Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 09/10/2025 | Actualizada ás 20:45
Un orixinal certame que pon en marcha por segundo ano o Instituto de Estudios Valdeorreses premiará as mellores creacións de espantallos. O presidente desta institución, Aurelio Blanco Trincado, comentaba na presentación que tivo lugar na Biblioteca da Casa Grande de Viloira, no Barco de Valdeorras, que con esta iniciativa “preténdese poñer en valor unha figura fundamental do rural galego, que podemos ver ao longo da nosa xeografía en calquera horta ou explotación agrícola. Un elemento que en moitas ocasións nos sorprende pola gran orixinalidade coa que os seus autores a decoran. Tanto os particulares coma os profesionais”.
Os interesados e interesadas poden presentar as súas obras, que deben ter un tamaño non inferior a un metro nin superior a dous, ata o 25 de febreiro de 2026. As tres mellores obras seleccionadas polo xurado recibirán un premio de 500, 300 e 200 €, que recibirán o primeiro, segundo e terceiro clasificado, respectivamente. Indepentemente dos premios, o Instituto de Estudios Valdeorreses organizará unha exposición con todos os espantallos presentados a concurso, que se celebrará nos xardíns da Casa Grande de Viloira, no Barco de Valdeorras. Posteriormente, todas esas figuras colocaranse ao longo do Camiño de Inverno ao seu paso pola comarca.
Para ampliar información, pedir as bases ao completo e aclarar dúbidas as persoas interesadas poden contactar a través do seguinte correo electrónico: ievaldeorreses@yahoo.es
PARTICIPACIÓN ESCOLAR
O devandito concurso estará aberto á participación escolar e presentarase, segundo dixo Julio Pérez Veiga --membro da Xunta Directiva do IEV-- ,aos colexios e institutos valdeorreses para involucralos e incentivar a súa creatividade. "Se o número de obras presentadas o permitise, instalarianse algúns espantallos en lugares nos que poidan ser admirados polos nenos, tales como centros escolares, parques e xardíns”, comentou tamén.
Para valorar o esforzo dos máis pequenos que queiran participar, os nenos e nenas entre 5 e 10 anos poderán participar de forma individual con bonecos de 30 a 50 cm, e non precisarán soporte algún. Neste caso, non se establece premio en metálico, e aos tres primeiros clasificados nesta categoría faráselles entrega dun agasallo e dun lote de libros.
ACORDO DE COLABORACIÓN CON TURISMO DE GALICIA
O presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado, quixo agradecer á Axencia de Turismo de Galicia “a súa axuda para poder organizar esta iniciativa. Unha acción que se enmarca dentro do acordo de colaboración entre o IEV e Turismo, para poder en valor os atractivos patrimoniais, culturais e turísticos da nosa comarca”.
Dentro das actividades que se están desenvolvendo gracias a este proxecto conxunto, ata o 24 de outubro áinda está aberto o prazo para participar no XII Concurso Fotográfico Manuel Blanco Pascual. O tema desta edición é “O patrimonio material e inmaterial que atopa o peregrino que fai o Camiño de Inverno por Valdeorras”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.