Pontón apura a Sánchez cos compromisos de investidura: "Non podemos aceptar non ter tren de proximidades"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, explicou que o acordo de investidura sitúa "a axenda galega en Madrid" e obtivo "froitos concretos"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2025 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou ao Goberno central a que cumpra "os seus compromisos con Galicia" e reclamou un tren de proximidade "antes de que acabe a lexislatura".

"O que non podemos aceptar é que sexamos a única comunidade autónoma que non ten proximidades", recalcou. Foi nun acto na Coruña, a preguntas dos xornalistas sobre o compromiso que manifestou este mércores o presidente do Executivo, Pedro Sánchez, co deputado do BNG Néstor Rego de "cumprir" cos investimentos e os proxectos expostos no acordo de investidura con esta formación política "máis aló de 2027".

"Paréceme que é unha cuestión de xustiza, pedímoslle ao Goberno que cumpra os seus compromisos con Galicia, non imos aceptar incumprimentos nin discriminacións", insistiu para apuntar que "se o señor Sánchez pode modificar os orzamentos para incrementar o gasto militar moito máis importante é que os modifique para que os galegos e galegas teñamos un servizo de proximidade en pleno século XXI".

No entanto, Pónton explicou que o acordo de investidura sitúa "a axenda galega en Madrid" e obtivo "froitos concretos" como, segundo citou, descontos de ata o 75% na AP-9 E AP-53. "Evidentemente nós queremos máis, queremos a gratuidade da AP-9 e esa transferencia a Galicia", engadiu respecto deste asunto.

Na mesma liña e cuestionada tamén polo proxecto de Lei de Mobilidade Sustentable aprobado este mércores no Pleno do Congreso, a portavoz nacional do BNG pediu ao Executivo central que "deixe de pór paus" á transferencia da AP-9. Ademais, reclamou a recuperación de "moitas das paradas que se foron suprimindo nos últimos anos".

"Para poder manter unha mobilidade adaptada á realidade no noso país temos que aproveitar esta nova lei de mobilidade para darlle solución a moitos dos problemas que temos", expuxo.

Tren de proximidade
Tren de proximidade | Fonte: Europa Press

BNG EN CONTR DO NOBEL DA PAZ A DONALD TRUMP

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, asegurou este xoves que o seu partido considera "un despropósito maiúsculo" que o presidente de Estados Unidos, Donald Trump, poida levar o Premio Nobel da Paz por ser promotor do plan de paz en Gaza, pois lle considera "o principal defensor" do "xenocidio" sobre o pobo palestino.

En rolda de prensa no Congreso, Rego explicou o acordo patrocinado por Trump "non foi negociado inicialmente entre Israel e Palestina, senón entre o que practica o xenocidio e o que ampara e apoia o xenocidio, é dicir, entre Netanyahu e Trump". "Que lle dean o Nobel da Paz a un presidente que foi o principal defensor do xenocidio que veu practicando Israel sería inconcibible", sostén.

PONTÓN RECLAMA VIVENDA PÚBLICA


Pontón tamén reclamou a posta en marcha dun programa de compra de vivenda pública para facilitar o acceso a "un dereito fundamental que é misión imposible para miles de persoas, non só para xente nova".

Así o expuxo en declaracións aos medios de comunicación con motivo dun encontro con veciños e veciñas na cidade herculina para abordar esta cuestión, con presenza tamén da concelleira coruñesa Avia Veira. Pontón recriminou ao PPdeG a súa política nesta materia, uns anos, dixo, "onde se permitiu un auténtico descontrol e especulación ao redor da vivenda".

"Hai responsabilidades políticas, levamos 16 anos cun goberno do PP que dinamitou a política social en vivenda, que non actúa para conter os prezos do aluguer, ao contrario, está a pór paus nas rodas e boicoteando medidas que poderían ser efectivas para limitar esa subida tan importante dos prezos". "E que ante o seu fracaso o único que nos ofrece é propaganda, promesas que acabamos vendo que se converten nun bluf, porque esa é a política de vivenda da Xunta, propaganda e bluf tras bluf", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta