“A sociedade literaria e do pastel de pel de pataca de Guernsey”, de Mary Ann Shaffer e Annie Barrows

O primeiro que chama a atención do libro de Mary Ann Shaffer e Annie Barrows é o seu título, que destaca pola súa rareza e lonxitude. Xa non é o primeiro lector que se pregunta que hai detrás desa sociedade e que é en realidade o pastel de pataca. Despois hai outro elemento que resulta atractivo: a presenza dun club de lectura onde acoden persoas a falar de libros; e por último, que o libro estea redactado a dúas mans.

Por A arte é azul - Tensy Gesteira | Bueu | 05/02/2017

Comparte esta noticia

Estas son as primeiras ideas que me fixeron decantarme pola lectura deste libro, e cando me somerxín nel os meus mellores desexos comezaron a cumprirse e pouco a pouco a ver os porqués de todas a incógnitas anteriores.

Portada do libro  de Mary Ann Shaffer e Annie Barrows
Portada do libro de Mary Ann Shaffer e Annie Barrows

A sociedade literaria e do pastel de pel de pataca de Guernsey é deses libros que te fai sentir ben, literatura feelgood como se adoita coñecer, e aínda que as vivencias duras da guerra estean presentes, os libros aparecen como unha sorte de garantes da felicidade. Arredor deles nace esa tertulia literaria en Guernsey, primeiro como unha vía de escape  e un mecanismo de defensa nos duros tempos da Segunda Guerra Mundial, e despois como unha rutina e unha forma de xuntárense todos os veciños  e veciñas e falar de libros e da vida en xeral.

Nós, os lectores, imos coñecendo todo o que ocorre (e ocorreu) na illa de Guernsey a través da correspondencia que lle chega á escritora Juliet Ashton a partir de xaneiro de  1946. A vida desta muller que estaba inmersa nunha crise creativa muda cando recibe unha carta dun descoñecido que resulta ser o creador da Sociedade Literaria e  do Pastel de Pel de Pataca de Guernsey. Ela móstrase intrigada, e con ese mecanismo xogan as escritoras para facernos partícipes dunha historia que narra o mellor do ser humano pero tamén o peor, e na que se demostra que ás veces atopas ás mellores persoas lonxe do teu entorno, do teu día a día.

A historia é narrada na súa integridade mediante cartas que recalan en nós como se fosemos os destinatarios de varios remitentes do pasado. E no medio de todo sempre están os libros como táboas salvadoras, como illas ás que podemos viaxar para atopar o tan desexado sosego.

Esta idea é precisamente a que defenden as autoras desta novela. De feito, a mesma Mary Ann Shaffer remata cunha reflexión coa que eu concordo á perfección, e que afianzo con este libro:

“Espero, tamén, que o meu libro ilustre a miña convicción de que o amor polas artes –sexan poesía, narrativa, pintura, escultura ou música- axuda ás persoas a superaren calquera barreira erixida polo home”.

Sen dúbida o obxectivo está máis que logrado, e este é outro libro que recala na miña vida para mostrarme que as palabras sempre poden afrouxar todo o malo.

Ficha técnica

Título: A Sociedade literaria e do pastel de pel de pataca de Guernsey

Autoras: Mary Ann Shaffer e Annie Barrows

Editorial: Rinoceronte

Ano de publicación: 2008

Ano de edición: 2016

Tradución ao galego: Moisés Barcia

Número de páxinas: 279

 


Tensy Gesteira

Tensy Gesteira, xornalista e redactora no blog de literatura Lecturafilia, creado en 2013. Son das persoas que penso que unha vida se explica a través da cultura que te acompaña nela, e por iso me rodeo de infinitos libros, son una bibliófila que le en cada oco que ten libre, e que goza compartindo impresións cos demais. Nesta sección atoparedes un pouco de min, dese pouso que os libros deixan, e sobre o que estes me fan reflexionar.
linkedin.com/tensygesteira
facebook.com/tensygesteiraestevez
twitter.com/tensygesteira

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA