Análise das infraestruturas da Xunta: catro grandes viais colapasados nos últimos dous anos, dous deles, pontes

En cinco días esborrallou unha ponte en Ourense, derrubouse parte dunha infraestrutura aberta hai menos dun ano na Coruña e un desprendemento pechou outra estrada en Ourense. A Xunta está utilizando fondos da UE para o cambio climático para tentar arranxar os derrubes nas estradas mentres apunta a motivos exóxenos a maior parte dos colapsos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/03/2024 | Actualizada ás 21:51

Comparte esta noticia

Dúas pontes colapsadas, unha estrada que leva dous anos pechada tras un derrube total, outra que tardou un ano en abrirse tras un afundimento e tres máis que foron cortadas tras derrubes importantes. Este é a situación dalgunhas infraestruturas viarias básicas para a comunicación en determinadas puntos de Galicia e todas elas dependen da Xunta. 

Pontearnelas
Pontearnelas

Entre os viais máis afectados están a LU-651 que une o Courel con Quiroga cortado desde marzo de 2022, o afundimento dun tramo da estrada PO-534 en Forcarei en decembro de 2022, unha gran fochanca no corredor Brión-Noia en marzo de 2023, o desprendemento dun dos taboeiros da ponte de Pontearnelas, en Vilanova de Arousa, un mes despois ou o derrube de parte da ponte de Xunqueira de Espadanedo na estrada OU-536 o xoves 29 de febreiro. Pero nos últimos días tamén esborrallou un muro de contención dunha conexión coa Vía Ártabra en Oleiros, este venres, 1 de marzo e houbo un desprendemento en Lobios que obrigou a cortar a estrada OU-540 este sábado, 2 de marzo.

En todos os casos, o Goberno galego insiste que son colapsos provocados non polo mantemento da vía, é dicir, competencia da Consellería de Infraestruturas, senón por razóns exóxenas. Entre elas, que a base de determinados viais é do século XIX, a corrosión de materiais ou, e sobre todo, polo mal tempo e as fortes chuvias, que acaban provocando o derrube de determinados tramos.

A Xunta utiliza fondos da UE para arranxar infraestruturas afectadas

Polo momento, as obras adicionais realizadas por mor destas desfeitas superan xa os sete millóns e as novos derrubos suporán, probablemente, outros millóns de euros das arcas públicas. Con todo, a Xunta está utilizando fondos da UE dos efectos das choivas asociadas ao cambio climático para un programa de estabilización de noiros viarios.  En total, 11,4 millóns que quere investir no arranxo de estradas danadas por condicións meteorolóxicas.

Colapsa parte dunha ponte sobre a estrada OU-536 en Xunqueira de Espadanedo (Ourense). GARDA CIVIL
Colapsa parte dunha ponte sobre a estrada OU-536 en Xunqueira de Espadanedo (Ourense). GARDA CIVIL

Precisamente, en febreiro deste ano, a Consellería de infraestruturas e Mobilidade anunciaba obras de estabilización de muros e noiros danados polos últimos temporais na provincia de Ourense cun investimento de preto de 190.000 euros. Concretamente, repararanse dous muros de contención na estrada autonómica OU-801, ao seu paso polo concello de Cortegada, e na estrada OU-533, en Viana do Bolo.

A ESTRADA DO COUREL

A Xunta, que ten criticado duramente ao Goberno central pola situación dalgunhas infraestruturas do Estado, nomeadamente o viaducto que colapsou na A-6, en Pedrafita, leva case dous anos cunha estrada cortada vital para a comunicación no Courel tras o derrube de 200 metros da LU-651 que unía esta comarca con Quiroga. A Xunta habilitou un desvío provisional moi polémico que abriu cinco meses despois do colapso.

Ademais do corte desta estrada no punto quilométrico 18,3, a Xunta leva sen acondicionar o ensanche desta estrada entre Folgoso e Seoane, que iniciou hai 14 anos. As causas do colapso, segundo a conselleira Ethel Vázquez, "sábense desde o primeiro día" e débese ao colapso dalgunhas galerías subterráneas dunha canteira próxima á estrada. Unha vez se peche o expediente, dixo, na Cámara galega "depuraranse responsabilidades".

AFUNDIMENTO EN FORCAREI

No Nadal do ano 2022 un tramo da estrada PO-534, en Forcarei, tivo que ser cortada ao tráfico debido ao grave risco de afundimento detectado á altura do quilómetro 30,9. A situación do viario obrigou a cortar o tramo de 3,5 quilómetros comprendidos entre a rotonda de Cachafeiro e a ligazón coa N-541 en Folgoso.  Foi reaberta case un ano depois en novembro de 23, tras 337 días fechada e máis dun millón na obra de reparación.

GRAN FOCHANCA EN ROIS

En marzo de 2023 tamén tiña que ser cortada durante varios días a estrada AC-543, que une Brión con Noia ao seu paso por Urdilde, no municipio de Rois. O motivo foi unha focha duns dous metros de diámetro que obrigou á Garda Civil de Tráfico a pechar o paso de vehículos para evitar que algún caiara no seu interior. Esta infraestrutura foi inaugurada por Feijóo en 2011.

UNHA PONTE PECHADA EN PONTEARNELAS

En abril do pasado ano o Viaducto de Pontearnelas da estrada autonómica PO-300, e con tan só 16 anos de antigüidade tiña que pecharse pola rotura dos tirantes de aceiro dun dos lados da ponte. "Como é posible que pase isto nunha ponte que ten 16 anos. Van ter moito que explicar. Esa ponte custou 3 millóns de euros. Non pode estar así en 15 anos. Cando menos, merecemos unha explicación", dicía entón o alcalde de Vilanova de Arousa, do PPdeG, dunha infraestrutura fundamental que une este concello co de Ribadumia.

A conselleira explicaba días despois que os danos na ponte foron causados pola corrosión e oxidación das péndolas do arco, "o que provoca unha complexidade engadida ao estar sobre a canle do río". Case un ano depois, a ponte segue sen estar reparada tras destinar case cinco millóns ao seu arranxo.

A ponte de Xunqueira colapsou porque a fixeron mal no século XIX, segundo a Xunta

OUTRA PONTE QUE COLAPSA EN XUNQUEIRA DE ESPADANEDO

O xoves 29 de febreiro colapsaba outra ponte, a de Xunqueira de Espadanedo na estrada OU-536. E tamén, como no anterior caso, a conselleira botou balóns fóra e veu dicir que o problema desta infraestrutura era do século XIX.  Os técnicos da Administración autonómica concluíron que a causa do colapso foi a "deficiente execución" no momento da súa construción (século XIX) "que non se axustou ao proxecto orixinal" porque non contou coa "anchura necesaria na súa parte inferior para garantir a capacidade de resistencia e cun recheo insuficiente e de mala calidade".

Esta estrada é fundamental para a conexión dos concellos da montaña de Ourense e moi transitada para visitar, precisamente, zonas de montaña como Trives ou Manzaneda. A Xunta habilitou unha alternativa que irá por estradas locais e en mal estado de case catro quilómetros. 

CAE UNHA OBRA INAUGURADA NA ÉPOCA DE RUEDA

Un día despois, o venres, tiña lugar o derrube dun muro da ligazón da Vía Ártabra e a N-VI no municipio coruñés de Oleiros nun punto de gran tráfico rodado. O Goberno galego prevé terminar os traballos de reconstrución nun prazo de tres meses. Desta volta, os técnicos da Xunta falan dunha "deformación" no muro de sostemento executado nas inmediacións dun establecemento comercial.

Esta gran obra abriuse fai menos dun ano, precisamente, sendo xa presidente Alfonso Rueda. "É incrible que unha obra que se acaba de facer esborralle desta forma. O de que na Vía Ártabra todo é malo, xa non vale, é peor aínda. O señor (Alfonso) Rueda vai ter que cambiar esta conselleira polo ben de Galicia", manifestou o rexedor, Anxo García Seoane, en alusión á titular de Infraestruturas, Ethel Vázquez.

DESPRENDEMENTO EN LOBIOS

E xa o sábado, un desprendemento de varias pedras de grandes dimensións provocaba un corte de tráfico no punto quilométrico 57,8 da OU-540, ao seu paso polo concello de Lobios. Varias rocas caíron dunha ladeira preto do encoro de As Cunchas e ocupaban parte dunha estrada de tres carrís, dous dos cales tiveron que ser cortados. 

CRÍTICAS INTERNACIONAIS

Curiosamente, hai unhas semanas a Consellería de Medio Ambiente iniciaba tamén a reparación do acceso ao Mosteiro de Caaveiro, no interior do parque natural das Fragas do Eume, despois das críticas feitas en redes sociais polo famoso pionista londinense James Rhodes despois de visitar esta fermosa paraxe. 

Hai 292 pontes anteriores ao ano 1900, o que supón o 16% do total 

QUE FAI A XUNTA COAS PONTES

Nos últimos anos, máis de 20 pontes da rede de estradas autonómicas requiriron unha actuación especial de conservación, o que supón o 0,87% do total das 1.837 estruturas deste tipo existentes --cunha lonxitude de máis de tres metros entre as súas bases.

A corrosión e as fisuras por elementos como a auga son algúns dos casos que provocan o maior número de arranxos. De feito, desde Infraestruturas insisten en que realiza tres tipos de revisións nas pontes, unha de tipo rutineiro (cada 15-18 meses), outra en profundidade (cada cinco anos) e outra de tipo especial (cando se detectan elementos danados que así o xustifican). Con todo, estas actuacións non serviron para que teñan colapsado dúas pontes no último ano.

As vías autonómicas contan con 5.500 quilómetros, dos cales 170 quilómetros son pontes (hai 308 pontes de pedra e 1.497 de formigón). O 76% das pontes están sobre o curso da auga e hai unha estrutura elevada en cada tres quilómetros de estrada. Ademais, hai 292 pontes anteriores ao ano 1900, o que supón o 16% do total. Un dos casos significativos é o da ponte romana de Bibei, en Trives, do ano 80 despois de Cristo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta