Feijóo, ofendido cos grupos da oposición

“Insultan e cando non están de acordo coas respostas, marchan”, critica e cualifica de 'espectáculo' o abandono do pleno por parte do PSdeG, AGE, BNG e Grupo Mixto. Lembra que houbo un rexistro en Pontevedra e que, non por iso, el “vai pedir a dimisión de Lores”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/11/2015 | Actualizada ás 12:07

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, está moi molesto coa actitude da oposición na Cámara. "Eu crin que a Cámara era o contrario, para discutir, para dialogar e para disentir e non para insultar ao goberno”, dixo este xoves ao cualificar de “espectáculo”  o abandono do pleno este mércores por parte de PSdeG, AGE, BNG e Grupo Mixto tras unha pregunta sobre as denuncias a Baltar.

Feijóo e Beiras durante un incidente na Cámara galega
Feijóo e Beiras durante un incidente na Cámara galega

“A oposición ponse de acordo para insultar ao Goberno galego, e nas sesións de control ao presidente, cando non están de acordo con algunha cuestión na resposta, pois abandonan a Cámara",  denuncia.

E é que para o presidente galego a denuncias contra o presidente da Deputación de Ourense e do PP nesa provincia non é un tema importante. "Para a oposición queda claro que este é o tema fundamental de Galicia. Para min, o problema fundamental son as 220.000 persoas sen traballo e como representante ordinario do Estado en Galicia é o que está a ocorrer co estado das autonomías", dixo novamente en alusión a Cataluña.

Precisamente, estas primeiras declaracións provocaron os berros de "machista", desde as bancadas da oposición, e o abandono dos deputados de AGE, BNG e unha do Grupo Mixto, aos que máis tarde, xa na segunda quenda de intervencións, sumáronse a outra representante do Grupo Mixto e os deputados do PSdeG, con excepción do seu portavoz, José Luís Méndez Romeu.

Este xoves, nunha entrevista de RNE, o presidente galego ha insistido en que "hai que ter prudencia" no caso da denuncia a José Manuel Baltar, xa que "o fiscal recibiu a denuncia e non tomou ningunha acción" de momento. “Hai que ser prudentes e agardar á evolución do caso”, dixo.

Ademais,  lembrou que axentes do servizo de Vixilancia Aduaneira, por orde xudicial, entraron no Concello de Pontevedra, "gobernado polo BNG, un grupo que está entre os onte abandonaron hemiciclo", para reclamar contratos. "Se eu pido aos responsables do BNG que cesen ao alcalde de Pontevedra estaríame extralimitando e precipitando, pero non se me ocorre", indicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta