A Deputación de Pontevedra impulsa cursos de formación en 12 localidades para 420 desempregados

Máis de 400 mozos da provincia participan no programa Practicum mellorando a súa formación en países europeos.

Por E.P. | Pontevedra | 19/07/2019 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

Uns 420 desempregados poderán formarse a través do programa Labora 2020 nunha ducia de concellos da provincia, unha iniciativa á que a Deputación de Pontevedra destina 1,4 millóns de euros. A Xunta de Goberno provincial aprobou a contratación deste servizo que se desenvolverá en Barro, Lalín, Cambados, O Porriño, O Grove, Ponteareas, Vigo, Pontevedra, Tomiño, Soutomaior, Cangas e Vilagarcía de Arousa.

Camareiro traballando
Camareiro traballando

Deste programa poderán beneficiarse unhas 420 persoas inscritas como demandantes de emprego, entre parados de longa duración, menores de 30 anos e maiores de 50, inmigrantes, persoas con diversidade funcional ou en situación vulnerable.

Os itinerarios formativos que se realizarán, nun total de 28 cursos, están enfocados a adquirir competencia como auxiliares de almacén, limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, dinamización de actividades de tempo libre educativo, socorrismo en instalacións acuáticas, conservación e mellora de montes, capacitación básica en restaurantes e bares, e nivel 2 de galego, lingua e matemáticas.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xustificou a elección destas materias porque "atendendo ao INEM, hai unha demanda relevante nestes postos de traballo". Ademais, cada itinerario inclúe xornadas informativas sobre igualdade e non discriminación, e as persoas que realicen esta formación poderán realizar prácticas profesionais non laborais en empresas do sector correspondente.

Por outra banda, os beneficiarios destes cursos terán acceso a unha axuda económica se carecen de rendas ou ingresos cuxo cómputo sexa igual ou superior mensualmente ao 75 por cento do indicador público de rendas de efectos múltiples. Esta iniciativa, que supera os 5 millóns, tamén conta cun financiamento de case 4 millóns de euros por parte do Fondo Social Europeo e o seu obxectivo, segundo Carmela Silva, é "integrar" e mellorar a formación das "ducias de miles de persoas en situación de desemprego" na provincia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta