Os caldos de Valdeorras presentes no "Barcelona Wine Week"

Aqueles que visiten este prestixioso salón entre o 5 e o 7 de febreiro poderán atopar ata 26 referencias distintas no stand da Denominación de Orixe.

Por Galicia Confidencial | Barcelona | 06/02/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Barcelona Wine Week, que arrincou este 5 de febreiro na cidade condal, estase a consolidar como unha das citas de referencia do sector do viño no noso país. O Consello Regulador volve participar, tras a experiencia do ano pasado, neste foro cun espazo expositor propio no que poderán degustarse 26 marcas de viño de 15 adegas da comarca.

Barcelona Wine Week (arquivo). Foto: CRDO Valdeorras.
Barcelona Wine Week (arquivo). Foto: CRDO Valdeorras.

Na edición deste ano participarán preto de 1.000 expositores, segundo fixo público a organización da feira, unha cifra récord nunca antes acadada que evidencia o interese crecente dos actores ligados ao eido do viño por participar nun foro que se prolongará ata o vindeiro mércores.

“Estamos orgullosos de ser unha das 73 denominacións de orixe que participa neste foro”, sinala o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, quen engade, “ademais de poder achegar os nosos brancos e tintos a diferentes prescritores e públicos especializados, este salón signíficase especialmente por contar cun programa divulgativo moi interesante que inclúe clases mestras e relatorios sobre as últimas tendencias do eido do viño ou sobre cuestións que afectan ao noso ámbito de actividade como pode ser a procura dun modelo de produción cada vez máis sostible”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta