Escocia move o meridiano de Greenwich

Sir Sean Connery, coñecido como o Axente 007 do servizo secreto da sua Maxestade, resultou ser un axente dobre, infiltrado en Londres pola insurxencia escocesa. Baixo o título nobiliario de Sir ocúltase un perigoso independentista que apoia públicamente a causa do Scottish National party.

Por Valentin Carrera | Compostela | 22/10/2012

Comparte esta noticia

Segundo informa nun detallado dossier o diario inglés The Guardian, “unha terceira parte dos catro millóns de votantes escoceses creen que Escocia debería deixar o Reino Unido e ser independente, poñendo fin a 305 anos de unión política con Inglaterra”.

Ante esta crúa realidade, dous políticos con certa intelixencia emocional, o premier británico David Cameron e o líder escocés Alex Salmond, asinaron onte, o 15 de outubro de 2012, o “Acordo de Edimburgo”, un tratado político entre Reino Unido e Escocia, con trinta cláusulas, en virtude do cal Escocia convocará e celebrará, deus mediante, un referendo vinculante pacífico, legal e democrático sobre a súa independencia. Tal referendo ocorrerá o sábado 14 de outubro de 2014, tras dous anos de preparación e dezaseis semanas de campaña. Diríase que soa ben.

Non hay novas de que Europa e Bruxelas se teñan rachado as vestiduras. Lembremos que David Cameron non é un bolchevique revolucionario, senón o irmán político de Rajoy; tampouco Alex Salmond ten cara de Robin Hood. Son dous gobernantes europeos moi de dereitas, como Rajoy e Artur Mas, que atoparon –como é a súa obriga- unha vía de solución dialogada, cordial e, sobre todo, democrática, a un problema político que afecta a millóns dos seus concidadáns.

O Sir Connery español é tamén axente dobre e moi querido pola Monarquía: chámase José Manuel Lara. Polas mañás fai negocios en Barcelona e polas tardes en Madrid; é tan hábil que atopa no momento oportuno unha novela, A marca do meridiano, para darlle o premio Planeta cuxa acción vai e vén entre Madrid e Barcelona. Tendendo pontes, na cea fría do Planeta, Lara pediu diálogo, diálogo e diálogo.

Para poñer as cousas no seu sitio, non vaia a ser que nos confundamos de país e de meridiano, Rajoy, Gallardón, Cospedal e o ministro da Wertgüenza, entre outros hooligans do nacionalismo español, saltaron á xugular de Mas nunha operación preventiva. Parece que lles interesa máis caldear o ambiente que sentarse a cumprir coa súa obriga política: falar, dialogar, atopar puntos de acordo, arrefriar os problemas álxidos e resolvelos, no canto de insultarse e botar leña ao lume.

Non hai que ser necesariamente independentista nin o contrario; basta con ser demócrata para desexar que o presidente Rajoy e o presidente Mas se senten e, traducindo politicamente ao castelán e ao catalán o “Acordo de Edimburgo”, asinen pronto un “Acordo de Girona” polo que Cataluña celebre un referendo legal, pacífico, europeo e democrático no outono de 2014. Bastaría un chisquiño de sentido común e saber que o meridiano de Greenwich non pasa por Madrid. En Twitter: @Tornarratos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].