Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/05/2017 | Actualizada ás 20:50
Un compós feito con algas, refugallos de peixe e cortiza de piñeiro para o cultivo de patacas orgánicas. Esta é a aportación que fan investigadoras do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemebto Rural (IBADER) e do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Escuela Politécnica Superior da Universidad Santiago de Compostela (USC), que comprobaron a súa utilidade como fertilizante. O experimento é publicado agora pola revista científica Journal of Applied Phycology nun artigo titulado 'Agronomic assessment of a compost consisting of seaweed and fish waste as an organic fertilizer for organic potato crops'.
A idea era facer compostaxe de refugallos de peixe algas mariñas e cortiza de piñeiro para obter un produto estable, rico en materia orgánica e nutrientes, para uso en agricultura orgánica. O compós avaliouse como fertilizante orgánico para cultivos de pataca e comparouse con outros tratamentos minerais e orgánicos.
O compós obtívose utilizando materiais da costa norte de Galicia: algas (Laminaria spp. E Cystoseira spp., principalmente), xurelo (Trachurus trachurus L., usando refugallos dunha industria de fileteado de peixe) e cortiza de piñeiro (10-15 mm de tamaño).
As investigadoras comprobaron que "o pH case neutro do compós asegura a dispoñibilidade adecuada de nutrientes para as plantas e a actividade biolóxica do chan" e "a súa alta condutividade eléctrica confírelle algo de salinidade", expoñen.
Ademais, o compós cumpre, segundo as científicas da USC, os requisitos legais para a concesión da etiqueta ecolóxica europea (Ecolabel) para poder ser usado como fertilizante ou como substrato de cultivo.
"O compós exhibiu un efecto fertilizante substancial e mesmo superou o fertilizante mineral neste aspecto", indican as investigadoras, que conclúen, tras avaliar os resultados da súa análise, que "é útil como fertilizante para cultivos de pataca orgánicos".
A investigadora principal que asina o traballo é Marta Illera Vives, do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemebto Rural (IBADER), do Campus Terra en Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.