A Xunta crea unha "academia virtual" para axudar aos autónomos

Di que será un espazo de aprendizaxe accesible e adaptada ás necesidades específicas dos profesionais.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 15/05/2025 | Actualizada ás 21:24

Comparte esta noticia

A Xunta traballa na creación da futura "academia virtual" para persoas traballadoras autónomas co obxectivo de optimizar o rendemento da actividade deste colectivo, simplificar os seus trámites administrativos e mellorar a súa xestión empresarial.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, clausurou na tarde este xoves no Carballiño (Ourense), a xornada divulgativa para autónomos e comerciantes organizada por APE Galicia, na que tamén participaron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, así como representantes do tecido autónomo e comercial da provincia de Ourense.

Na súa intervención, da que informou a Xunta nun comunicado, José González destacou que será un espazo de aprendizaxe accesible e adaptada ás necesidades específicas dos profesionais, proporcionando información e formación continua para axudalos coa normativa e aspectos de xestión como a facturación ou a rendibilidade do negocio, entre outros.

Para iso, esta ferramenta ofrecerá flexibilidade, xa que permitirá acceder aos contidos en calquera momento e aprender ao seu propio ritmo. Tamén lles brindará a oportunidade de interactuar con outros profesionais e compartir experiencias.

Neste sentido, expuxo que esta acción é froito das propostas que realizan as organizacións deste colectivo na Mesa do autónomo, espazo de diálogo e consenso co sector, e engadiu que se enmarca na aposta da Xunta por ser unha administración facilitadora e pola colaboración público privada para impulsar a actividade e a competitividade deste colectivo.

Ademais, entre outras accións, destacou que outra medida é a convocatoria de axudas unificada para autónomos dotada con máis de 40 millóns e aberta ata o 30 de setembro e sobre a que as persoas interesadas poden resolver dúbidas co chatbot de intelixencia artificial habilitado para tal fin na Oficina virtual do emprego autónomo.

Crecen o número de sociedades con autónomos que traballan na casa con ordenadores portátiles
Crecen o número de sociedades con autónomos que traballan na casa con ordenadores portátiles | Fonte: EP - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta