Froiz obrigada a retirar a sanción a traballadoras que colleron lombos ibéricos caducados que ían a tirarse

O TSXG obriga á empresa a indemnizalas tras suspendelas de emprego e soldo durante 14 días.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2025 | Actualizada ás 21:54

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou a Froiz a anular as suspensións de emprego e soldo de 14 días a tres traballadoras --todas pertencentes a sindicatos-- dun dos seus supermercados na cidade de Lugo e abonar como indemnización a cantidade de 7.501 euros a cada unha.

Segundo recolle a sentenza, o 21 de agosto de 2023 a empresa comunicou a estas traballadoras a apertura dun expediente disciplinario. As empregadas presentaron alegacións e o 25 de agosto a compañía sancionounas entón de emprego e soldo durante 14 días. O motivo do expediente sancionador agora anulado débese a que en xuño dese ano, unha delas entregou ás outras dous catro lombos ibéricos dados de baixa por caducidade --por valor de 128,48 euros-- e que as traballadoras retiraron do centro de traballo tras pasalos por caixa, onde a compañeira na caixa non os cobrou.

Segundo a normativa de Froiz, no caso de que o produto chegue á data de caducidade, como foi o caso, debe ser tirado á papeleira. "No centro de traballo era habitual que as persoas traballadoras puidesen retirar e repartirse entre elas os produtos inscritos", describe a sentenza, que recolle que "esta práctica se mantivo ata a incoacción do expediente disciplinario".

Entón, que o comportamento se realizase desta forma é indicativo da existencia dunha "tolerancia empresarial", que segundo a maxistrada, "impide á empresa sancionar sen aviso previo ás traballadoras". Isto xustifica a declaración de improcedencia, pero solicitouse a nulidade de forma principal por "vulneración de dereitos fundamentais".

O TSXG cre que os indicios desta vulneración son "claros" ao ser sancionadas as traballadoras en épocas nas que existen diferentes reclamacións vinculadas á firma do convenio colectivo de comercio de alimentación de Lugo, "con participación activa das demandantes". Unha delas pertence a CC.OO. e as outras dúas, á CIG.

Supermercado do Grupo Froiz
Supermercado do Grupo Froiz

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta