Rueda recupera os 'retiros' de Fraga: reunirá ao seu equipo de Goberno nun hotel 4 estrelas de Sober

O obxectivo deste encontro é deseñar, en diálogo coa súa ducia de conselleiros, as liñas de acción a curto prazo para a Xunta e tamén os plans estratéxicos para a lexislatura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2024 | Actualizada ás 16:10

Comparte esta noticia

A fórmula do 'retiro' do Goberno, utilizada polo falecido Manuel Fraga cando dirixía a Xunta (e para a que, en varias ocasións, elixiu mosteiros) volverá a Galicia da man do agora presidente, Alfonso Rueda, quen anunciou que reunirá ao seu Executivo en Sober esta fin de semana. Se Fraga adoitaba optar polos mosteiros para enclaustrarse cos seus equipos, aínda que houbo excepcións ao longo dos seus anos á fronte da Xunta, o sucesor de Alberto Núñez Feijóo elixiu un hotel para deseñar, en diálogo coa súa ducia de conselleiros, as liñas de acción a curto prazo para a Xunta e tamén os plans estratéxicos para a lexislatura.

Fontes consultadas por Europa Press ratificaron que a cita desta fin de semana terá lugar no Palacio de Sober, un hotel rehabilitado de catro estrelas en pleno corazón da Ribeira Sacra. De feito, a Xunta destacou que as xornadas tamén servirán para apoiar a candidatura 'Paisaxe da auga: Ribeira Sacra' para alcanzar en 2026 o recoñecemento como Patrimonio Mundial. Non en balde, o Goberno galego, que puxo en marcha o proxecto no ano 2017, xa fixo entrega á Embaixada de España ante a Unesco do primeiro expediente da candidatura e aproveitará a estancia en Sober estes días para pór en valor, unha vez máis, todos os atractivos e posibilidades desta zona, situada nas provincias de Lugo e Ourense.

Pero en clave política, seguindo a 'moda' á que tamén se apuntou o catalán Salvador Illa tras a súa investidura e que no ámbito estatal xa practican tanto o xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, como o líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, o obxectivo de Rueda ao longo de dúas xornadas de traballo é profundar no que serán as súas liñas de acción.

REFORZAR A COORDINACIÓN

Farao co foco nos próximos meses, pero tamén quere perfilar as liñas estratéxicas da lexislatura e reforzar a coordinación entre departamentos, fixar obxectivos e definir as prioridades en cada área. O encontro está pensado para "seguir analizando e tentando dar a máxima resposta ás necesidades dos galegos e galegas" co fin de alcanzar o seu benestar e "seguir facendo da comunidade un lugar referente tanto en investimentos como en calidade de vida".

UNHA XORNADA DE 'PECHE' E COMPARECENCIA

Este 'retiro' concíbese, segundo as fontes consultadas por Europa Press, cunha xornada de traballo de 'peche' dos membros do Goberno o sábado (aínda que está previsto que haxa foto de familia). O domingo, en principio, comparecerá o xefe do Executivo para explicar as liñas de traballo nas que avanzou coas súas conselleiros durante o retiro.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda (c), xunto ao seu equipo de Goberno, de camiño ao primeiro Consello da Xunta do novo Goberno de Alfonso Rueda, no Pazo de Raxoi, a 15 de abril de 2024, en Santiago de Compostela
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda (c), xunto ao seu equipo de Goberno, de camiño ao primeiro Consello da Xunta do novo Goberno de Alfonso Rueda, no Pazo de Raxoi, a 15 de abril de 2024, en Santiago de Compostela | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta