Especies invasoras: a cortadeira ou herba da Pampa, un sufrimento para os alérxicos ao pole

"Se eres alérxico ás gramíneas e aos ácaros, algo que tamén é moi común, pasas case todo o ano con alerxia: cando remata a alerxia ás gramíneas en outubro empezas o outono cos ácaros, que proliferan ata xaneiro ou febreiro e, despois, volves a empezar coas gramíneas na primavera", explica Alberto Gandarillas Solinis, investigador do Instituto de Investigación Valdecilla, que realizou o primeiro estudo no mundo que relacionou estas gramíneas coas reaccións alérxicas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 16/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Algunha vez te fixaches en que hai ao borde das estradas e dos camiños moitas plantas semellantes a un plumachos que acadan unha grande altura e que mesmo poden resultar bonitas á vista? Falamos dunha especie de espigas de cor areoso que parten duns fentos que poden acadar unha considerable altura. Coñeces o seu nome? Trátase de cortadeira, o seu nome científico é 'Cortaderia Selloana', que é a variedade máis frecuente, aínda que tamén hai otra que se coñece como 'Cortaderia Xubata'. Dun tempo a esta parte xa non hai case recuncho de Galicia onde non se atope, tal foi a súa expansión. Tanto que a estas alturas xa se pode falar dunha verdadeira invasión e, de feito, xa está incluída no catálogo de especies invasoras, xa que tamén causa un gran dano aos ecosistemas, por unha banda, e á saúde das persoas, por outra.

Exemplares de herba da Pampa, unha especie invasora que ameaza a flora autóctona
Exemplares de herba da Pampa, unha especie invasora que ameaza a flora autóctona | Fonte: EU Narón - Arquivo

Dende Galicia Confidencial contactamos con Alberto Gandarillas Solinis, o investigador xefe dun equipo do Instituto de Investigación Valdecilla (Idival) que realizou, xunto a outro equipo capitaneado polo xefe do servizo de Alergoloxía do Hospital de Valdecilla (HUMV), Fernando Rodríguez, o primeiro estudo mundial sobre a cortadeira e a súa afectación aos alérxicos ao pole das gramíneas. Explícanos que se trata "dunha planta que chegou de Latinoamérica (tamén se coñece como herba da Pampa, porque se supón que vén da Pampa arxentina) e que hoxe en día é un verdadeiro problema non só en Europa, senón tamén noutras partes do mundo, como Estados Unidos ou Australia". E asegura que "xa se está combatendo dende o punto de vista medioambiental e de biodiversidade porque é unha especie moi invasiva". Aínda que en España o habitual é atopala en zonas da costa cantábrica e atlántica, cada vez está chegando e asentándose máis na zona mediterránea. E é que durante moitos anos "foi cultivada para usar como decoración", o que acabou incrementando o problema. 

Cales son os principais problemas con esta especie? Por unha parte, como explica este experto, "é unha especie moi invasiva", porque "crece ben en solo pobre e moi degradado", algo que "non ten que ver con que lle guste máis ese solo, senón porque nel ten menos competencia, porque a outras especies autóctonas cústalles máis crecer en solo degradado, mentres que esta crece ben e con moita facilidade". Por outra banda, apunta a que "faise moi grande e bota raíces moi fortes, polo que costa moitísimo arrincala". De feito, Gandarillas asegura que "a mellor forma de rematar con ela é arrincala, pois os herbicidas, aparte de ser contaminantes, non a matan de todo e moitas veces volve crecer; e se se queima tamén adoita volver a crecer, porque a súa raíz permanece". Moita xente opta por cortarlle os plumachos (así polo menos diminúe en tamaño), pero tampouco é algo aconsellable, pois "estás facendo que se expanda máis, xa que nos plumachos están precisamente as sementes".

Outro problema desta planta é que, a pesares de pertencer ao grupo das gramíneas, "poliniza máis tarde que as gramíneas autóctonas locais", de tal xeito que se en Galicia as gramíneas propias polinizan durante a primavera, tendo o típico pico de polen en maio, xuño, xullo e rematando en agosto, "a cortadeira poliniza a finais de agosto, setembro e mesmo a comezos de outubro". E como agora hai moitas destas plantas, a diversidade de polinización tamén é máis abundante, pois, como apunta o investigador, "ao haber tantas plantas a heteroxeneidade aumenta e conséguese abarcar máis período de polinización". Exemplifica que se trata dunha campana de Gaus: representación gráfica que amosa a distribución dos datos entorno a un valor central, é dicir, que aínda que hai moitas cortadelias que polinizan nos mesmos meses, hai algunhas que se poden escapar das tendencias habituais e rematar polinizando ou ben un tempo antes ou ben un tempo despois.

