Rodrigo Romaní regresa cun novo traballo centrado na sonoridade da arpa céltica e na tradición oral

O músico saca á venda o seu novo disco, ‘Fios de ouro no ár’, que estreará en directo o 27 de abril na Coruña, no Teatro Rosalía de Castro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/04/2018 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

Un dos traballos máis agardados na música galega sae á venda este venres 13 de abril: ‘Fios de ouro no ár’, o novo disco do arpista Rodrigo Romaní en formato trío, xunto con Bea Martínez e Xulia Feixoo. A estrea en directo será o venres 27 de abril na Coruña, nun concerto no Teatro Rosalía de Castro (entradas á venda en Ticketea). 

Rodrigo Romaní, canda Bea Martínez e Xulia Feixoo.
Rodrigo Romaní, canda Bea Martínez e Xulia Feixoo.

O novo traballo discográfico, que tira o seu nome dun poema do tamén noiés Avilés de Taramancos, é un album concebido para recrear un xogo sónico de luces e sombras, de penumbras estilísticas, de discursos entreverados con alusións a músicas de diversas orixes nas que a tradición oral da música popular vertebra un produto inconfundiblemente galego

A súa tradución ao directo dá como resultado un concerto de sonoridades delicadas ao mesmo tempo que definidamente rítmicas, evocadas pola complexidade de dúas arpas combinadas con elementos electrónicos e percusións acústicas unidas ao canto e a ocarina, na que Romaní ten demostrado unha especial capacidade de interpretación. 

Segundo o propio artista, “a nivel musical trátase dun traballo centrado na sonoridade da arpa diatónica, máis coñecida como arpa céltica, adaptada á música de tradición oral de Galicia. Os temas que forman parte do disco pretenden achegar material a ese xogo tímbrico. A arpa entrou na música feita desde Galicia hai xa corenta anos e desde entón son numerosos os e as interpretes que se van incorporando a este instrumento pola súa especial capacidade de sedución e versatilidade para múltiples estilos e xéneros”, explica.

En ‘Fios de ouro no ar’, como no anterior traballo, faise fincapé na combinación de dúas arpas, contrabaixo e percusión como base para construír as melodías que proceden tanto da adaptación de pezas da tradición oral como de composicións actuais.

Outro dos obxectivos deste traballo é, segundo Romaní, “ampliar o repertorio galego para arpa”. Non procura nin recrea ningun evento específico, indica, “é unha continuación de ‘As Arpas de Breogán’ (o traballo anterior), respondendo de paso á expectativa que creou no seu día”.

Tamén representa un reto persoal despois dun desafortunado accidente en 2013 que tivo como consecuencia a perda dunha falanxe, a inutilización completa dun dedo da man dereita e a creación dunha técnica de sustitución que tiña que partir desde cero. “‘Fios de ouro no ar’ quere ser a superación desa fase”, afirma.

O apoio básico da música no álbum e no directo é o trío de duas arpas e percusión con alguns elementos electrónicos usados discretamente como complemento. A esta combinación engádense puntualmente outros artistas que colaboran para crear un traballo que se pode escoitar comodamente como unha unidade e, ao mesmo tempo, fai agradable e interesante a  escoita por ouvintes non especialmente centrados na arpa. 

No disco colaboran un cuarteto de corda dunha excepcional calidade, o Cuarteto Novecento, que acompaña unha das pezas mais estimadas polo autor, “Preguiza”, e unha especie de recreación fantasiosa das muiñeiras en tono menor máis coñecidas do repertorio para gaita. Tamén participa na gravación Inés Lorenzo, co seu inconfundible timbre de voz, achegando beleza en "Indo de cara á Grixoa" e" Ai Deus, se sabora" e o destacado membro dos desaparecidos Quempallou, Guillerme Ignacio, interpreta dous cantos tradicionais, “Pasacalle e Muiñeira”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta