Por Europa Press / Redacción | Compostela | 10/09/2024 | Actualizada ás 14:20
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reivindicou que o curso escolar 2024/25, que arrinca este mércores, contará cun total de 31.603 profesores, "o maior número da historia" de Galicia. Nesta cifra inclúense xa os máis de 400 profesionais de reforzo contratados ao amparo dos plans de atención a alumnado con necesidades especiais.
Así o reivindicou este martes nunha comparecencia no Parlamento galego no que a oposición --BNG, PSdeG e Democracia Ourensana-- denunciaron os "recortes" sufridos polo sistema educativo nos últimos anos, especialmente no rural, e que motiva que o curso inicie con protestas da comunidade educativa en varios centros.
Na súa intervención, o conselleiro repasou os diferentes plans postos en marcha polo seu departamento este curso, que arrincará "coa maior batería de novidades dos últimos 30 anos" para "adiantarse aos desafíos demográficos, laborais e tecnolóxicos" e favorecer a atención á diversidade.
Rodríguez parouse especialmente en debullar o seis estratexias que engloba o novo Plan de Mellora Educativa de Galicia (Plan Mega). En total, contemplan 77 millóns de euros para o próximos catro cursos e dous deles levan a incorporación de 400 profesores de apoio, a metade desde o inicio de curso e a outra metade, para outubro.
Tanto estes como os 1.256 que se estrean tras aprobar as oposicións de xuño, e descontando os que saen do sistema, inclúense nesa cifra total de 31.603 docentes que confirmou o conselleiro.
MÁIS DE 200 AULAS "SALVADAS"
A isto sumou que o acordo asinado cos sindicatos en outubro de 2023 --para reducir de forma progresiva o número de alumnos por aulas e contabilizar por dúas ou por tres aos nenos con discapacidade e con trastornos de conduta-- permite "salvar" 204 aulas este curso que se pecharon cos cocientes anteriores.
"A REALIDADE É BEN DIFERENTE"
Por parte da oposición, a deputada do BNG Cristina Fernández Davila sinalou todos estes plans como "publicidade propagandística" porque "a realidade é ben diferente". A este respecto, lembroulle as "accións" de protesta convocadas nas últimas semanas para "visualizar os recortes" da Xunta. A nacionalista apuntou que o acordo de cocientes, co que a Xunta "tomou o pelo" aos sindicatos asinantes (CCOO, ANPE e UXT), supuxo que as unidades aumentasen en "tan só dúas".
Pola súa banda, o deputado do PSdeG Xullo Abalde lamentou que "cada inicio de curso" hai protestas e que a Xunta diga que "todo o malo é culpa do Goberno central". De feito, sinalou que "moitos proxectos" anunciados pola Xunta, como o plan 'PROA+', "son do Goberno central" e con fondos estatais e europeos.
Por parte de Democracia Ourensana (DO), Armando Ojea preguntou polas carencias en materia educativa que observa na súa provincia. O deputado non esgotou o seu tempo de intervención porque quería cederllo ao conselleiro "para que fale de Ourense" na súa réplica.
"As TROMPETAS DE XERICÓ"
Na súa réplica, Román Rodríguez lamentou que a oposición acudise á Cámara "coas trompetas de Xericó" e "a música desafinada de sempre", ao falar de "recortes, privatización e falta de diálogo". "Ou hai recortes ou hai o maior número de profesores da historia. As dúas cousas é moi difícil", esgrimiu o conselleiro, quen recoñeceu as protestas nos centros pero respondeu que "hoxe mesmo se está traballando" para buscar solucións "para casos concretos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.