A ciencia alerta: a dieta galega actual é menos saudable e máis contaminante que a atlántica tradicional, en declive

Os galegos están cada vez máis alonxados da dieta atlántica e máis apegados ao sal, a carne, os doces e as comidas procesadas e precociñadas. Científicos da Universidade de Santiago advirten dos danos que os novos hábitos alimentarios causan na saúde humana e no medio ambiente, pola súa forte pegada de carbono.

Por Alberto Quian | Madrid | 05/06/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

A dieta dos galegos xa non é o que era. A industria alimentaria e os consumidores empeoraron a calidade nutricional e tamén ambiental da dieta galega, que hoxe está afastada da atlántica tradicional recomendada, en declive ante os novos hábitos alimentarios, con graves consecuencias para a saúde humana e tamén para o medio ambiente.

Dieta atlántica.
Dieta atlántica.

Científicos do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) compararon o impacto ambiental e nutricional da dieta atlántica tradicional coas tendencias de consumo actuais. “Pódese concluír que o patrón de consumo real en Galicia está lonxe do recomendado, con peor calidade ambiental e nutricional”, afirman os investigadores tras as súas análises.

“Os resultados deste estudo demostran que existe unha desviación entre os patróns de consumo real e as dietas segundo as recomendacións de saúde, tanto desde o punto de vista ambiental como nutricional”, explican os científicos.

Así, o patrón dietético actual en Galicia obtén puntuacións moito máis baixas nos índices nutricionais e unha pegada de carbono máis alta que as recomendacións da dieta atlántica tradicional.

A dieta actual é causante dun 15% máis de gases de efecto invernadoiro que a atlántica tradicional

Ante isto, os científicos consideran que “sería beneficioso un cambio nas tendencias actuais do consumo de alimentos cara ás recomendacións da pirámide atlántica”. Neste sentido, apuntan a unha inxesta excesiva de sodio (causa principal de mortes relacionadas cunha dieta inadecuada, con altas doses de sal).

En base aos datos analizados, os expertos consideran que “os alimentos procesados ​​e precociñados deben deixarse de lado, xa que son os que teñen a peor calidade nutricional”.

Tamén destacan que “a calidade nutricional e ambiental dos dous escenarios estudados se pode mellorar substituíndo a carne de vacún cunha fonte de proteínas máis sustentable”. Así, din que “é aconsellable proporcionar máis proteínas de orixe vexetal que as de orixe animal, sendo os legumes o mellor substituto posible”.

Os investigadores cren que estes resultados “poden ser útiles para que os responsables da política autonómica e as autoridades sanitarias actúen nos puntos críticos que causan a maior perda de calidade nutricional e o consecuente aumento da pegada de carbono”.

Os resultados do estudo veñen de publicarse na revista científica Science of The Total Environment, nun artigo titulado 'Linking environmental sustainability and nutritional quality of the Atlantic diet recommendations and real consumption habits in Galicia (NW Spain)', asinado por Xavier Esteve Llorens, Maria Teresa Moreira, Gumersindo Feijoo e Sara González García.

DIETA MÁIS CONTAMINANTE

Comparando os dous escenarios, as emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas son aproximadamente un 15% máis altas para a dieta galega actual que para a atlántica recomendada, principalmente debido á maior inxesta de carne e produtos lácteos.

A pegada de carbono estimado para a dieta atlántica é un equivalente de CO2 de 4,53 kg por persoa e día, mentres que na dieta galega actual ascende a 5,22 kg.

O principal factor responsable das emisións totais de gases de efecto invernadoiro é a etapa de produción de alimentos, independentemente do escenario: 4,07 kg de CO2 equivalente por persoa e día na dieta tradicional e 4,80 kg na actual.

Carnes e lácteos son os produtos que máis contribúen á pegada de carbono

As actividades de transporte son responsables de aproximadamente o 10% do total de emisións en ambos os escenarios.

Os produtos pecuarios –carne e lácteos– son os que máis contribúen á pegada de carbono, “non só porque son algúns dos alimentos máis consumidos, senón tamén porque son os alimentos cos peores perfís ambientais asociados”, aclaran os autores do estudo.

Centrándose nos produtos cárnicos, a dieta actual ten unha pegada de carbono lixeiramente superior á tradicional: 2,2 kilos de CO2 equivalente por persoa e día, fronte a 1,9 kg. Esta semellanza contrasta coa cantidade de carne inxerida para cada dieta, xa que na actual é aproximadamente o dobre que na tradicional. Os científicos teñen unha explicación para isto: “A razón detrás deste resultado está asociada co consumo de carne de vacún, que é similar en ambos os escenarios (66,9 gramos e 56,6 gramos por persoa e día, respectivamente, na dieta tradicional e na actual), sendo este tipo de carne o que ten o peor perfil ambiental asociado”. A pegada de carbono asociada á carne de vacún é responsable do 42% e 31% das emisións totais na dieta tradicional e na actual, respectivamente.

Para todos os demais produtos alimenticios, os produtos lácteos tamén reportan un efecto notable na pegada de carbono, independentemente do escenario. Na dieta atlántica tradicional, os lácteos son responsables do 16% do total da pegada de carbono. No caso da actual, a súa contribución é lixeiramente menor, un 15%. Isto, sinálase no estudo, "é unha consecuencia da notable inxesta de produtos lácteos en Galicia".

Os alimentos procesados ou precociñados teñen un importante impacto ambiental e son inexistentes na dieta atlántica tradicional

O consumo de produtos do mar é a terceira forza máis grande en termos de emisións de gases de efecto invernadoiro en ambos os escenarios. Aínda que a cantidade de produtos do mar é similar en ambos os patróns dietéticos (195 e 182 gramos por persoa e día, respectivamente, para a atlántica a e actual), a pegada de carbono é case o dobre na dieta actual. “A razón detrás deste sorprendente resultado explícase principalmente polo consumo de certas especies na dieta actual, con factores de emisión de gases de efecto invernadoiro relativamente altos (por exemplo, salmón, pescada, fletán, lagostinos ou atún enlatado), que non se consideraron dentro dos menús deseñados da dieta atlántica. Como resultado, os produtos do mar representan aproximadamente o 14% do total da pegada de carbono para a dieta actual e aproximadamente o 9% para a atlántica”.

Na pegada ambiental da dieta actual tamén inflúe a contribución da categoría de alimentos procesados ou precociñados, inexistentes na dieta tradicional e de baixa calidade nutricional. O consumo deste tipo de alimentos ​​representa ao redor do 6% do total da pegada de carbono na dieta actual, “unha proporción máis alta que a asociada con outros ingredientes como verduras e froitas (aproximadamente 4% e 2%, respectivamente), que se consideran alimentos básicos na dieta”, detallan os investigadores.

CALIDADE NUTRICIONAL

Doutra banda, a calidade nutricional é comparativamente máis alta para a dieta tradicional, ao estar asociada a un maior consumo de verduras e froitas.

Cos patróns da dieta actual, os galegos están comendo máis do dobre do aconsellable de carne, cunha media de quilo e medio por persoa e semana

Os datos evidencian que os hábitos alimentarios dos galegos están empeorando, ao apegarnos máis aos patróns da dieta actual, na que destaca a presenza dos alimentos precociñados ou procesados, inexistentes na atlántica. Os resultados indican que estamos a consumir 88,1 gramos por persoa e día, de media, seguindo os novos patróns alimentarios.

Consumir unha maior cantidade de alimentos ultraprocesados asóciase cun maior risco de mortalidade, segundo unha investigación liderada desde a Universidade de París XIII (Francia), publicada este ano.

O aumento no consumo de carne é espectacular. Se na dieta atlántica é de 91,9 gramos por persoa e día, de media, actualmente estamos inxerindo 217 gramos, segundo os patróns da dieta actual. É dicir, estamos comendo máis do dobre do aconsellable de carne.

A recomendación oficial da Sociedad Española de Nutrición Comunitaria (SENC) é consumir como máximo 125 gramos por persoa semanais de carne vermella e procesada, e 325 gramos por persoa semanais de carne branca. Os galegos estamos inxerindo actualmente quilo e medio de carne á semana.

Varios estudos relacionaron o consumo excesivo de carne vermella e procesada cun maior risco de padecer enfermidades cardíacas, accidentes cerebrovasculares e certos tipos de cancro.

Cae dramáticamente o consumo de froita, que non chega na dieta actual nin á metade dos valores da atlántica tradicional

Tamén destaca o aumento no consumo de doces, que na dieta atántica é, de media, 11,7 gramos por persoa e día, mentres que actualmente estamos inxerindo 15,5 gramos.

A inxesta de ovos, lácteos e cereais tamén é lixeiramente maior na dieta actual.

Pola contra, cae dramáticamente o consumo de froita, que non chega na dieta actual (439 gramos por persoa e día) nin á metade dos valores da atlántica tradicional (1.024 gramos).

Destacan tamén os descensos dos froitos secos –de 33 a 5 gramos– e legumes –de 29,3 a 20,1–, mentres que se sitúan lixeiramente por debaixo dos niveis da dieta tradicional a inxesta de vexetais, mariscos e pescados, e aceites e graxas.

FONTE: X. Esteve-Llorens et al. / Science of the Total Environment 683 (2019) 71–79

Categoría de alimentos

Dieta atlántica tradicional
(g/persoa
−1/día−1)

Dieta galega actual
(g/persoa
−1/día−1)

Froitas

1.024

439

Vexetais

633

581

Legumes

29,3

20,1

Cereais

291

319

Froitos secos

33

5

Lácteos

419

472

Ovos

23,7

26,.2

Carne

91,9

213

Mariscos e pescados

195,7

182

Comida procesada/precociñada

0

88,1

Doces

11,7

15,5

Aceite/graxas

29,9

23,6

Total

2.753

2.387

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Mentres os nutricionistas traballan para mellorar a nosa dieta.. O Sergas traballa para matarnos rápidamente... https://www.noticiasvigo.es/a-xeren... Seica imos ser cadáveres ben alimentados!

1 Lugo

Normal, o BNG acaba con todo o bó de Galicia.