UN 20 % DA POBOACIÓN É ALÉRXICA AO POLE DAS GRAMÍNEAS

Herba da Pampa
Herba da Pampa | Fonte: Arquivo

E cal é o problema desa polinización? Pois que hai moitísimas persoas que son alérxicas ao pole de gramínea. Gandarillas asegura que os estudos apuntan ao redor dun 20 % da poboación española, o que supón que 20 de cada cen españois son alérxicos ás gramíneas, "porcentaxe que está subindo segundo os últimos estudos". E coa cortadeira o verdadeiro problema atópase en que "como poliniza máis tarde, alonga o período de alerxia das persoas que sofren alerxia ás gramíneas, que antes só tiñan que sufrir durante a primavera e agora tamén o fan no outono, cando a súa alerxia, de ter só gramíneas autóctonas, debería rematar no verán", explica o investigador. 

O estudo foi o primeiro no mundo en tratar o impacto de cortadeira na saúde. Como se xestou? Gandarillas conta que "eu xa sospeitaba que a cortadeira era unha planta que provocaba reaccións alérxicas e, cando falei con Fernando Rodríguez, do hospital de Valdecilla, estivo de acordo comigo porque observara dende facía tempo que na consulta tiña pacientes cun segundo pico de alerxias nos meses de setembro/outubro, ou que nunca deixaban de ter alerxia aínda chegado outubro". Partindo desa base, "puxémonos a facer análise cunha mostra relativamente pequena de pacientes, un estudo piloto con 100 pacientes alérxicos ás gramíneas, recoñecidos, cos que fixemos probas con estrato de cortadelia, que non foi fácil de obter, porque non existía comercialmente, non se podía comprar, porque como nunca se fixera algo así non existía". 

Unha vez conseguido ese estrato, "fixéronse probas cutáneas para a alerxia, pero tamén probas serolóxicas con soro dos pacientes, para ver se había anticorpos específicos para o pole de cortadelia", chamados inmonoglobulinas E, que son os que aparecen ante as típicas reaccións alérxicas. E, como conta o investigador, "se os pacientes si que tiñan eses anticorpos no soro significaba que, en principio, estiveron sensibilizados, é dicir, tiveron unha reacción". Con todo, iso non é suficiente por si só para demostrar que son alérxicos, porque hai que diagnosticalo tamén clinicamente cos síntomas. Por iso, "fixemos tamén unhas enquisas aos pacientes e, efectivamente, dicíannos que tiñan alerxia ata outubro, coincidindo co período de floración da cortadelia". Por outro lado, "tiñan anticorpos contra o polen, é dicir, estaban sensibilizados". Xuntando ambas cousas e mirando o nivel de polen de gramíneas no aire, non quedaba moita dúbida de que efectivamente as gramíneas do tipo cortadelia estaban a provocar e prolongar as reaccións alérxicas da poboación. 

HABÍA XENTE QUE XA SUFRIRA REACCIÓNS ALÉRXICAS AOS CORTES DAS FOLLAS

Ademais, como apunta Gandarillas, "xa era algo que se sospeitaba", pois "en Asturias houbo algún amigo alergólogo que se puxo co tema e, ao investigar, tamén comezou a ver cada vez máis claro que a planta era alérxica". Por se isto non fose suficiente, "en certos foros de Internet atopábanse comentarios de xente que sufrira reaccións alérxicas na pel debido a cortes causados polas follas, que son unhas follas coas que é moi doado cortarse (de aí o nome da planta, cortadelia) se as tentas arrincar sen guantes". Aínda que para o estudo do equipo de Gandarillas o obxecto de investigación non era ese, senón as enfermidades respiratorias, "que no ámbito da saúde causan bastante problemas, porque estamos falando de que hai un 20 % da poboación que é alérxica ás gramíneas". Ademais, esa cifra na zona atlántica mesmo pode ser superior, pois "ao tratarse dunha zona moi húmida, canta máis humidade ten o aire máis partículas transporta, xa sean ácaros ou pole".

Deste xeito, e por desgraza, conclúe que "se eres alérxico ás gramíneas e aos ácaros, algo que tamén é moi común, pasas case todo o ano con alerxia: cando remata a alerxia ás gramíneas en outubro empezas o outono cos ácaros, que proliferan ata xaneiro ou febreiro e, despois, volves a empezar coas gramíneas na primavera". E é que co cambio climático, como cada vez hai días de máis calor e redúcese o frío (á cortadelia non lle gustan os climas fríos), todas as plantas tenden a polinizar antes. No caso de cortadelia, ademais, por ser unha planta de Sudamérica, "desfruta co calor". Gandarillas reflexiona que "calquera que mire para fóra dáse conta de que hai moitos procesos biolóxicos que se están adiantando, precisamente polo cambio de clima, que cada vez vai cara días de máis calor e sol e de menos choivas". Así, "como as outras gramíneas canto máis se adianta a calor máis cedo van comezar a polinizar, máis se vai prolongar tamén o seu período de alerxia e con cortadelia ocorre o mesmo, cada vez comeza antes e acaba máis tarde". 

"A PROPIA ADMINISTRACIÓN ESTIVO PLANTANDO CORTADEIRA NAS AUTOVÍAS"

A rápida expansión de Cortaderia asóciase moito á actividade humana. Por unha banda, Gandarillas apunta "aos gobernos e aos construtores", pois "a propia administración estivo plantando Cortaderia nas autovías e estradas ao longo dos anos, chegando a estar esta planta incluída na guía de especies que se podían usar nas estradas para decorar ou suxeitar a terra nos noiros". A partir de aí, foise estendendo tamén ás canteiras, tan abundantes en Galicia, pola diseminación das sementes, moi rápida e sinxela. "As cortadeiras mesmo aparecen en zonas moi degradadas, que rematan contaminadas por completo de sementes", explica o investigador, que advirte de que "toda a grava que sae desas zonas, das canteiras, e que logo se usa para construír ou reencher camiños, leva sementes de cortadeira", o que contribuirá a que tamén a planta chegue a esas zonas onde antes non a había e ás que, doutro xeito, non tería chegado.

Así mesmo, o cambio climático non só contribúe a que a cortadeira estea durante máis tempo polinizando, senón tamén a que se expanda moito máis polo territorio, chegando a zonas "nas que antes lle tería costado moito máis", como poden ser "zonas frías de montaña" que agora duns anos a esta parte xa non son tan frías. Só hai que lembrar o final de xaneiro e comezo de febreiro tan cálido e atípico que tivemos en Galicia, o que fixo que moitas árbores e plantas xa florecesen antes de tempo e evitou que nas zonas de montaña fixese un excesivo frío e que chegase a neve, como facía no pasado (a excepción destes últimos días de frío intenso, tamén atípico para a época do ano). 

"PODERÍA TER CHEGADO POR UN INDIANO QUE QUIXO DECORAR O XARDÍN"

A Cortaderia tería chegado a España a través do porto de Santander: "Pénsase que veu con sementes de Arxentina nalgún barco ou ben que algún indiano (emigrantes que facían cartos nas américas e logo retornaban) as trouxo consigo para decorar o seu xardín", conta Gandarillas. E, aínda que non se sabe con exactitude, "as primeiras referencias por escrito desta planta na península témolas en 1953, nunha pequena publicación dun botánico". A día de hoxe, "cortadeira xa non só é un problema medioambiental e de biodiversidade, senón que coas alerxias, tamén se convertiu nun problema de saúde pública, o que tamén implica aos responsables de saúde pública do noso país", plantexa Gandarillas.

Agora a loita está en tratar de que a Unión Europea (como xa fai España) inclúa esta especie no catálogo de especies invasoras, o que traería consigo a prohibición da súa plantación, da súa conservación e do seu mantemento, así como de comercializar con ela, porque, tal e como apunta o investigador, "é unha planta que aínda se segue vendendo por Internet con fins decorativos, e úsase moito para bodas e decoración de eventos". Tanto é así que asegura que actualmente hai un 'debate' entre países do sur e do norte, porque "Italia, España e Francia sofren moito a invasión da Cortaderia, pero cultívase e véndese en países do centro e do norte nos que non se dá polo frío, onde aínda non é un problema", pero "o cambio climático, se non se toman medidas dende xa, fará que chegue tamén ata alí (agora mesmo estase a expandir rapidamente por Francia)". 

EN ESPAÑA CONSIDÉRASE INVASORA, PERO POUCAS ADMINISTRACIÓNS A RETIRAN

No caso de España, a cortadeira si está considerada unha especie invasora, o cal "significa que ninguén pode tela no seu xardín, que os particulares están obrigados a quitala dos seus terreos e, por suposto, que a administración ten que eliminala de espazos de uso público cando a detecte, e impídese tamén o comercializar con ela". O problema está en que a pesares desas obrigas existentes, son poucas as administracións que as toman realmente en serio, polo que "hai en marcha un proxecto chamado Coop Cortadeira que ten como obxectivo implicar ás administracións e recordarlles que teñen que eliminar esta planta de solo público, traballando nos baleiros legais que aínda existen". Ademais, tamén se trata de plantexar como abordar a eliminación da planta, como obrigar á xente ou aos concellos, introducindo mesmo sancións se non se realizan esas eliminacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta