Dúas folgas e paros parciais de dúas horas na CRTVG

Están convocados polos representantes do persoal para loitar contra o “desmantelamento” dos medios públicos de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/11/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Novas mobilizacións na radio e na televisión públicas de Galicia. O comité Intercentros da Corporación RTVG chama a todo o persoal dos medios públicos de Galicia a participar nos paros de dúas horas para todas as quendas de traballo que comezaron este martes 20 de novembro, e que se van suceder en días alternos ata o vindeiro domingo 2 de decembro. 

Venres negros na CRTVG por uns medios públicos libres e plurais
Venres negros na CRTVG por uns medios públicos libres e plurais | Fonte: @DefendeAGalega

Esta convocatoria de folga foi refrendada en asembleas polos traballadores e traballadoras xunto con dúas xornadas máis de folga, unha de 24 horas o mércores 19 de decembro, día no que se celebrará unha gran manifestación “contra o desmantelamento dos medios públicos de Galicia”, e outra durante a mañá do día 22, coincidindo coa celebración do sorteo da lotaría de Nadal.

“O persoal e o comité Intercentros levan tempo denunciando que a actual dirección da CRTVG está a executar un desmantelamento do medio en detrimento da prestación do servizo público, malia os esforzos da representación sindical de tentar acordar un modelo de medios públicos de comunicación digno e ao servizo da cidadanía”, apuntan nun comunicado.

O vindeiro xoves 22 de novembro, coincidindo coa segunda xornada de paros parciais, a empresa convocou ao comité de folga a unha xuntanza que se celebrará ás dez da mañá na procura dun achegamento que permita desbloquear a situación.

Con todo, o comité Intercentros considera que foi a dirección actual quen forzou esta convocatoria “ao adoptar sucesivas actuacións que evidencian unha intención de desmantelamento do servizo público de medios de comunicación” . Entre as medidas que reclaman os traballadores e traballadoras cara garantir unhas emisións de calidade está a recupera da produción propia interna, con programas de servizo público, a erradicación da manipulación informativa dándolle cumprimento á lei de medios, o cese da externalización indiscriminada de producións e servizos, a negociación da estrutura de persoal necesaria para a prestación do servizo público con garantías para o emprego . 

Igualmente solicítanse medidas laborais como o remate da contratación fraudulenta, a substitución do persoal ausente, o remate da actual política represiva e sancionadora, xunto con accións a prol que dunha conciliación efectiva da vida familiar ou a negociación efectiva dun plan de igualdade. Ademais, o Comité Intercentros impugnará os servizos mínimos que convocou a empresa por consideralos abusivos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta