Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/08/2025 | Actualizada ás 14:45
O presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, pediu axuda á Xunta de Galicia ante os graves incendios que rexistra a Comunidade nos últimos días. En concreto, o lume que afecta á zona das Medulas.
Así o confirmou o presidente galego, Alfonso Rueda, quen dixo que na mañá deste luns Mañueco contactou con el para solicitarlle "a axuda que poida" achegar Galicia para atallar estes lumes, que se atopan moi preto da fronteira.
Rueda indicou que lle expresou o seu apoio, lamentando que a situación en Galicia tamén é "complicada", aínda que reivindicou a solidariedade entre comunidades. "En todo o que podamos axudar, farémolo, igual que Galicia noutras situacións necesitou axuda doutras comunidades autónomas e tivémola", sentenciou.
O presidente galego lamentou a "intencionalidade clarísima" dalgúns dos grandes incendios que viviu Galicia este verán, con varios focos, "algúns seguindo pistas" forestais polas que algunha persoa habería ido prendendo lume.
Por iso, subliñou que todos eles se investigarán para que "caia todo o peso da lei" sobre os presuntos autores. Alfonso Rueda tamén explicou que a climatoloxía das últimas semanas, con altas temperaturas e forte vento, complicou a extinción dos lumes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.