(Parte II) O cambio climático débese só á acción humana? "Moitos factores que inflúen sobre o clima teñen orixe astronómica"

O investigador e profesor da Universidade da Coruña (UDC) Alejandro Martínez Abraín pon sobre a mesa que a idea de que o CO2 podía influír sobre o clima e a temperatura non é nada novo, senón que foi plantexada xa polo científico sueco Arrhenius, a finais do século XIX e comezos do XX. A Margaret Thatcher, a primeira ministra británica conservadora, víñalle ben retomar esa hipótese no seu afán por independizarse dos Países Árabes e do petróleo que estes lle proporcionaban, fomentando a enerxía nuclear.

Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 23/11/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Como vimos na entrega anterior desta serie sobre o cambio climático, hai intereses políticos e económicos que queren fixar a idea de que o quencemento da temperatura unicamente se debe á acción do ser humano, causado pola emisión de dióxido de carbono a atmosfera. Hoxe dende o Galicia Confidencial seguimos conversando co investigador e profesor da Universidade da Coruña (UDC) Alejandro Martínez Abraín sobre estes posibles intereses xeopolíticos. Dentro deles, pon o foco primeiramente no xa famoso 'peak-oil'. Como explica, "o petróleo non é máis que o resultado de organismos vivos, fundamentalmente placton, que fai moitísimos millóns de anos quedaron soterrados sen chegar a descompoñerse e que, agora, se extraen do interior da terra", mentres que "o carbón é exactamente o mesmo, pero moito máis recente e procedente de bosques vexetais soterrados e sen descompoñer".

Ilustración do noso Sistema Solar
Ilustración do noso Sistema Solar | Fonte: Commons

Ambos, tras ser descubertos, viñeron sendo empregados como fonte de enerxía e deron lugar á sociedade actual tal e como a coñecemos, con todas as súas comodidades. A enerxía destas fontes obtense ao queimar as substancias, proceso durante o cal "se devolve o CO2 que ese placton e esas árbores fixaron fai centos ou miles de millóns de anos á atmosfera". Con todo, fai non tanto tempo descubriuse que o petróleo e o carbón non son infinitos nin ilimitados, senón que poden acabarse. Entón, había que atopar remedios. "Eu lémbrome do prestixioso ecólogo Ramón Margalef, que xa nos anos 60 do século pasado dicía que o petróleo non chegaría a acabarse nunca porque o seu prezo subiría tanto que deixaría de empregarse", recorda Martínez Abraín. Desa idea parte o 'peak-oil', ese momento no que o petróleo se volva tan caro que non mereza a pena seguir empregándoo. "Son moitos os expertos e economistas que pensan que xa estamos nese punto", concede o investigador.

A CRISE DO PETRÓLEO

Sen embargo, dende o seu punto de vista, este 'peak-oil' non é algo novo, ou non tanto como se pensa, pois apunta a que a primeira crise do petróleo foi nos anos 70 e, despois dela, houbo varios picos máis nos que xa se dicía que a extracción do petróleo era demasiado cara. Con todo, como apunta o profesor da UDC, "a humanidade sempre remata atopando fuxidas tecnolóxicas cara diante e, neste caso concreto, atopou o 'fracking', isto é, bolsas de petróleo descoñecidas soterradas baixo rochas, de difícil acceso, que aumentaban as reservas ata o de agora coñecidas". Grazas ao 'fracking' o petróleo volve estar á alza nestes momentos. Aínda así, para Martínez Abraín, "os gobernos xa incorporaron esta mensaxe de que o petróleo é finito e que, se non é agora, será dentro de 10 ou 20 anos, pero que rematará por esgotarse, polo que hai que transicionar cara outras formas de enerxía". para poder realizar esa transición dun xeito sinxelo, sen atopar grandes oposicións, "vén moi ben que a sociedade xere unha especie de odio e rexeitamento absoluto a que se sigan queimando combustibles fósiles que devolven de novo o dióxido de carbono á atmosfera".

Así as cousas, para Martínez Abraín o proceso para chegar a culpar ao CO2 do quencemento global deuse máis ben ao contrario: "Non é que descubrísemos que o CO2 é o culpable do quencemento global e entón decidísemos transicionar, senón que o que eu creo que aconteceu é que os gobernos saben que teñen que transicionar máis tarde ou máis cedo polo 'pick-oil' e entón xeran e potencian iso de que o único axente quen de mudar a temperatura do planeta é o CO2". Tanto é así que o profesor da UDC apunta a que no Mioceno, hai 25 millóns de anos, a presión parcial de CO2 na atmósfera da Terra era bastante semellante á actual, do rango de 415 partes por millón e a temperatura do planeta era por aquel entón 7 ou 8 graos máis alta que agora.

CO2
CO2 | Fonte: Commons - Arquivo

"FOI MARGARET THATCHER, PRIMEIRA MINISTRA BRITÁNICA, A QUE RECUPEROU A IDEA DE ARRHENIUS DE QUE O CO2 PODERÍA INFLUENCIAR A TEMPERATURA"

Cando foi a primeira vez que se adoptou esa idea do CO2 como causante do quencemento global? Martínez Abraín remóntase aos tempos de Margaret Thatcher, a primeira ministra británica conservadora que tivo a idea de independizarse dos Países Árabes e petróleo que estes lle proporcionaban, fomentando para iso a enerxía nuclear no seu país. Para logralo, recuperou a hipótese de Svante Arrhenius, un químico sueco de finais do século XIX e comezos do XX que tivo por primeira vez a idea de que o CO2 podía ter unha influencia sobre a temperatura, porque podía crear como un invernadoiro, unha capa que devolvera a calor á Terra. Como incide o investigador, foi a partir de aí, "por unha cuestión puramente política, que se lle deu fol a esta hipótese de Arrhenius", porque "ata ese momento se lle preguntabas a calquera científico sobre o clima e a temperatura, o primeiro factor que relacionan directamente con eles sería o Sol, algo que resulta lóxico tendo en conta que é a nosa principal fonte de enerxía e a nosa estrela". Deste xeito, para os demais científicos, a explicación lóxica ao falar de cambios na temperatura estaba na influencia dos astros, non no dióxido de carbono.

Tamén lembra que, "cando a Terra naceu hai 4.500 millóns de anos a composición da súa atmosfera era semellante á que teñen hoxe Marte e Venus, planetas que se quedaron fosilizados no mesmo intre no que se creou o Sistema Solar; pola contra, a Terra foi derivando e cambiando, porque nela apareceu a vida, que foi a que deu lugar a cambios na atmosfera". E como é a composición actual da atmosfera de Venus ou Marte? Pois máis do 90 % é CO2. Pola contra, a Terra conta na actualidade unicamente con 415 partes por millón de CO2. "Orixinalmente a atmosfera da Terra tamén era na súa maior parte CO2, pero a vida foino facendo desaparecer, porque o CO2 é o principal alimento do fitoplancton e das plantas terrestres", apunta o profesor da UDC, que explica que "en gran medida foi o placton mariño, antes de que houbese vida nos continentes, o que absorbeu o dióxido de carbono da atmosfera e, ao morrer, quedou soterrado con el, sen descompoñer (o petróleo)" e, "máis adiante, volveron facer iso os bosques, cando a vexetación colonizou a Terra e comezou tamén a fixar o CO2, logo eses bosques morreron e quedaron soterrados sen descompoñer (o carbón)". Así foi como todo o CO2 inicial se foi retirando da atmosfera ata quedar reducido a cantidades moi pequenas. Aínda que Martínez Abraín está convencido de que "a maioría da xente agora pensa que a atmosfera está composta practicamente na súa totalidade por CO2". 

"VIVIMOS NUNHA ESPECIE DE ALUCINACIÓN COLECTIVA E ANTROPOCÉNTRICA QUE BASEA TODO O QUE ESTÁ ACONTECENDO NA ACCIÓN DUN ÚNICO GAS"

En verdade, como apunta o profesor da UDC, "a maior parte da atmosfera está composta por nitróxeno, en máis dun 70 %, un gas que o ser humano non usa para nada, porque ten unha composición química moi complexa que só as bacterias do solo son quen de aproveitar; o 20 % é osíxeno, o gas que precisamos para realizar a respiración celular; e a porcentaxe restante son cantidades traza doutros gases, entre os que, aí si, está o CO2, nunha cantidade tan pequena que é preciso medila en partes por millón". O cal, como matiza, "non quere dicir que as partes por millón non sexan importantes", pois lembra que "no Mioceno había só na atmosfera unhas 450-500 partes por millón (ppm) de CO2 e a temperatura da Terra era 7 ou 8 graos máis alta que na actualidade". Pero iso "si que evidencia que hai moitos outros factores que inflúen sobre o clima e que teñen carácter astronómico". Evidentemente, por ser a estrela máis próxima, o Sol é o que máis vai influír sobre nós, pero tamén outras estrelas e mesmo outras galaxias. Como exemplo Martínez Abraín apunta ao traballo realizado por uns científicos da Universidade Hebrea de Xerusalén que suxeriron que as glaciacións acontecen cada moitos millóns de anos porque o Sistema Solar no seu conxunto xira ao redor dun eixo da nosa galaxia nun ciclo que dura uns centos de millóns de anos, e, cando atravesamos os brazos en espiral da nosa galaxia, recibimos tanta radiación de fondo, tanto pó estelar, que esas partículas e radiación rematan por chegarnos e influenciar o noso clima, favorecendo a formación de nubes.

Esas nubes teñen un efecto espello moi potente, que é quen de rebotar a enerxía do sol, de tal maneira que poden ter un dobre efecto: poden facer de invernadoiro, porque como xa dixemos o vapor de auga é un gas de efecto invernadoiro moi potente; pero tamén poden facer de espello á radiación e non deixala entrar, provocando así o enfriamento do planeta e xerándose as glaciacións, porque o enfriamento pode máis que o quencemento no caso das nubes. E, ademais das nubes e as estrelas, hai moitos outros fenómenos moi complexos que poden influír sobre o clima e que están relacionados cos volcáns, cos oceános... Sen embargo, como critica o profesor da UDC, "agora vivimos nunha especie de alucinación colectiva, porque falando coa Ciencia na man non se lle pode chamar doutra maneira ao feito de reducir todo o que está acontecendo á acción dun único gas que, ademais, é de débil efecto invernadoiro e conta cunha proporción moi baixa dentro da composición da atmosfera". É por iso que, para Martínez Abraín, "esta idea é moi antropocéntrica". "Dende o Renacemento o ser humano púxose no centro de todas as cousas, pero xa pasaron moitos séculos e deberiamos evolucionar un pouco". "Seguir pensando que o ser humano é tanto a causa como a solución para todo paréceme dun total descoñecemento de como funciona a realidade, puro antropocentrismo", conclúe.

Extracción de petróleo
Extracción de petróleo | Fonte: Commons - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta