Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/12/2016 | Actualizada ás 11:39
O documental 'Comuneiros. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo' é unha produción da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) en colaboración coa Comunidade de Montes Salcedo. O audiovisual, dirixido por Rafael Quintía e realizado por João Bieites, fai un percorrido por un século de vida e de explotación tradicional do monte comunal e polos aconteceres e desgrazas que, co cambio dos tempos e co gallo das distintas usurpacións do monte comunal, tiveron que sufrir os veciños da parroquia pontevedresa de San Martiño de Salcedo.
O 5 de novembro do 2011 presentouse o documental con motivo das II Xornadas sobre Monte Comunal organizadas pola Comunidade de Montes de Salcedo. O documental tivo unha grande acollida e repercusión mediática pois, xunto co xa clásico 'O Monte é noso' de Llorenç Soler (1978), foi pioneiro nos traballos audiovisuais dedicados ao monte comunal en Galicia.
Agora, SAGA pono a disposición de todo o público para o seu visionado libre a través da súa canle de Youtube.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.