Por H.Harguindey | Cangas | 13/02/2012
Conste que dubidei algo antes de me decatar do carácter do teu artigo aparecido aquí en Galicia Confidencial. Confeso que foi unha experiencia persoal a que me axudou. Hai xa anos publiquei un artigo retranqueiro e, días despois, cando tiven que ir a un especialista médico –sanidade pública, claro-, a enfermeira miroume con ollos fuxidíos e asustados. Ao rematar, o médico, amigo meu, comentoume: “Sabes que te tomou por un facha? Non entendeu o teu artigo desoutro día. Non te preocupes, que a min tamén me ten pasado con cousas que escribín”.
Non me preocupei, entre outros motivos porque esa mesma mañán paroume unha muller que me coñece e díxome: “Moi bo ese artigo. Escribe moitos así, que hai que darlles coa tranca e a retranca”.
Por iso, dende entón, antes de descualificar o autor ou a autora, releo o artigo varias veces.
E por iso penso que este teu non se pode tomar en serio.
Mais, posto a facer o indio, ben puideches facelo de todo. Pintáreste a cara e o corpo coas pinturas de rigor e bailares arredor do lume as danzas rituais. E convocares toda a tribu: os da túa xeración (que xa non sodes os novos, síntoo) e os realmente mozos. A non ser que, nestes momentos, esteas xa a ensaiar ao son do tambor algún himno de loita que estás a piques de nos trasladar nun próximo artigo.
Boa falta fai, porque nos máis novos –tamén nos vellos, é certo- abundan os que se deixan adormecer pola auga de fogo e a caixa das pinturas bailarinas, fornecidas polo home que fala con lingua de serpente. E, entrementres este, dirixido de lonxe polos seus verdadeiros amos, os propietarios dese todopoderoso invento chamado “banco”, arrasa os territorios dos seres humanos.
Sen resistencia organizada, porque as tribus están divididas e só algúns vellos e uns poucos mozos saen aos camiños para tratar de frealo. Pero son –somos- insuficientes.
De aí que as mentiras do pequeno xefe rostro pálido “Planta herbácea da familia das papilonáceas”1 e do seu gran xefe “Cara con pelo Rachón” sigan campando mentres eles continúan a persecución do pobo indio deica o esmagamento total.
Por iso, meu benquerido rapaz, a nación debe enfrontarse aos que, non contentes de nos ter ido roubando paseniñamente o noso territorio e a nosa identidade milenaria, pretenden aniquilarnos xa de vez.
Por iso, meu benquerido rapaz, a traxectoria e a experiencia dos vellos da tribu non se pode guindar nun pozo pois segue a ser imprescindible.
Por iso, meu benquerido rapaz, a tribu ten que funcionar á par, coa sabedoría do Consello de Anciáns e a seiva e a forza dos indios mozos.
E as tribus, diferenciadas xa entre elas para non seguiren enleándose en estériles disputas internas, teñen que se aliar na práctica para a defensa cotián da vida de todos.
Unha aperta do teu vello amigo
Pequeno ollo chiscado
1.Tradución da TVG. En bo galego sería “O caciquiño cara lavada Feixón”.