Reproches na Cámara galega ao PPdeG por pactar con Vox "que non condena a violencia machista"

Minuto de silencio no Parlamento en repulsa contra o crime machista do Bolo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2025 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

Deputados dos distintos grupos políticos con representación no hemiciclo galego e traballadores do Parlamento de Galicia concentráronse na porta principal do Pazo do Hórreo para gardar, antes do arranque do pleno desta semana, un minuto de silencio como sinal de repulsa contra o crime machista do Bolo.

O minuto de silencio culminou cun aplauso conxunto, pero os representantes dos grupos políticos aproveitaron as súas intervencións no arranque da sesión plenaria deste martes para trasladar a súa condena expresa á violencia machista e para trasladar a súa dor compartida coa familia de Josefa Fariñas, a última vítima mortal.

O debate arrincou cunha moción sobre o tratamento en réxime residencial das persoas con enfermidades psiquiátricas e a encargada de defendela, a nacionalista Olalla Rodil, foi a primeira en condenar "o maior problema" que afecta á sociedade: a violencia machista.

O parlamentario de Democracia Ourensá (D.O.), Armando Ojea, sumouse á condena polo crime machista do Bolo e incidiu en "o doloroso" que resulta que se continúe dando "esta clase de feitos" especialmente, agregou, nun caso como este, no que, lembrou, "segundo din persoas próximas á contorna familiar, víase vir".

"O noso apoio á familia e que non se repita", apelou, pouco antes de que a deputada socialista Silvia Longueira lanzase tamén unha mensaxe de condena acompañado dun aviso: a violencia machista non se combate só "con minutos de silencio e palabras" en sede parlamentaria. "Son necesarios máis recursos, máis formación e máis atención. É un problema latente, existente, unha preocupación intrínseca dentro do PSdeG", esgrimiu.

O BNG AFEA Ao PP QUE NEGOCIE CON VOX

Pola súa banda, a deputada popular Raquel Arias tamén manifestou a condena do PPdeG e trasladou, xunto co "rexeitamento máis absoluto" á violencia machista, a súa "solidariedade" á familia da última vítima mortal.

Replicoulle na súa última quenda a nacionalista Olalla Rodil, quen afeou aos populares a súa negociación en varias comunidades con Vox, un partido que "nega a violencia machista". "A revolución empeza en casa", advertiu.

Minuto de silencio na entrada do Pazo do Hórreo.
Minuto de silencio na entrada do Pazo do Hórreo. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta