Galicia liderará o crecemento do PIB per cápita en España ata 2026

A produtividade impulsa a economía galega, con aumento do 2% en 2025 e 1,5% en 2026, segundo BBVA Research.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/09/2025 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

BBVA Research prevé que Galicia lidere o crecemento do PIB per cápita en España no período 2019-2026, grazas ao incremento da produtividade a un ritmo superior ao doutros territorios. Non obstante, tamén anticipa unha certa desaceleración da economía galega, cun aumento do 2,3% en 2025 que baixará ata o 1,8% en 2026.

Presentación do informe de BBVA Research que prevé un aumento do PIB per cápita para Galicia. BBVA
Presentación do informe de BBVA Research que prevé un aumento do PIB per cápita para Galicia. BBVA | Fonte: Europa Press

Segundo o informe presentado pola directora territorial noroeste de BBVA, Guadalupe Hernández, e polo economista xefe para España, Miguel Cardoso, o PIB per cápita galego medrará un 2% en 2025 e un 1,5% en 2026, situándose a finais dese ano 10,5 puntos por riba dos niveis de 2019. Neste escenario, a taxa de paro reduciríase ata o 8,6% e crearíanse 29.500 empregos no bienio 2025-2026.

O servizo de estudos sitúa a Galicia “inmersa nun proceso de converxencia”, apoiada polo gasto público e polos fondos europeos, así como polo consumo das familias e a mellora da competitividade derivada do menor custo da enerxía e da caída da inflación. Con todo, tamén advirte de factores que poden frear este avance, como os aranceis de Estados Unidos, a falta de man de obra, o déficit de vivenda ou a contracción da industria e das exportacións a Francia e Alemaña.

O informe sinala ademais o impacto negativo dos incendios forestais, especialmente en Ourense, que provocaron caídas de ata un 15% no gasto turístico. Pola contra, identifica oportunidades ligadas ao investimento en renovables e á redución do custo enerxético. Guadalupe Hernández destacou a resiliencia da economía galega e ratificou o compromiso de BBVA de acompañar á comunidade no actual contexto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta