Donna Haraway, que considera que hai unha dimensión do sexo que é tecnolóxica, considerando que o ser humano actual ten unha conexión coa tecnoloxía que interfire na propia construción do seu corpo, de tal maneira que chama aos seres humanos actuais cyborgs, na medida en que a tecnoloxía está todo o tempo transformando o seu corpo". 

Neste senso, apunta que "algo moi evidente está en como os móbiles transformaron completamente a nosa relación coa realidade, ata o punto de que practicamente semellan ser unha extensión do noso corpo", e tendo esto en conta, "hai tecnoloxías que tamén poden operar na maneira en que nós vivimos o noso xénero". Chegados a este punto, "Paul Preciado usa o termo prótesis para facer referencia a que as hormonas poderían ser unha tecnoloxía que tamén está a interferir en como nós podemos expresar o noso xénero". "Así usa o termo de prótesis para aludir a unha especie de construción material do corpo", expón Domínguez. E aínda que todos estes conceptos teóricos resulten complexos de interpretar, todos coinciden nun mesmo punto: sexo e xénero non son o mesmo.

"AS REDES SERVEN PARA UNIR Á COMUNIDADE, PERO TAMÉN XERAN ODIO"

Preguntada sobre o mundo complexo das redes sociais, onde estas serven, por unha banda, para poñer en contacto a persoas da propia comunidade LGTBIQ+ e democratizar así a súa visibilización, pero tamén onde actúan como un motor de bullying e acoso, Domínguez apunta que "como todo, as redes sociais tamén teñen a súa parte turbia". Con todo, concede que "por suposto que fan un activismo co que logran abrir un oco para a representación da comunidade e mesmo serven para que a comunidade poida establecer redes entre ela". Nesta ámbito, "creo que si se está conquistando moito espazo virtual, pero non debemos esquecernos do espazo físico real que tamén a comunidade conseguiu manter no tempo ao longo da historia, agrupándose e asociándose para chegar a compensar esa falta de representación política e legal á que están expostos", indica a experta.

Pola banda negativa, afirma que "agora o gran reto para enfrontarse ao bullying e ao odio cara o colectivo LGTBIQ+ é a intervención nas redes sociais, pois hai que ver como podemos manexar as redes de forma segura, especialmente no que aos menores se refire". Ademais, Domínguez sinala que "nas redes sociais hai ideais físicos, de estilo de vida, que moitas veces non se xustan á realidade, e moitas persoas que teñen unha corporalidade disidente ou un estilo de vida diferente porque pertencen a comunidades vulnerables, míranse a estes espellos e pódense sentir mal, polo que este tamén é outro reto".

"AÍNDA QUE RESULTE TRISTE, O ODIO PODE UNIR A MOITA XENTE"

Finalmente, é innegable que na sociedade actual hai unha parte dos mozos que semella que volven a antigas ideas. Despois de moitos anos loitando polos dereitos sociais, semella que hai unha parte destes mozos que volven a tempos pasados. Sobre isto, Domínguez explica que "as persoas da comunidade están nunha liña máis progresista, pero tamén é certo que hai moita transfobia e moita homofobia interiorizada por parte da comunidade". Neste senso, concede que "si que hai unha xeración que está moi exposta a discursos moi populistas e de odio difundidos a través das redes sociais, onde hoxe en día odiar é moi fácil, porque podes agocharte detrás dun avatar e verter todo o teu odio, lelo ou compartir imaxes de contidos violentos". 

Ademais, esta experta apunta que "para os mozos de hoxe en día hai moita necesidade de pertenza ou identificación cun grupo nun mundo que está absolutamente virtualizado, onde todos estamos un pouco separados a nivel social, e, aínda que resulte triste, o odio pode unir dende a rabia a moita xente, e moitos adolescentes pódense sumar a este carro, porque non o entenden ou ben porque non teñen as suficientes ferramentas críticas como para poñelo en cuestión". O resultado? "Que moita xente da comunidade LGTBIQ+ ten chegado a poñer en risco a súa vida polo bullying que sufriu por parte mesmo dos seus iguais", sentenza Domínguez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta