A fuxida de Quintana ou o liderado do BNG

Quintana vaise, ou foise. E foise na acertada compañía do silencio, como é de esperar dunha persoa sensata e prudente. Non se albisca resentimento por ningures, non houbo chamados á "depuración" daqueles que puideran ter ideas diferentes. Velaí reafirmada a sensatez e prudencia e exaltada a dignidade. A dignidade sempre vai mellor coas modestas indumentarias, nas elocuencias do silencio cando este é chamado a facer as funcións de fala. Non todo precisa de ser gritado. Nun ámbito político, tal o noso, cunha notable urticaria á democracia que imposibilita o desenvolvemento de primarias limpas e transparentes, o retorno de Quintana amósaseme moi improbable, a capacidade de mobilización e rexeneración democrática dos que quedan, inerme.

Por Xoán Vázquez | New Yersey, USA | 15/11/2011

Comparte esta noticia

Eu aínda estou entre os convencido de que a mellor opción do BNG  para acadar a presidencia da Xunta – se é que a tanto se aspira - seguen sendo Anxo Quintana. Quintana é a ponte que une o nacionalismo co galeguismo socialdemócrata, ou sexa, con ese ámbito onde se poden articular maiorías sociais. Todas aquelas voces que non aspiren a engadirse á polifonía das maiorías sociais rematan sendo simple contaminación acústica, distraccións. Quintana – máis alá dos resultados electorais - non foi unha distracción.  Quintana  sabe conectar coa poboación, facerse ver como un máis, que é o que é, un máis, o que todos somos; tamén os que pensa que son algo máis. Non hai egolatrías, falsas humildades, condescendencias ni elitismos. Percíbese nel unha ausencia de hipocrisía. Na realidade actual, e partindo de que neste mundo ninguén é imprescindible, Quinta é unha figura presidencial de difícil substitución. Sublíñese o de na realidade actual.

Supoño que han vir comicios nos que as circunstancias (enténdase, as viaxes a ningures do PSdeG-PSOE) lle faciliten ao BNG a oportunidade de rabuñar un puñado de votos máis cós que levou baixo o liderado  de Quintana; mais iso non significa absolutamente nada e aínda aclara moito menos. Explícome: son votos circunstanciais como o foi a baixa que sufriu con Quintana.  No goberno bipartito cometéronse varios erros, algúns deles o propio Quintana. Por si alguén me quixer reclamar que nomeara un dos tales erros, voulle con dous. Un: o das Galescolas, boa idea, pobres formas. Víctima de reminiscencias de cousas terribles que magoan o subconsciente.  E un pregúntase, non abondaría con chamarlle Escolas Infantís de Lingua Vehicular Galega. Ou aínda mellor, nas escolas infantís ofrecer dobre aula, sendo unha delas de instrucción en lingua vehicular galega. Lográbase o mesmo sen separar as crianzas en agrupacións que poidan inducir á segregación. Dous: a defensa da identidade galega, comezando pola lingua, non precisa de máis alicerce ca conciencia colectiva deste noso pobo. Non hai outros soportes. Nin falta fan. E se fan falta, entón estamos apañados porque non os hai.  Os soportes somos Nós, todo o demais é enredar. Foi un erro -e ségueo sendo - tanta obsesión polo lusismo. Quintana, coma a maioría dos galegos, sinte unha simpatía moi especial por Portugal, que no é o mesmo ca ser lusista; non obstante, deixouse intimidar polo lusismo e non fixo unha defenda firme da galeguidade como identidade plenamente singular e independente (abonde con relembrar aquela benvida á Academia Galega da Lingua Portuguesa). Houbo momentos nos que semellaba que había unha vontade de entreguismo, de racionalizar á baixa a esencia mesma da galeguidade coma se esta fora unha aberración e urxira de unxila e redimila nas “purezas” do lusismo. Reclamar a presenza do portugués nas aulas galegas é forza de lóxica; non obstante,  restarlle identidade e singularidade ao galego é unha loucura suicida. Sei que esa non era a intención. Mais as percepcións contan. E tanto que contan.  E iso ten un poder disuasivo extraordinario. A mensaxe que queremos oír é que Nós existimos de seu, que somos a suma de tódalas nosas vivencias, a suma de tódolos nosos séculos de historia.  É inconcibible darlle marcha atrás a seis, sete, ou oito centos de anos da nosa existencia post-raiana coma se eses séculos non deixaran pegada, coma se eses séculos non labraran a esencia mesma do que somos. Eses séculos somos Nós. Velaí o oportunismo do PPdeG: apañar cartas na baralla do galeguismo e con elas ganar a partida. Cartas que outros descartan. Sigamos. Con todo, e sen restarlle importancia ao subliñado, nas razóns máis destacables da caída do bipartito pouco tivo que ver Anxo Quintana e moito a obsesión do PSdeG  de centrarse en rabuñarlle catro votos ao BNG, que probablemente llos sacou -para o que  lle serviu -. Era de esperar que o PSdeG, despois de consolidar o seu electorado natural, saíra á procura dos votos galeguistas de centro, presentándoselle como unha alternativa ao PP, que o é, ou debera selo. Non o fixeron, máis ben todo o contrario, disputáronlle ao BNG o voto nacionalista social demócrata. Na circunstancias actuais, ou sexa, desde a  oposición, houbera sido incomprensible e suicida non disputar e pelexar polos votos que se atopen fóra dous marcos naturais de calquera partido, mais nun goberno bipartito que queira ser reeditado ten que haber un acordo “tregua” que facilite poñer cadanseus recursos onde maior rendemento se lle poidan extraer. Non foi así, o PSdeG tentou ser tan nacionalista coma o BNG. Erro maiúsculo; o progresismo nacionalista xa ten fogar, e non é o PSdeG. O único que conseguiu o PSdeG foi deixar á deriva, confundidos, se cadra  ata algo indixentes, a un sector do progresismo que rematou por ser un agasallo ao PP, directo ou por abstención. Logo, aceptar a fuxida de Quinta, consecuente duns resultados electorais, sen considerar as circunstancias, paréceme unha loucura da dirección do BNG, e coido que non lle ha saír barato.  

Quintana sabe onde fallou, sabe como corrixir as fallas, e o máis importante, é o único líder do BNG capaz de abrir espazos, probablemente notables, nos eidos galeguistas socialdemócratas que arestora se sinte pouco representados polo PSdeG. Nunca entendín as présas do BNG en desfacerse de Quintana, e aínda moito menos os esoterismos que a rodearon. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/