“Os elefantes de Sokúrov” de Antón Riveiro Coello

Descubrín a maxia da escrita de Antón Riveiro Coello e volvín recuperar a cidade de Compostela na que vivín tantos anos nas páxinas de Os elefantes de Sokúrov. Explícome, deixei xa fai uns anos a Cidade do Apóstolo, na que tantos e bos momentos vivín e á que volvo cada certo tempo, ben sexa física ou imaxinariamente.

Por A arte é azul - Tensy Gesteira | Bueu | 03/02/2017

Comparte esta noticia

Pois ben, Compostela resulta sempre unha cidade inspiradora, e dela parte o autor limián para crear unha obra sobre a memoria, e na que atopamos continuas e ben claras descricións desta terra tan marabillosa.

Portada do libro de Sokúrov
Portada do libro de Sokúrov

En cada unha das letras vemos maxia, palabras que encaixan á perfección nunha historia que é en realidade moitas historias, nas que se mesturan as referencias á cidade, á lingua galega, á memoria, ao amor e ao sexo, á vellez, á crise económica, ao suicidio, á culpa, á arte, á relixión, ao paso do tempo, ao peso da morte… Os elefantes de Sokúrov consta de moitas arestas, de pequenas historias  que se desenvolven paseniñamente ata precipitarse nun final sorprendente.

“Encántame o idioma e Compostela tamén está edificada sobre el, e iso fai que a percepción que eu poida ter da cidade sexa moito máis completa a través das palabras que a acariñaron durante anos. É unha lingua apegada á pel, ao alento, á alma dos que viven e viviron aquí. Miro de comprender a cidade coma un pracer mítico, intelectual, e o idioma tamén forma parte dela. Gusto do galego, a súa resonancia esgotada e melancólica que o envolve todo nunha saudade antiga, escura coma unha oración”.

As referencias á lingua propia e á querenza da mesma atópanse sempre insertas nunha cidade que ten un aquel de nostalxia, de lembranza do pasado, de reflexión sobre o bo e o malo das nosas vidas, e sobre o peso que xogan as coincidencias.

Os elefantes de Sokúrov é xa unha das mellores novelas que lin en galego, porque fala de temas que hoxe nos preocupan a todos e todas, pero tamén pola súa capacidade de evocar espazos comúns, lugares que se describen desde a memoria emprestada, desde ese ollar que ve os acontecementos e vivencias propios dende as lembranzas dos outros. Aí reside a maxia de Riveiro Coello, que é quen de combinar moitas voces e intercalalas para que unhas expliquen as outras.

“Ás veces penso se eu rematarei así, sendo un vello solitario, sen familia nin máis compaña ca os libros e algunha película rara que xa ninguén quererá ver comigo”.

A cita anterior é moi paradigmática para entender cal é a sensación que percorre todo o libro: a dunha sinceridade que nos fai tremer, e máis cando fala de temas tan humanos e tan á orde do día. Bravo Antón Riveiro Coello, por facer poesía das cousas e sentimentos grises, pero sobre todo, grazas por darlle a Santiago de Compostela unha voz protagonista que só escoitamos os que amamos esa chuvia que empapa as súas pedras.

Ficha técnica

Título: Os elefantes de Sokúrov

Autor: Antón Riveiro Coello

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2016

Número de páxinas: 405


 

Tensy Gesteira

Tensy Gesteira, xornalista e redactora no blog de literatura Lecturafilia, creado en 2013. Son das persoas que penso que unha vida se explica a través da cultura que te acompaña nela, e por iso me rodeo de infinitos libros, son una bibliófila que le en cada oco que ten libre, e que goza compartindo impresións cos demais. Nesta sección atoparedes un pouco de min, dese pouso que os libros deixan, e sobre o que estes me fan reflexionar.
linkedin.com/tensygesteira
facebook.com/tensygesteiraestevez
twitter.com/tensygesteira

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA