Jorge de los Bueis, presidente de Oceanógrafas de Galicia: "Preocúpanos ver concellos meter maquinaria pesada nas praias"

"Vemos que moitos concellos non saben ben que facer ou están actuando de boa fe, pero equivocándose en determinadas cousas, e parécenos importantísimo que teñan indicacións claras de como proceder, do que poden e non poden facer nos seus areais", argumenta o experto.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/01/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Ante o descoñecemento nesta crise dos pélets (ou dos microplásticos ou dos granulados), todo o mundo fai o que pode e o que mellor considera. Polas redes sociais circulan un feixe de protocolos, que moitas veces mesmo son contradictorios entre eles. Que se usar guantes, que se non; que se ir con botas, que se non; que se usar máscara, que se non... Son algunhas das indicacións contradictorias que recibiron os voluntarios que estes días peinan os areais galegos. Aínda a día de hoxe teñen dúbidas sobre se é axeitado empregar basoiras e recolledores. Pero o gran problema está en que os propios concellos tampouco recibiron información precisa sobre como actuar. Así, os que queren botar unha man, están mandando a técnicos municipais a realizar tarefas de limpeza con utensilios que igual non son os máis axeitados para conservar o equilibrio do ecosistema e que mesmo o poden danar.

Este é o código que levan inscrito os sacos de pélets
Este é o código que levan inscrito os sacos de pélets | Fonte: Oceanógrafas Galicia

Neste senso, Jorge de los Bueis Mellado, presidente de Oceanógrafas de Galicia, asegura que "estamos a ver cousas que nos están comezando a preocupar un pouco", porque "xa vimos maquinaria pesada nos areais e toda unha serie de cousas que nos levan a preocuparnos moito". Para tratar de evitar que se siga caendo nestes erros, dende a asociación están a realizar "un listado de recomendacións para mandar canto antes aos concellos galegos con indicacións moi claras do que se debe facer". "Vemos que moitos concellos non saben ben que facer ou están actuando de boa fe, pero equivocándose en determinadas cousas, e parécenos importantísimo que teñan indicacións claras de como proceder, do que poden e non poden facer nos seus areais", argumenta o experto.

Do mesmo xeito, tamén traballan en colaboración coa Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo (UVigo) e do Centro de Investigación Mariña (CIM), xunto aos que crearon un grupo de traballo de persoal investigador científico-mariño, para que en base ás súas áreas de coñecemento (hai profesionais do ámbito da ecoloxía mariña e da sedimentoloxía de praias, entre outros), "nos dean indicacións claras sobre o que debe ou non debe facer a poboación que vaia a limpar". E é que, como incide, "vimos que hai un montón de recomendacións contradictorias, hai xente que di de levar guantes, outros que non; xente que di que se use máscara, outros que non; é dicir, hai moita información e moitas listas de recomendacións que non sabemos de onde veñen, que non se firman nin están argumentadas". Fronte a isto, nós "estamos traballando nun listado de recomendacións baseado no coñecemento científico, argumentado, claro e veraz". 

AXUDA PARA BUSCAR O CÓDIGO DOS SACOS: "HAI MOITA INFORMACIÓN ERRÓNEA"

A estas iniciativas súmase a axuda que están a dar a diferentes asociacións e grupos de investigación científica para determinar a composición e a toxicidade dos pélets. "A directiva de Oceanógrafas reuniuse o luns para valorar a situación e a conclusión que sacou foi que hai moita información errónea, sen contrastar, moita desinformación e ruído que chega á cidadanía, con pautas contradictorias, o que está a xerar moito revoo social, evidentemente", conta Jorge de los Bueis. Fronte a isto, "entendimos que o noso papel, posto que pertencemos ao ámbito científico, era intentar colaborar aportando evidencias, datos fidedignos e veraces". Por iso, "contactamos cos grupos de investigación que están estes días traballando en obter máis información e datos dos pélets", como é o caso do grupo ECOTOX, da UVigo.

Técnicos municipais recollendo pélets na praia das Sinas, en Vilanova de Arousa
Técnicos municipais recollendo pélets na praia das Sinas, en Vilanova de Arousa | Fonte: Cedida

Pedían información sobre os códigos dos sacos. "Nós tratamos de colaborar buscando fotos dos sacos nos que ían estes pélets que se están dispersando pola costa, porque todos eses sacos teñen un código por fóra e interésanos moito poden velo para poder determinar o tipo de plástico do que están formados", explica o presidente de Oceanógrafas Galicia. Só así se poden saber "os aditivos e outros compoñentes que teñen os pélets". "De momento vemos que o código é común a todos os sacos dos que temos fotografía, polo que algunha persoa podería dar por feito que todos os sacos, pero non o sabemos en realidade, pois pode haber moitos cun código e algúns con outro, por iso é importante monitorizalos, para seguir confirmando de xeito continuo o tipo de materiais que están a chegar ás costas, ese é o obxectivo", conclúe De los Bueis. 

A xente que teña fotografías de sacos pode facilitarllas a esta asociación a través dun formulario moi sinxelo que teñen publicado na súa páxina web. "Co móbil e nuns poucos minutos pódennos axudar moito, e só pedimos datos básicos para saber onde está o saco, e algúns datos adicionais que a persoa que localiza o saco en cuestión pode darnos de maneira opcional", explica o experto. As fotos recibidas poñeranse a disposición de grupos de investigación que están levando a cabo as análises e prospecións do asunto, para "poder ter cada vez máis certezas en canto ao material e ás características técnicas do mesmo (se é tóxico ou non)". Tamén hai a opción de enviar mostras do material contido nos sacos, porque tamén hai grupos de investigación que están valorando que material é, se é impermeable, se ten degradación e "moita máis información que nos vai permitir anticipar como se comportarán estes sacos e que nivel de degradación terán nos próximos días".

Técnicos municipais recollendo pélets na praia das Sinas, en Vilanova de Arousa
Técnicos municipais recollendo pélets na praia das Sinas, en Vilanova de Arousa | Fonte: Cedida
Técnicos municipais recollendo pélets na praia das Sinas, en Vilanova de Arousa
Técnicos municipais recollendo pélets na praia das Sinas, en Vilanova de Arousa | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta