Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 29/07/2018 | Actualizada ás 11:35
Naqueles casos en que unha situación require proceder con moito tento, precaución ou cautela, e imprimirlle asemade calma e tempero, ¿cantas veces non temos oído que hai que andar (ou ir) con pés de plomo?
Resulta obvio, na medida en que plomo constitúe en galego un barbarismo para o cal temos de noso a voz chumbo, que se trata, xa que logo, dunha expresión espuria. Pero, ¿temos na nosa lingua paremias que dean conta dese mesmo sentido? Pois si que as temos, e agora imos ver unhas cantas:
Andar(se) # Ir(se)... con pies de plomo
{= Actuar con moito tento, precaución e cautela.}
Andar # Ir... con pés de la
Andar # Ir... en pés de la
Andar # Ir... con pés de manteiga
Ex.: Se trata de una operación policial secreta en la cual todos los implicados van a tener que andarse con pies de plomo.
Trátase dunha operación policial secreta na cal todos os implicados van ter que andar con pés de la ‡ en pés de la ‡ con pés de manteiga.
● Tamén:
Andar # Ir a cordes && Andar # Ir... coma (o) gato polas brasas && [E MESMO]: Andar # Ir na(s) punta(s) do(s) pé(s) && Andar # Ir coma a galiña cos ovos
Ex.: Trátase dunha operación policial secreta na cal todos os implicados van ter que andar a cordes ‡ van ter que andar coma gato polas brasas ‡ van ter que andar na punta do pé ‡ van ter que andar coma a galiña cos ovos.
● Mesmo tamén, recolleito no DRAG, non sabemos certo se como calco do castelán:
Andar # Ir... con pés de chumbo
● Tamén, en función dos contextos:
Andar(se) # Ir... con los cinco sentidos
Andar # Ir... cos cinco sentidos
● Tamén, en función dos contextos:
Andar(se) # Ir(se)... con (mucho) cuidado # ojo
Andar # Ir... con (moito) tento # tino # xeito # coidado # ollo && Andar # Ir... con (moita) conta
● E mesmo tamén, segundo o Dicionario castelán-galego da RAG de 2004:
Andar # Ir... con pés de ferro && Andar # Ir... cos pés no aire
NOTAS:
1. Nótese, de primeiras, a distinta e practicamente oposta metáfora que se produce entre a paremia castelá e as que priorizamos para o galego: así, mentres que na nosa lingua estas paremias recorren a elementos (la e manteiga) de comparanza que fornecen idea de algo liviá, leve ou lixeiro, e mesmo dondo e brando, coma dando a entender que do que se trata é de ser sutil e non facer ruído nin facerse notar, para así poder obrar con toda a precaución do mundo, en castelán bótase man dun elemento pesado e denso, como é o chumbo (de feito, parece ser que o orixe da expresión con pies de plomo se acha nas tradicionais botas dos bucios, que se atopaban recubertas de chumbo por norte de lles permitir andar con seguranza sobre o fondo do mar ou dunha embarcación afundida cando se somerxían), que achega a idea de ir a modo e con pasos firmes e seguros.
2. A expresión andar a cordes, que pode ser que resulte a máis “estraña” ou descoñecida para moita xente, recóllea Constantino García González no Glosario de voces galegas de hoxe, publicado en 1985 no anexo 27 da revista Verba, da Universidade de Santiago de Compostela.
3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.
- Graña Núñez, Xosé: Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega. Ir Indo Edicións, Vigo, 1993.
- Irmandades da Fala: Vocabulario Castellano-Gallego de las Irmandades da Fala. Imprenta Moret-Galera, 48, A Coruña 1933.
- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Martíns [anteriormente, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.
- Rodríguez Gil, Francisco Javier: Diccionario gallego-castellano. Versión manuscrita (1855) e versión publicada en 1863 consonte a edición preparada por Antonio de la Iglesia González.
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
- VV.AA.: Expresións galegas. Escolma. Obra actualmente non dispoñible e á que no seu día se accedeu, a través da internet, no enderezo seguinte: http://xatevexo.blogspot.com/2007/07/expresions-galegas.html
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.