Por A arte é azul - Tensy Gesteira | Bueu | 26/04/2016
Cando os falanxistas viñeron buscar á súa casa de Vilaboa a Manolo da Socorra, os seus fillos sempre lembraron que lles quitaron todo, o máis básico, os recunchos que construían as súas vidas, e ata cortándolle unha maceira que era do pouco que tiñan para sobrevivir. Con esta anécdota tan miserenta explica Montse Fajardo o título do seu recente libro Un cesto de mazás. Precisamente esta metáfora foi collida cando un día Luís Bará, experto en memoria histórica e administrador do blogue Non des a esquecemento, puxo no seu Facebook que ía á casa de Tucha, unhas das fillas de Manuel, a coñecer e recoller a historia do seu pai e a devolverlle ese cesto de mazás que a esta familia lles quitaran fai moito tempo.
Con esta presentación, Montse Fajardo recolle dezaseis historias das vítimas do 36 e do tempo que veu, uns anos marcados pola política do medo, do terror, do xenocidio, dese matar polas ideas. Neste libro atopamos a memoria oral dos que resistiron, dos que foron fusilados e sometidos a vexacións por parte do réxime franquista, pero tamén desas mulleres, desas nais, desas irmás que non se resignaron e sobreviviron a pesares de que lles quitasen o que máis querían. É esta unha forma de devolver as mazás a todos os que llas roubaron naqueles anos do medo.
Tiven a oportunidade de acudir o domingo 17 de abril a un acto en Bueu no que se honraba a memoria de Johán Carballeira, o que fora alcalde desta vila pontevedresa antes do golpe de Estado, cando se cumpren 79 anos do cabodano do seu fusilamento na estrada de Monte Porreiro xunto a tres compañeiros seus. O delito? Ter cultura, pertencer ao bando que defendía a liberdade e a xustiza, nun tempo equivocado. Nese tempo no que aos cidadáns lle roubaron a vida e a independencia, tentou agocharse o sufrimento baixo lemas como que as mortes eran para garantir a pureza do sistema correcto, esa maquinaria que atenazaba aos homes e mulleres.
Moitos non se resignaron, non se retractaron dos seus ideais, non renunciaron a defender un mundo máis xusto, e por iso foron condenados. E tras esa condena viñeron corenta anos de ditadura e de silenzo, que deron paso a unha democracia que aínda non reparou os danos, que preferiu soterrar a memoria, e non deixar que as feridas curen. As vítimas do 36 xa non poden recuperar as vidas que lle segaron, pero polo menos poden vencer ao esquecemento, por iso son tan importantes os testemuños que a xornalista Montse Fajardo recolle neste seu libro.
Un cesto de mazás contén historias duras, pero nas que hai sensibilidade, amor e solidariedade entre as persoas e os pobos, e por iso aquí recóllense as vivencias persoais contadas por familiares ou polos mesmos protagonistas, que falan en primeira persoa e nos explican o horror duns anos que aínda non pasaron de todo nas súas mentes. Os rostros e nomes son moitos, e detrás de cada un deles unha historia: Manolo da Socorra, Amando Iglesias, Josefina Arruti, Castor Cordal, María Vázquez, Antonio Alejandre, Paco Reirís, Antonio Mojón, Ángel Huete, Víctor García O Brasileño, Urania Mella, Andrés Roo... Son os nomes dos protagonistas desta película na que non elixiron actuar, pero que as mans duns poucos decidiron executar.
Tanto este libro como o primeiro da autora, Matriarcas, son testemuños imprescindibles para deixar por escrito e para as vindeiras xeracións o sufrimento e as inxustizas polas que tiveron que pasar os nosos antepasados ata conseguir unhas migallas dun mundo mellor. Son nova, pero teño a firme convicción de que a memoria e os actos de homenaxe son unha forma de poñer a cada un no lugar que lle corresponde no conxunto da historia xeral e da dun pobo en particular, aínda que esta idea non contente a moitos. Parafraseando a cita de Giorgios Seferis, incluída non dos capítulos deste libro, “alí onde a toques a memoria doe”. Pero máis doe se a deixamos no esquecemento.
Ficha técnica
Título: Un cesto de mazás
Autora: Montse Fajardo
Ano de publicación: 2015
Número de páxinas: 263
Autopublicación
Tensy Gesteira
Tensy Gesteira, xornalista e redactora no blog de literatura Lecturafilia, creado en 2013. Son das persoas que penso que unha vida se explica a través da cultura que te acompaña nela, e por iso me rodeo de infinitos libros, son una bibliófila que le en cada oco que ten libre, e que goza compartindo impresións cos demais. Nesta sección atoparedes un pouco de min, dese pouso que os libros deixan, e sobre o que estes me fan reflexionar.
linkedin.com/tensygesteira
facebook.com/tensygesteiraestevez
twitter.com/tensygesteira