Un cidadán denuncia a negativa do CGPJ a aceptar un escrito en galego

A Mesa sola Normalización Lingüística tamén reprocha que Facenda busque "impor nomes deturpados" nos seus emails electrónicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2024 | Actualizada ás 19:15

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística recibiu, a través da Liña de Galego, a queixa dun cidadán que presentou un escrito en galego en atención cidadá do Rexistro Civil e recibiu, por resposta, "un escrito no que o Consello General del Poder Judicial lle informa de que a lingua dos procedementos tramitados pola Administración Xeral do Estado será o castelán".

Sobre o ocorrido, A Mesa lembra que "o artigo citado abusivamente pola máxima autoridade xudicial do Estado continúa dicindo que, non obstante o anterior, os interesados que se dirixan aos órganos da Administración Xeral do Estado con sede no territorio dunha comunidade autónoma poderán utilizar tamén a lingua que sexa cooficial nela".

A entidade destaca, tamén, que a resposta foi remitida directamente desde o Consello General del Poder Judicial e non desde o Rexistro Civil, a quen se dirixiu inicialmente o escrito.

NOMES DETURPADOS


Por outra banda, denuncia que a Axencia Tributaria de Galicia "pretende impor nomes deturpados como Viana do Bolo, Noya ou Ginzo nos correos electrónicos das oficinas liquidadoras".

A Mesa pediu á Consellería de Facenda, á Secretaría Xeral de Política Lingüística e á Valedora do Pobo que rectifiquen esta acción de "desprezo absoluto pola lingua e a toponimia galega" e "repoñan a legalidade inmediatamente".

Sede do CGPJ en Madrid. PLENA INCLUSIÓN - Arquivo
Sede do CGPJ en Madrid. PLENA INCLUSIÓN - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta