Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/03/2025 | Actualizada ás 21:55
A Lei de Costas de Galicia --Lei 4/2023, de 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia--, concibida para regular o uso e a protección do litoral galego, ten xerado unha crecente preocupación entre os expertos polas súas limitacións fronte aos efectos do cambio climático. A pesar de que o incremento do nivel do mar e a erosión costeira son fenómenos cada vez máis evidentes no territorio, a normativa non incorporou mecanismos axeitados para abordar estes desafíos. Como resultado, moitos concellos costeiros vense atrapadas nun marco legal que non ofrece solucións adaptativas, o que pon en risco tanto a súa actividade económica como a conservación de ecosistemas fráxiles. Esta falta de previsión e adaptación non só agrava a vulnerabilidade do litoral galego, senón que tamén xera incertidume para quen dependen del, dende mariscadores e pescadores ata pequenos propietarios e sectores vinculados ao turismo. Ademais, a través desta lei a Xunta reclama o control da xestión do litoral argumentando que, ao ter o maior litoral de España, Galicia debería ter autonomía para decidir sobre a súa costa, o que xerou unha forte tensión co Goberno central. Galicia Confidencial fala con Augusto Pérez Alberti, docente 'ad honorem' de Xeografía na Universidade de Santiago de Compostela (USC) que formou parte do equipo que elaborou o Plan de Ordenación do Litoral (POL), aprobado pola Xunta de Galicia no 2011, e que dá conta das eivas da nova.
Pérez Alberti asegura non comprender o por que de crear esta nova lei cando "a anterior era francamente boa", polo que sinala que o fondo do asunto pode estar unicamente no traspaso de competencias que esta lei pretende implantar. Sexa como fose, resalta que "a nova lei non mellora o POL, na que un grupo de expertos de todos os ámbitos do coñecemento (incluído o propio Pérez Alberti, como xeógrafo) fixo unha aportación moi interesante á ordenación integral da zona litoral". Así, sinala que "mentres que o plan anterior tiña en conta todos aqueles elementos que interveñen na dinámica litoral e, consecuentemente, todos os aspectos físico-litorais --a parte xeolóxica e xeomorfolóxica, a parte climática, a parte humana, a parte pluvial...--, a actual é unha lei puramente baseada nunha visión do litoral dende o ámbito do dereito". Algo que, para o xeógrafo, supón un erro que podería ter grandes consecuencias. "Estamos nun escenario de cambio climático acelerado e, por suposto, de cambio na dinámica mariña, e que iso non se teña en conta para nada na nova lei paréceme moi grave; non se pode planificar un territorio coma se fose un escenario estático, debería planificarse sempre partindo dun escenario dinámico", advirte.
"OS GRANDES DESASTRES QUE VIMOS EN VALENCIA OU EN MURCIA, AÍNDA QUE A OUTRO NIVEL E DOUTRA MANEIRA, TAMÉN PODERÍAN ACONTECER EN GALICIA"
Deste xeito, explica que "calquera parte do territorio ten a súa dinámica" e, "no caso da zona costeira, non se pode planificar sen ter en conta todo o que está a suceder nela", pois, en caso contrario, lamenta que "os grandes desastres que vimos en Valencia ou en Murcia, aínda que a outro nivel (ou ao mesmo) e doutra maneira (ou da mesma), tamén poderían acontecer en Galicia". Así, advirte de que "non podemos dicir que en determinada zona se vai permitir ou non se vai permitir un uso sen saber nin predicir que vai pasar con ese lugar a futuro". E pon o exemplo do que se está facendo en moitos concellos costeiros nos que as vivendas situadas a escasos metros do mar se están legalizando porque foron construídas no pasado: "Como xa estaban construídas legalizámolas, vale, pero, que acontece se o día de mañá vén un temporal moi forte e se leva por diante o legalizado? Quen paga iso? O propietario ou a Xunta?". Neste caso, Pérez Alberti considera que "non debería ser a Xunta ou o Goberno central o que teña que facerse cargo de cousas que son predicibles: se teño un edificio ao lado do mar, este está sometido á dinámica mariña, iso é evidente". Para o experto, ese é o erro fundamental desta lei, "a liña vermella que se debe ter moi en conta á hora de permitir ou non permitir certos usos na liña de costa".
Ante esta situación, Pérez Alberti lamenta que "agora que estamos nun escenario climaticamente máis complicado que cando saiu o plan anterior, é cando non se ten en conta a crise climática". "Temos que coñecer ben a dinámica territorial, a dinámica natural, a dinámica antrópica e todos os factores que interveñen na dinámica do territorio, tanto os físicos como os antrópicos, é dicir, tamén os humanos", aposta o experto, que asegura que isto é algo que "se podía ver no POL, no que se fixera unha cartografía moi detallada da tipoloxía da costa, dos cantís, das praias, das dunas, das marismas... Zonas todas elas que teñen un comportamento distinto fronte á dinámica mariña". "Iso nesta lei non se contempla, pois nela faise moita xeopoesía para falar dunha paisaxe litoral moi bonita, pero iso na práctica non vale para nada á hora de planificar", lamenta. E contrapón isto con poder saber "as condicións oceanográficas concretas en cada sector da costa e telas en conta para poder aceptar usos en cada zona". E é que agora mesmo estase chegando a contemplar o emprego de edificios que están moi claramente en zona de risco.
"A COSTA RETROCEDEU, SOBRE TODO NA ZONA MÁIS AREOSA, E EDIFICIOS QUE ANTES TIÑAN CERTA DISTANCIA Á LIÑA DE COSTA, AGORA TEÑEN O MAR AO LADO"
Pero, por que estando en zona de risco, se permitiu a construción de certos edificios no pasado? En moitas vilas costeiras de Galicia é habitual ver casas practicamente pegadas ao mar. Ao respecto, Pérez Alberti sinala que o primeiro que habería que ter en conta para comprender esta situación é que antigamente non había unha lei de costas que limitase estas construcións en moitos casos e, noutros, o que aconteceu foi que cando estas edificacións se construíron atopábanse máis alonxadas da costa. Pois, como explica o xeógrafo, "hai que ter en conta que a costa retrocedeu, sobre todo na zona máis areosa, onde as praias perderon moitísimo espazo nos últimos anos, o que deu lugar a que edificios que antes estaban a unha certa distancia da liña de costa, agora non o estean, tendo xa o mar ao seu lado". Así as cousas, "que vai pasar cando haxa un temporal e se leve por diante estas casas?", pregúntase, asegurando que "é un erro planificar simplemente para legalizar", pois "tamén é preciso planificar para previr posibles desastres no futuro".
"Hai centos de anos ninguén sabía que o nivel do mar subía ou baixaba, pero agora si que o sabemos, sabemos que houbo períodos nos que o nivel do mar estivo moi baixo, hai miles de anos, pero tamén sabemos que houbo períodos nos que o nivel do mar estivo máis alto, e agora vemos que estamos nun deses momentos nos que o nivel do mar está subindo, aínda que sexa lentamente aos nosos ollos", asevera. E expón que "xa non é que o nivel do mar estea subindo de maneira moi visible en períodos de tempo curtos, senón que, como se foron destruíndo boa parte das zonas areosas e dunares, o mar foi gañando terreo á costa". Nestas circunstancias, "agora, co aumento dos temporais que estamos vendo ano tras ano, cada vez o mar está chegando máis preto das casas que se construíron noutro tempo, tempo no que non existían aínda os problemas tan graves de erosión que temos na actualidade", explica.
"HOXE NON SE PODE PENSAR NUNHA PRIMEIRA LIÑA DE PRAIA, POIS A PRIMEIRA LIÑA ESTÁ SOMETIDA A PROCESOS DE EROSIÓN E MESMO DE DESTRUCIÓN"
Neste contexto de cambio climático axexante, cales serían as zonas de costa que máis retrocederon nos últimos anos e que teñen construcións xa moi próximas ao mar? Pérez Alberti explica que "algúns estudos que fixemos sobre vulnerabilidade da costa amosaron que as zonas nas que actualmente hai un maior risco son as costas baixas e as grandes extensións areosas, como as costas de Baldaio e Razo, en Carballo, ou a costa de Corrubedo". Como exemplo disto, convida a achegarse ata os cantís da zona de Espasante, en Ortigueira, onde se pode observar o retroceso da costa e os enormes movementos de masa inducidos pola forza do mar. De feito, conta que "os veciños xa tiveron que facer un valado con grandes bloques para protexer as casas, porque o mar está chegando ata elas". Todo isto pon de manifesto que "xa na actualidade podemos ver zonas que están sometidas a graves procesos de erosión".
No caso de problemas derivados dos fortes temporais, expón tamén a situación da costa norte galega, pois na zona de Ribadeo e Foz os sistemas dunares que existían hai 40 ou 50 anos eran máis potentes e as zonas areosas máis grandes, pero estanse perdendo a pasos axigantados. Tamén sinala o caso dun hotel situado na desembocadura do río Miño que está moi próximo a verse afectado pola subida do nivel do mar ante un forte temporal. "Se comparamos a costa de hai 50 anos, non fai falta retroceder máis, coa costa actual, todas as zonas costeiras areosas están en franco retroceso", advirte, alertando de que, "fronte a isto, non podemos facer unha lei que obvie a dinámica litoral". Pérez Alberti lembra que "contamos a día de hoxe con toda unha serie de fotografías aéreas de aqueles anos nas que podemos ver claramente como foi mudando a costa galega". Falamos de fotografías dun tempo no que se podía construír naquilo que chamaban primeira liña de praia, algo impensable a día de hoxe. "Hoxe por hoxe non se pode pensar nunha primeira liña de praia, tendo en conta que a primeira liña de praia está sometida a posibles procesos de erosión e mesmo de destrución", alerta o xeógrafo.
"OXALÁ ME EQUIVOQUE E A XUNTA TEÑA TANTO DO QUE SEMPRE DI: SENTIDIÑO; PORQUE, NO CASO DESTA LEI, SENTIDIÑO ESTÁN TENDO POUCO"
E máis aló de vivendas, tamén fai fincapé nas infraestruturas públicas. "Os paseos marítimos que temos en Galicia fixéronse practicamente na súa totalidade contra natura, é dicir, destruíndo os sistemas dunares, polo que agora vemos que o mar se come a costa e, en consecuencia, moitos destes paseos cando chegan os temporais", sinala o xeógrafo. "O mar estase comendo a costa galega, xa o dixen hai moitos anos e reitéroo, porque teño datos cartográficos, medibles e visibles, para demostralo", advirte. Así, fronte a esa realidade, incide na necesidade de "facer unha lei que teña en conta a dinámica costeira". E é que, como advirte, "unha vez se desencadea todo un proceso de erosión, logo é complicadísimo paralo, por iso hai que previlo con anterioridade". Os temporais actuais xa non son coma os de antes, cada vez teñen máis forza e son quen de mover grandes bloques. "A forza do mar é enorme e hai que planificar sempre tendo en conta esa realidade, a realidade dunha dinámica mariña moi forte", advirte.
Con todo, Pérez Alberti amósase "moi pesimista coa política ambiental da Xunta". "Oxalá me equivoque e teñan tanto do que eles sempre din: sentidiño; porque, no caso desta lei, sentidiño están tendo pouco", lamenta. O xeógrafo insiste en que "estamos en épocas complicadas nas que hai que planificar moi ben o que se fai, porque logo é complicado de solucionar e implicará moito esforzo material, persoal e económico". Neste caso, asegura que "aínda estamos a tempo de facer ben as cousas, baseándonos nos múltiples estudos existentes sobre os procesos de erosión costeira e de dinámica mariña". "Os investigadores damos datos reais, non opinións, sobre como o mar se está comendo a costa galega, pero se queren facer caso omiso e sacar unha lei como se esta dinámica non existise, as consecuencias veranse a futuro", lamenta. "Sabemos que a erosión existe, aínda que a nivel do ollo humano sexa pequena, facéndose forte co paso dos anos, polo que debemos anticiparnos", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.