Mortaldade de marisco na ría de Arousa, de quen é a responsabilidade?

Os e as mariscadoras da ría de Arousa denuncian que a elevada mortaldade de ameixa e berberecho, así como afectación nas bateas, ten como responsable a falta de coidado da ría. Apuntan a verteduras incontroladas, aumento de temperatura na auga e sobre todo, de falta de salinidade na ría, como elementos determinantes nas perdas económicas que están sufrindo.

Por Moncho Mariño | Santiago | 28/12/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) recomenda a suspensión das campañas de extracción marisqueira “para protexer os stocks de recrutas e pre-recrutas que aínda non teñen o tamaño mínimo para a súa explotación e serán o stock” explotable para o ano 2024. Esta recomendación figura no proxecto de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026 que aínda está sen aprobar. O informe apunta a condicións meteorolóxicas, oceánicas e á marteliliose entre as “causas de forza maior” que influíron na perda de ameixa e berberecho na ría de Arousa. Pola súa parte, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) considera que o desleixo e a falta de atención das autoridades está detrás de problemas como a contaminación por metais pesados e tamén da perda de salinidade na ría. Os e as mariscadoras reclaman maiores medidas de protección para a súa fonte de ingresos e mentres, a Xunta presentou o día 20 a petición de declaración de zona catastrófica para as rías da Coruña e Pontevedra.

Marisco chegado á praia de Testal, en Noia
Marisco chegado á praia de Testal, en Noia | Fonte: Manuel María Candamo - Arquivo

CONTAMINACIÓN

A apertura dos encoros no río Ulla durante o outono pasado tivo como efecto a perda de salinidade na ría de Arousa, extremo que levou a unha elevada mortaldade do marisco, sobre todo ameixa e berberecho. Á parte, tanto o sector marisqueiro como asociacións de defensa da ría como outros axentes sociais destacan a presenza de metais pesados na auga procedente dos encoros, de verteduras incontroladas desde puntos na costa e a falta de actualización nas EDAR da zona que non depuran debidamente produtos como deterxentes e fitosanitarios empregados na viticultura.

A auga doce vertida desde os encoros e as choivas do último outono, foron determinantes na morte do marisco? “Non, hai unha serie de circunstancias como é o desleixo e permitir que o problema apodreza” di Xoaquín Rubido, da PDRA, quen denuncia a falta de accións concretas por parte das administracións. “Non avisaron da situación actual e que se podía ter atallado con medidas como a apertura de encoros a determinadas horas”. Esta proposta foi presentada á Xunta mais “din que non teñen competencias sobre este punto, mais quen pode regular a apertura ou non é Augas de Galicia, dependente do goberno autonómico”.

Nalgunhas áreas, como Os Lombos do Ulla, “levan parados desde 2019 para o marisqueo a flote, nós o que facemos é recoller a ameixa que está viva, falamos con biólogos mais todo apunta que a situación é crítica” di María Porto, presidenta da agrupación de mariscadoras a pé de Carril. “As especies máis afectadas son as autóctonas, da ameixa babosa non sacamos nada”. Porto indica que non só son as augas doces as culpables senón “os ventos do sur que levantan toda a semente”. As perdas poden andar entre 70.000 e 80.000 euros sumando todos os traballos de semente, limpeza, compra da semente e predas en venda de marisco.

Marisco morto
Marisco morto

O patrón maior de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias, apunta que entre 3.000 e 5.000 persoas viven da extracción de marisco e a esta xente súmanse os postos indirectos. Iglesias ve outro factor detrás das perdas na contaminación. “As EDAR (depuradoras) non depuran ben algúns químicos, logo están as verteduras directas e as da mina de Touro que traen metais pesados á ría”. Enrique Maceiras, patrón maior da Pobra do Caramiñal, coincide en que as EDAR “captan químicos que non poden tratar como son os sulfatos ou herbicidas indo directamente ao mar”. Maceiras di que se pediron reunións coa Consellería de Mar para buscar solucións que rexeneren a ría. “Antes o deterioro era lento, agora é imparable”.

O bateeiro Juan Carlos Juncal destaca que o mexillón “non agarra como antes ás cordas da batea”. Este fenómeno non é puntual senón que leva ocorrendo desde hai máis dunha década. “O desprendemento de mexillón afecta de maneira distinta a cada batea, hainas cun 70% e outras que poden ter un 20%”. Sobre os factores detrás deste fenómeno Juncal coincide con Iglesias e Maceiras en que “as EDAR non funcionan como deben o que permite a chegada de verteduras á ría” e a iso suma a suba das temperaturas na auga e a posible existencia de diversos patóxenos.

PERDAS

A salinidade chegou a cero nalgúns puntos da ría, como nos Lombos do Ulla, á parte da suciedade transportada pola auga que desemboca na ría, di Rosalino Díaz, patrón maior de Vilanova. Sobre as perdas en marisco “unha persoa vén recollendo 1kg de ameixa e hai uns días só se poxaron 5,5kg na lonxa, e temos 50 barcos de marisqueo”. Sobre as especies afectadas “a ameixa fina morre toda e a xapónica non ten o tamaño para comercializar”. Isto e máis factores levaron a iniciar os trámites de cesamento de actividade para un número importante de persoas adicadas ao marisqueo.

As especies máis afectadas son as autóctonas, como di María Porto. “Estivemos sementando tres anos seguido para non sacar nada ao final”. En total, o investimento para preparar as zonas de recollida a pé na agrupación de Carril foi de 70.000 a 80.000 euros dos que “non cremos que quede nin a metade”.

Dentro do sector bateeiro, Juan Carlos Juncal non cre que se peche a actividade, aínda así “haberá perdas económicas por descenso de actividad”. A consecuencia é que se importará mexillón estranxeiro para substituír o galego. Xa en 2022 vendéronse 31 millóns de quilogramos menos de mexillón autóctono.

Noutras áreas, como Vilaxoán, a afectación segundo o presidente da agrupación de mariscadores a pé, José Gómez, afectou á ameixa fina que non se recolleu “e da xapónica sacamos sete quilogramos cando o ano pasado houbo 10kg”.

A contaminación, o cambio nas correntes mariñas, temperaturas elevadas e a pluviosidade excesiva foron os factores que acabaron este ano coa recollida de ameixa e berberecho. As perdas económicas son de gande importancia por iso moitos e moitas mariscadoras temen que as axudas achegadas polas administracións non sexan suficientes para cubrir os ingresos perdidos. De momento queda por aprobar o proxecto de explotación marisqueira de 2024-2026 e a incógnita está en saber se haberá recuperación de stocks e monetaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta