Os fillos da fame

Sempre fun pouco lectora de poesía, pero o certo é que na actualidade, e cada vez máis, sinto a necesidade de contrastar sensacións, de ver como as miñas tolemias se atopan nalgún verso dalgún poema. Coma min, supoño que moitas persoas, que devecemos por atopar esa alma xemelga que observara un mesmo momento ca ti.

Por A arte é azul - Tensy Gesteira | Bueu | 25/05/2016

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Os fillos da fame de Ismael Ramos é ese poemario xemelgo, pois é de descuberta de como o mar afecta ás nosas vidas, e de como este inmenso mundo xorde e se manifesta na forma de entender un mundo do que antes non formabamos parte.

Puiden asistir á presentación deste poemario, gañador do XVIII Premio de Poesía Johán Carballeira, o pasado domingo 15 en Bueu, e alí foi onde o autor mazaricán explicou a súa relación co mar, ao que coñeceu así por casualidade, e do que comezou a ter conciencia, ao igual ca min, fai pouco tempo. Dese coñecemento nacen estes poemas, nos que se fala da fame, das viúvas e orfos dos mariñeiros, da morte no mar, desa resistencia. Os poemas aquí recollidos transitan por espazos comúns e recoñecidos nas poboacións marítimas, pero tamén pola soidade e as feridas que tardan en cicatrizar, sensacións que se experimentan en calquera lugar do mundo.

Os fillos da fame é un libro para descubrir, para ler ao carón do mar e deixar que as ondas nos acariñen os pés nus. Os versos de Ismael Ramos están ateigados de referencias de Virginia Woolf, Celso Emilio Ferreiro, John Ashbery, Xohana Torres, X. L. Méndez Ferrín, María do Cebreiro ou Pilar Adón, pero no medio deles, consegue aflorar a voz dun poeta que a pesares da súa mocidade, xa conta con numerosos premios, como o Franciso Añón, que gañou no 2013 polo libro de poemas Hábitat/Interferencias. Textos seus teñen visto a luz en publicacións colectivas e revistas como Dorna, Grial e Luzes.

Comparto o poema do libro que máis me gustou:

Negar o azul é máis que nomealo. Non falarei do mar:

xa non se pode. Pero entón de que? O amo sucede nun

coche e case nin vemos o mar pola néboa que está aí.

case non hai pobo pero está aí. O amor é un corpo. O mar

é un corpo cheo de corpos que non poden falar. O amor

é un pobo que non pode falar.

Negar o azul é falar da auga e da carne. Negar o azul

é a rocha, o debuxo das mans sobre a ferida. Quero para

ti un lugar que ula así, coma este coche. Esta calor da

calefacción. Algo que nos acariñe. Negar o azul é o cariño

co que se abre a ferida.

Non imos ter medo da dor. O mar é o mar. O amor é o

mar. Unha viaxe en coche, elíxote a ti para que me leves

ao cabo do home o día que saiba que vou morrer. Ti oirás

a verdade.

Entón non falarei do mar. Será outra cousa. O azul será xa

outra cousa.

 

Ficha técnica

Título: Os fillos da fame

Autor: Ismael Ramos

Ano de publicación: 2016

Editorial: Xerais

Número de páxinas: 50


Tensy Gesteira

Tensy Gesteira, xornalista e redactora no blog de literatura Lecturafilia, creado en 2013. Son das persoas que penso que unha vida se explica a través da cultura que te acompaña nela, e por iso me rodeo de infinitos libros, son una bibliófila que le en cada oco que ten libre, e que goza compartindo impresións cos demais. Nesta sección atoparedes un pouco de min, dese pouso que os libros deixan, e sobre o que estes me fan reflexionar.
linkedin.com/tensygesteira
facebook.com/tensygesteiraestevez
twitter.com/tensygesteira

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA