A RAG urxe a autoridades a "tomar nota" do Consello de Europa e eliminar as trabas ao galego na educación

Demanda unha "actuación inmediata" para "garantir o porvir" do idioma a través de medidas como unha liña propia desde educación infantil.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2024 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega (RAG) urxe ás autoridades de Galicia a "tomar nota" para executar as recomendacións de "actuación inmediata" sinaladas no informe da comisión de expertos do Consello de Europa, encargada de analizar o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias en España, co fin de "garantir o porvir" do idioma galega.

Respecto diso, apunta que este documento avoga pola eliminación das trabas existentes ao galego na educación na comunidade, xa que se impide empregar a lingua propia do país en materias de ciencias, á vez que se require que haxa unha liña educativa en galego desde a educación infantil.

"O Día Europeo das Linguas ofrece un motivo de celebración, pero tamén de reflexión e de reivindicación da plenitude de recoñecemento e dereitos para as persoas que falamos linguas europeas en situación de vulnerabilidade. As autoridades galegas deberían tomar boa nota do informe do Consello de Europa que sinala vías moi adecuadas cara a unha política lingüística eficaz, imprescindible para garantir o porvir do noso idioma", sinala o coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, Henrique Monteagudo, nunha tribuna publicada na web da institución este mércores.

"No campo da educación, España obrigouse a establecer unha liña educativa en galego, catalán e eúscaro desde o ensino infantil ata a universidade, previsión que nunca se cumpriu no noso caso. (...) A inexistencia de tal liña educativa en galego foi reiteradamente denunciada por ese Comité, que, coherentemente, criticou con dureza o decreto chamado do Plurilingüismo, aprobado pola Xunta de Galicia en 2010 e vixente aínda na actualidade", expón a RAG.

O comité de expertos urxe tamén a que se adopten medidas para garantir o uso do galego nos centros sociosanitarios e que as persoas galegofalantes poidan relacionarse en galego coas dependencias locais da Administración do Estado. Ademais, apúntase á vulneración da Carta por parte da administración de xustiza e denuncia a falta de medidas para protexer o galego falado fóra de Galicia: en Asturias, Castela e León e Cáceres.

Arquivo - Na mesa do centro, a xornalista Margarita Ledo (2i); o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (3i) e o presidente da Real Academia galega, Víctor Freixanes (4i), durante o pleno extraordinario da Real Academia Galega (RAG. M. Dylan - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Na mesa do centro, a xornalista Margarita Ledo (2i); o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (3i) e o presidente da Real Academia galega, Víctor Freixanes (4i), durante o pleno extraordinario da Real Academia Galega (RAG. M. Dylan - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta