Só si é si... Ou non? Que fallou na aplicación desta lei? Pesou a política sobre os tribunais?

Galicia Confidencial fala con Patricia Faraldo, unha das expertas xurídicas que participaron na redación desta lei, quen arroxa luz sobre o que aconteceu coa lei antes e despois da súa aprobación.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/03/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Lei de Garantía Integral da Liberdade Sexual, máis coñecida como a Lei do só si é si, naceu no ano 2022 co obxectivo de transformar a maneira en que o sistema xudicial abordaba os delitos sexuais. A súa premisa central estaba clara: colocar o consentimento no centro do debate e reforzar a proteción das vítimas. Sen embargo, o que comezou como unha reivindicación feminista rematou envolta nunha das maiores controversias lexislativas dos últimos anos. E é que a súa aplicación xerou unha intensa polémica, especialmente trala revisión de penas que beneficiou a centos de agresores sexuais. Entre o debate político e a controversia mediática, moitas das claves xurídicas da norma quedaron nun segundo plano. Fallou a redación da lei, a súa aplicación nos tribunais ou a maneira en que se explicou e se fixo chegar á sociedade? Para comprender o seu deseño, as súas intencións e as razóns dos seus efectos imprevistos, Galicia Confidencial fala con Patricia Faraldo, unha das expertas xurídicas que participaron na redación desta lei, quen arroxa luz sobre o que aconteceu coa lei antes e despois da súa aprobación.

Protestas contra a Lei do só si é si tralas rebaixas de condena a varios agresores
Protestas contra a Lei do só si é si tralas rebaixas de condena a varios agresores | Fonte: Getty Images - Arquivo

Por comezar polo principio, que foi o que motivou á redación desta lei nun primeiro intre? Faraldo apunta a que, "aínda que a xente poida pensar que a súa motivación unicamente partiu do caso da Manada --un grupo de homes foron acusados de abusar sexualmente dunha moza durante os Sanfermíns do ano 2016 e condenados nun primeiro intre por abuso sexual, no canto de por agresión sexual--, cómpre sinalar que xa moito antes de que este acontecese, dende finais do século XX de feito, estábanse a producir unha serie de reformas nos países da nosa contorna dirixidas todas elas a eliminar o requisito da violencia, a intimidación ou a resistencia da vítima nos delitos sexuais para que o acto fose considerado agresión sexual e non abuso". Deste xeito, aínda que a sentenza polo caso da Manada é o primeiro que salta á vista da sociedade e dos medios como motivación para impulsar esta reforma, porque "foi o que incendiou as rúas", certamente "os movementos feministas xa estaban propoñendo cambios nesa liña con anterioridade, a diferenza é que non se lles escoitaba como se lles escoitou tras o acontecido coa Manada".

E cales son os cambios que introduciu esta nova lei? A xurista e catedrática de Dereito Penal na Universidade da Coruña (UDC) explica que "aínda que socialmente case toda a atención se centrou no seu ámbito penal, a lei vai moito máis aló, de feito a reforma penal supón unha parte moi pequena da propia lei". Así, apunta a que "introduce toda unha serie de medidas de proteción das vítimas tratando de reducir o que se coñece como 'vitimización secundaria' --danos adicionais que unha vítima pode sufrir como resultado do tratamento que recibe por parte de institucións, profesionais ou do sistema xurídico tras ter recibido unha agresión, entre os que se inclúe a minimización do acontecido ou a culpabilización da propia vítima--, e de garantir o acceso das vítimas á reparación integral --proporcionando á persoa un conxunto de medidas que lle permitan recuperarse tanto física como psicolóxica, social e emocionalmente, como a reparación económica, o recoñecemento  do seu sufrimento ou a asistencia e acompañamento da vítima--". A isto habería que sumar "a adopción de múltiples medidas de prevención e sensibilización --dende a educación e a formación en todos os niveis educativos ata campañas públicas que informen das consecuencias deste tipo de delitos e dos dereitos das vítimas, entre moitas outras--".

"O MINISTERIO FIXO INDEBIDO ÉNFASE NA REFORMA PENAL E EN QUE PASABAMOS A UN MODELO DISTINTO DE CONSENTIMENTO, QUE NON ERA O MÁIS IMPORTANTE"

No ámbito penal, as reformas no que atinxe aos delitos sexuais introducidas por esta lei foron dúas moi concretas. Por unha banda, "introducir unha definición de consentimento"; e, pola outra, "eliminar a diferenza entre agresións e abusos sexuais, unificando ambas cuestións nunha única figura". A estas habería que engadir outras modificacións, como "a introdución dunha figura agravada cando o autor da agresión é parella ou ex parella da vítima" ou "a conversión da sumisión química tamén nun tipo agravado de agresión sexual".

Protestas contra a Lei do só si é si tralas rebaixas de condena a varios agresores
Protestas contra a Lei do só si é si tralas rebaixas de condena a varios agresores | Fonte: Getty Images - Arquivo

Con todo, todos estes cambios quedaron opacados polo debate xurdido arredor das penas dos agresores. A este respecto, Faraldo considera que "o Ministerio de Igualdade fixo un indebido énfase na reforma penal e en que con esta reforma estabamos pasando a un modelo distinto de consentimento, algo que era certo, pero que non era, nin de lonxe, o único nin o máis importante que se conseguía coa aplicación desta lei". Así, a xurista lembra que "cando a vicepresidenta do Goberno anunciou que pasabamos a un modelo do 'só si é si' --de aí derivou o nome popular da lei--, de consentimento afirmativo, as redes sociais estouparon, con críticas que poderiamos definir como vitriólicas e ataques de todo tipo, especialmente dende o ámbito da extrema dereita, pero non en exclusiva, dicindo que con esta norma ibamos precisar dun notario no dormitorio para acreditar o consentimento do acto sexual".

"AÍNDA QUE É INNEGABLE QUE HOUBO REDUCIÓNS DE CONDENA PARA ALGÚNS AGRESORES, OS TRIBUNAIS PODÍAN TER EVITADO MOITAS EXCARCERACIÓNS"

"Iso vendía moito máis que dicir que as vítimas agora tiñan dereito a un psicólogo, entre outras cousas", amósase consciente Faraldo, que tamén expón que "foi iso o que fixo que posteriormente se lle dese a volta á positividade da lei". E é que resalta que, a pesar de que irremediablemente a norma pasará á historia polas rebaixas de condena de múltiples agresores, "nun comezo a lei non era punitivista". Tanto é así que asegura que "cando estabamos traballando nela, unha das cousas que nos preocupaba era non caer na acusación típica que se fai ao movemento feminista de que só quere máis castigo para os delincuentes (no canto de máis proteción para as vítimas), porque nós non tiñamos esa intención, non perseguiamos unha maior condena, tendo en conta que os delitos sexuais xa están moi castigados en España e que xa o estaban tamén con anterioridade a esta lei, de maneira que o que procurabamos por todas as vías era lograr unha maior e unha mellor proteción para as vítimas". Con todo, e céntrandose nas penas aos agresores, a xurista tamén matiza que, "aínda que ben é certo que houbo condenas que se reduciron, tamén houbo penas que se agravaron, pero a esas non se lles deu publicidade".

Pero, nos casos concretos nos que si se produciron rebaixas de condena, que foi o que fallou? Por que foron posibles? "Se se tivese aplicado a doutrina que o Tribunal Supremo xa aplicara no ano 2015, podería terse evitado a excarceración e redución de condena en moitos casos", asegura Faraldo. Máis en concreto, no 2015 produciuse unha reforma de múltiples preceptos na que non se previu expresamente a retroactividade, e que o Tribunal Supremo solucionou aplicando uns criterios que na actualidade se negaron a aplicar. De maneira que, "aínda que é innegable que houbo reducións de condena porque as penas dalgúns agresores baixaron, os tribunais podían ter evitado as excarceracións, pero non quixeron evitalas", critica. E é que lembra que, "cando se xera unha lei que supón penas máis favorables para o autor, como era este o caso nalgúns comportamentos delitivos, que non en todos, a comparación entre as dúas normativas existentes, a nova e a antiga, debería facerse a partir da totalidade das normas que integran os dous textos legais". Deste xeito, "non se pode seleccionar de cada corpo lexislativo unicamente aqueles aspectos que favorecen ao reo, rexeitando outros que o prexudican".

"OS TRIBUNAIS ADOPTARON NA PRÁCTICA UNHA POSICIÓN QUE TEORICAMENTE SE PODE DEFENDER, PERO QUE EU CREO QUE ESTÁ MOTIVADA POLITICAMENTE"

Sen embargo, "isto foi o que fixeron algúns tribunais, aplicar a rebaixa das penas da nova normativa, pero non a medida de seguridade de liberdade vixiada que tamén terían que ter imposto se aplicaban a nova regulación, por exemplo", lamenta. Faraldo critica así que "hai tribunais que só colleron o que lles interesaba de cada norma". E incide no feito de que, "á hora de aplicar a retroactividade favorable ao reo, é preciso examinar cada caso concreto tendo en conta as circunstancias concurrentes, tal e como se recollen na sentenza obxecto de revisión, respectando plenamente os feitos declarados probados", pero "hai tribunais que non fixeron ese esforzo de respecto dos feitos declarados probados e de como encaixarían estes na nova lexislación, facendo unha traslación absolutamente acrítica da mesma, de maneira que os resultados foron os que temos visto". Así mesmo, a xurista destaca que "se a pena privativa da liberdade imposta antes da modificación lexislativa tamén é impoñible de acordo coa nova lexislación, non debería ter lugar a revisión da sentenza". Pola contra, isto é o que acontecía na maioría dos supostos. "A moitos tribunais deulles igual todo isto, a pesar de que era algo que o Tribunal Supremo xa dicía no 2015 e tamén con anterioridade, noutras reformas nas que non se atreveu a aplicar a retroactividade favorable", sinala.

Así as cousas, para Faraldo, o que aconteceu coa aplicación desta lei na práctica foi "a adopción dunha posición por parte dos tribunais que tecnicamente se pode defender, pero que eu creo que está motivada politicamente". Non hai que esquecer que estas rebaixas de condena foron empregadas politicamente para desacreditar a adversarios políticos. Ao respecto, a xurista amósase consciente de que "actualmente temos unha xudicatura politizada en boa parte". Neste contexto, "o xénero tense convertido nun campo primario de loita entre dous partidos opostos, Podemos e Vox, e ten sido empregado tamén o control da cuestión feminista como un forma de loita e rivalidade entre o PSOE e Podemos, que é precisamente o que motivou a reforma levada a cabo no ano 2023". "Se o PSOE se tivese mantido firme, non se tería producido dita reforma", asevera Faraldo, consciente de que, "aínda que algúns temas teñen que ser políticos por definición, o xénero é unha cuestión que vai moito máis aló da política".

"A REFORMA DO 2023 NON ERA NECESARIA; O ÚNICO QUE FAI É AGRAVAR PENAS PARA CERTAS AGRESIÓNS, NON SERVE PARA EVITAR AS REBAIXAS DE CONDENA"

Sexa como fose, o certo é que todo o escándalo político e mediático que estaba suscitando a aplicación da coñecida como Lei do só si é si levou, na práctica, á reforma da mesma, que veu a luz o pasado ano 2023. Reforma que, para Faraldo, "non era para nada necesaria". "A propia reforma recoñece expresamente no seu preámbulo que non serve para o que se supoñía que viña lograr, frear as excarceracións", expón a xurista, que explica que "o único que fai a reforma é poñer penas máis graves para as agresións sexuais cando estas se realizan con violencia e intimidación, ou cando a vítima ten a súa vontade anulada". Pero non serve para evitar as rebaixas de condena que se estaban producindo. Así, o obxectivo desta reforma non era outro, na opinión de Faraldo, que "calmar as cousas dende a perspectiva política", optando por incrementar as penas aos agresores no canto de resaltar as virtudes e beneficios que a lei tal e como xa estaba formulada no 2022 tiña para as vítimas.

"A pesar do que algúns sectores da sociedade e da política poidan crer e do que os medios de comunicación vocean, ás mulleres non as protexe máis que o seu agresor pase seis meses máis ca antes en prisión, porque a realidade é que a maioría dos delincuentes sexuais non reinciden, contra o que se poida pensar", reivindica a xurista, que defende que "o que realmente protexe ás mulleres é que o médico forense que as atenda o faga con delicadeza e sabendo gardar as probas o tempo preciso para que a vítima poida decidir presentar a denuncia, ou que a policía que a atenda o faga tamén con simpatía e que os xuíces que fan os interrogatorios teñan en conta que a muller é a vítima e non a acusada --algo que nos últimos días quedou en entredito vendo a maneira de interrogar á suposta vítima no xuízo polo caso de Íñigo Errejón--". "O que queremos é que todos os actores do sistema traten ás mulleres agredidas sexualmente como o que son, como vítimas, porque xa de por si están presentando unha denuncia sobre un tema moi delicado e moi complicado para elas", expón Faraldo, que engade que "o que queremos é que esas mulleres teñan dereito á reparación integral do dano".

Concentración do PPdeG fronte á Delegación do Goberno na Coruña contra as rebaixas de penas da Lei do 'só si é si'. PPDEG
Concentración do PPdeG fronte á Delegación do Goberno na Coruña contra as rebaixas de penas da Lei do 'só si é si'. PPDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta