Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 25/10/2024 | Actualizada ás 22:00
Se na anterior entrega desta serie sobre os hórreos galegos falabamos de que moitos deles se están perdendo pola falta de conservación e mantemento, hai outros que se están recuperando da man de concellos e persoas particulares interesadas na preservación deste patrimonio único no mundo. Un exemplo de boas prácticas á hora de proceder á rehabilitación dun hórreo atopámolo na parroquia de San Xoán de Laíño, pertencente ao concello de Dodro, onde fai cousa de catro anos se recuperou por completo un hórreo de características únicas en Galicia: o Hórreo do Arco, tamén coñecido popularmente como Hórreo da Miguensa ou Hórreo do Pontello. Dende o Galicia Confidencial falamos co por aquel entón concelleiro de Cultura e Patrimonio, Xoán Xosé Vicente, que foi quen acometeu a reforma, para coñecer os seus pormenores.
O Hórreo do Arco, cun longo de 9,70 metros e un largo de 1,60 metros, é unha construción mixta que ten por cimentación unha espectacular repisa de granito que presenta no centro un gran arco de medio punto a xeito de pasadizo, cunha altura máxima de 6,21 metros, de onde parten as escaleiras de pedra para subir aos catro claros, debaixo das que houbo un alpendre doméstico. Non ten soportes, estando asentado en tornarratos, corrido ao longo do corpo, sobre a repisa. As columnas son de pedra e a cornixa de madeira de castiñeiro. Os dous penais son de cantaría de granito, sen ventilación. Ten sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra e cubrición de tella do país curva feita á man sobre entramado de madeira. A súa datación remóntao no tempo ata o ano 1750.
O primeiro paso para proceder á súa rehabilitación era conseguir a doazón do mesmo ao Concello por parte dos seus propietarios, pois estaba en mans de cinco ou seis persoas, por herdanza dividida. "Despois de moito traballo, e sabendo que a xente sempre adoita amosarse reacia á doazón, conseguimos que nolo cederan", lembra Xoán Xosé, que está enormemente agradecido á familia e ao esforzo que puxeron para conseguir a cesión, pois conta que "dúas das súas propietarias estaban vivindo en Bilbao e mesmo tiveron que pedir un día libre no traballo para poder vir a entregar as copias de propiedade no rexistro do Concello". Así, foi cuestión duns 4 ou 5 meses os que demorou facerse coa propiedade do Hórreo do Arco.
CUSTE TOTAL DAS OBRAS DE RESTAURACIÓN: 9.830,44 EUROS
O seguinte paso foi "pedir unha subvención á por aquel entón Axencia Galega de Turismo, hoxe en día Turismo de Galicia", apunta o exconcelleiro de Cultura e Patrimonio, que celebra que "nola concederon e, grazas a iso, tivemos os cartos precisos para proceder á rehabilitación". En total, a reforma, á que se procedeu no ano 2020, tivo un custe de 9.830,44 euros, dos que 5.335,42 foron subvencionados pola Axencia Turismo de Galicia, pertencente á Consellería de Cultura e Turismo. A restauración tamén contou co asesoramento de Apatrigal, a Asociación para a defensa do patrimonio de Galicia.
Chegado o momento das obras, Xoán Xosé conta que se tivo moito coidado durante os traballos: "Fíxose un lavado das pedras con auga sen presión e cun cepillo de cerdas naturais, dos de toda a vida; da madeira, que estaba en moi mal estado, practicamente só se puido recuperar parte dun claro da madeira das doelas, que deixamos alí para que se puidese ver a parte orixinal e a recuperada ben diferenciadas; das tellas xa quedaban moi poucas e puxémoslle tella do país, estivemos buscando pola aldea as tellas para que, sobre todo as da cuberta, fosen as máis vellas, pero, como non atopamos suficiente tella para restaurar toda a cuberta, deixamos na parte superior as tellas máis antigas e puxemos na parte de abaixo, no canal, a tella nova, para que non se vise tanto, iso si, as tellas non foron nin pegadas con cola nin unidas con ganchos, foron postas como se facía antes, suxeitas polas propias pedras que conforman o hórreo". O resultado final, que se pode ver a día de hoxe, foi espectacular.
Algo que tampouco se conseguiu recuperar foron as coñecidas como tixeiras, que formaban parte dos cumes, porque "eran dunha soa peza e os carpinteiros dixéronnos que agora iso xa era imposible de conseguir, porque son pezas que contan cuns dous metros ou dous metros e medio de ancho". Pero, para os que queiran ver como eran as tixeiras que tiña orixinalmente, "gardámolas dentro do hórreo e, falando previamente co Concello de Dodro para pedir as chaves, poden acceder ao interior a velas, así como as madeiras orixinais que tiña e o tipo de tella". É dicir, dentro do hórreo mesmo se creou unha especie de museo coas compoñentes orixinais que tiña un hórreo en Galicia.
RUTA LITERARIA 'PENSA NAO'
Agora este hórreo forma parte dunha ruta literaria chamada 'Pensa nao', e conta con moitos visitantes apaixoados pola etnografía e o patrimonio arquitectónico de Galicia que se achegan ata a zona só para velo. Esta ruta parte, precisamente, da agrupación de hórreos "máis importante e á vez máis curiosa de Galicia", en opinión de Xoán Xosé, situada tamén na parroquia de Imo, na coñecida como Eira da Lavandeira. Conformada por 11 hórreos restaurados hai cousa de 20 anos, é unha verdadeira ledicia para os sentidos, e dende o GC falaremos dela noutra entrega desta serie. E é que non hai que esquecer que, segundo puido detallar a arqueóloga Beatriz Pereiras na súa investigación en Dodro, neste pequeno concello de apenas 2.700 habitantes, consérvanse máis de 222 hórreos (un hórreo por cada 12 veciños).
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- O futuro das romarías en perigo: "Hoxe hai curas que lle din á xente do rural que os seus ritos só son supersticións"
- Quen será o gañador do concurso para a rehabilitación do Pazo de Lourizán?
- As ruínas do cemiterio máis melancólico do mundo están en Cambados, rodeadas de lendas e misterios
- A Real Academia Galega celebra o día de Todos os Santos con fotografías históricas do seu arquivo
- A CRMH pide á Xunta máis contundencia coa familia Francopor non abrir Casa Cornide
- O cemiterio da Adina, en Iria Flavia, recordo dun pasado glorioso: máis dunha vintena de sartegos dos séculos VI ao X