SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2017 | Actualizada ás 18:37 por EUROPA PRESS
A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, convocou un concurso para elixir o cartel da edición deste ano do programa de novos creadores 'Xuventude Crea 2017'. En concreto, o gañador recibirá un premio único de 500 euros.
Segundo informou a Xunta este domingo nun comunicado, poden participar nesta iniciativa todos os mozos de entre 18 e 30 anos que sexan residentes en Galicia, coa excepción do gañador do pasado certame.
O Goberno galego tamén explicou que "cada autor pode participar con dúas obras orixinais, inéditas e en galego" e que o pode facer tanto con traballos realizados de forma individual como en grupo. En relación ás cuestións técnicas, o cartel debe ser en formato vertical, cunhas dimensións de 50 x 70 centímetros e estar montado nunha superficie ríxida.
Segundo sinalou a Xunta, "o tema e a técnica son libres" pero os traballos deben incluír obrigatoriamente o texto 'Certame Xuventude Crea 2017', así como as 12 especialidades que o compoñen: artes plásticas, banda deseñada, moda, fotografía, deseño de xoias, graffiti, música, poesía, relato breve, teatro, cociña e videocreación. O prazo de admisión das obras remata o 28 de febreiro.
'Xuventude Cre é un certame galego de novos creadores. En concreto, na pasada edición participaron máis de 300 mozos, con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos. En total, presentáronse 241 proxectos, dos cales 55 foron premiados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.