O problema é o establishment

Se se confirma que Vox se desmarca da Constitución e aceptamos que é unha ameaza para a convivencia en democracia e só utiliza a democracia como un medio para fins alleos aos valores da Constitución (populismo), daquela estamos falando de moito máis ca de Vox. Estamos falando dun feixe de partidos, mesmo anteriores a Vox, todos eles ben levados co goberno do Estado, algúns deles enchoupados en sangue e desfrutando cun cinismo inconmensurable desa condición sanguinaria.

Por Xoán Vázquez | New Jersey | 23/04/2019

Comparte esta noticia

E hainos tamén xa falando abertamente de románticas vías chamadas a encher as beirarrúas de cadáveres enfeitados cos honores de heroes e mártires, coma se así os seus fedentos bandullos rebentados podrecendo nas cunetas deixasen de ser ágape de corvos e ratas e fértiles criadeiros de larvas de mosca. As ratas, os corvos e mailas moscas serán os únicos agradecidos de tan heroicas fazañas.

O presidente de VOX, Santiago Abascal / www.flickr.com/photos/elentir/42286520162
O presidente de VOX, Santiago Abascal / www.flickr.com/photos/elentir/42286520162

E todos estes partidos, malia moverse nos extremos ideolóxicos da dereita e da esquerda (que hai para todos), ben arrombados no sistema, branqueados e felizmente queimando os soportes de convivencia ante o esguello cómplice dos partidos do establishment. En comparanza con este ronsel de mesquiña vulgaridade e virulenta vileza disfrazada de buenismo, Vox é un aprendiz de señorito que aínda malamente lle sabe facer o nó a gravata. Velaí o lio, por moito que insista D. Pedro Sánchez, lehendakaris e molt honorables, e cantos outros illuminati "A rose by any other name would smell as sweet”.

Vox, nas súas versións máis audaces e atentas aos vernáculos reclamos das nomenclaturas políticas, alomenos en Cataluña e Euskadi, leva connosco desde as primeiras eleccións. Velaí a posibilidade de que estoutro Vox sexa máis reacción ca causa, máis síntoma ca doenza, a progresión natural dos fecundos da fértil semente periférica. E os nosos políticos do establishment, sempre prestos a atender os síntomas e ignorando as doenzas, insisten en darlle a razón á xente que ve en Vox un contrapeso a tanto desvergonzado oportunismo, a tanta calumnia e a tanta insidia, a tanto insulto ás tradicións milenarias –esencia mesma da nosa identidade–, a tanto humillante “entreguismo”. A tanta mesquindade.

As doenzas seguen aí e os síntomas non sempre apuntan ao centro neurálxico do mal. Vox vén para quedarse. Alomenos ata que o establishment responda coa necesaria e reclamada contundencia as vexacións constantes, simbolizadas nas noces do Arzallos –que paz descanse– e naquel “España nos roba” do Molt Honorable, que tanto asco e repugnancia a tantos nos ten causado. Velaí a ironía que a primeira rabexada de Vox sexa nos eidos de “El hombre andaluz”, tan categoricamente sentenciado, sen desprezo de atributos, dos que cumpre subliñar os de “destruído y anárquico” para xa puntualizar con aquilo de “un hombre poco hecho”. Pero, claro, todas esas grotescas apoloxías ao terrorismo máis vil e inhumano, ao populismo máis noxento, son ignoradas, e a  única extrema dereita que hai en España seica é Vox. Da extrema esquerda bolivariana da constante admiración aos xenocidas de Venezuela xa mellor nin dicir palabra.   

Sendo esas preguntas clave e sendo esas vexacións terribles, é preocupante –aínda que comprensible– que os partidos do establishment fuxan delas; pois as respostas queiman.  E en tódolos faladoiros, con ou sen contexto, nos machacan (ducias de veces por minuto) con iso de dereita radical ou extrema dereita, coma se iso significase algo sen antes responder ás preguntas clave. Machácannos con iso porque arrepían de medo a que a conversa leve a verdades incomodas, complicidades insidiosas que pouco a pouco foron destruíndo o que na miña xuventude foi o gran Partidos Socialista Obrero  Español. Estándar de democracia e de liberdade. Que lonxe me queda destas caricaturas irrecoñecibles de charlatáns oportunistas capaces de venderlle a alma ao mesmo Satanás; por ende, incapaces de falar coa necesaria claridade e de adherirse cun mínimo de coherencia aos principios fundadores do gran PSOE. Canto o boto de menos…

Ou sexa, mellor falar de Vox. Pero dicindo o xustiño para enredar á parroquia e agachar detrás das distracción do barullo aos compañeiros de viaxe; algúns deles entregados á calumnia e inimigos rotundos da Constitución e dos principios e valores compartidos. Porque todo o que se pode dicir, se se fala claro,  salpica a todos e a todo. Daquela, mellor ir evadindo precisamente aquilo do que é de urxencia falar: liberdade, seguridade (persoal, xudicial, e xurídica), legalidade, igualdade e solidariedade. E se cadra é aí onde Vox aprendeu a pescar, nese fecundo caladoiro de abandono, burla, engano, frustracións e desesperanza, fertilizado por unha hipocrisía insoportable e unha mesquindade inconmensurable. O problema é o establishment.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/