Orozco: que corran as listas

A xuíza de Lugo Pilar de Lara, instrutora do caso Pokémon dictou un auto segredo cuxo contido con todo luxo de detalles foi publicado xa en todos os medios de comunicación. Deron a exclusiva o martes 14 os medios de Prensa Ibérica, La Nueva España, La Opinión e Faro de Vigo, que pode resumirse neste titular: “A empresa asturiana do caso Pokémon pagou 2.000 euros ao mes ao alcalde de Lugo”.

Por Valentin Carrera | Compostela | 16/05/2013

Comparte esta noticia

Esa mesma mañá, Xosé Clemente López Orozco, alcalde de Lugo e presidente do PSdeG-PSOE, anuncia en roda de prensa: a) que é inocente; b) que se sente desamparado e laminada a súa presunción de inocencia; c) que denunciou a violación do segredo de sumario, pedindo que se investiguen as filtracións.

De paso, anuncia aos xornalistas a “ampliación dunha querela contra os tres periódicos citados”. Ao día seguinte almorzamos coa noticia a toda plana: dúas páxinas na Voz, catro no Progreso, etc., de xeito que a roda de prensa exculpatoria do Alcalde dilúese nun eco-eco demoledor.

Sen tempo para matar ao mensaxeiro, que foi a súa primeira reacción, o Alcalde convoca unha segunda roda de prensa na que corrixe o tiro e apunta directamente ao corazón da xuíza De Lara –é público que as súas relacións persoais son de odio declarado-, e a empraza a levantar o segredo do sumario “antes do próximo sábado 18, ou acudirá ante o TSXG”. Supoño que a xuíza pedirá á súa vez amparo e dirá que se sente coaccionada… ou talvez sexa máis intelixente e non entre ao trapo.

Mentres todo isto ocorre en Lugo, axentes ao mando da mesma xuíza rexistran de novo os domicilios do exalcalde socialista de Ourense e o caso Pokémon segue crecendo como unha hidra que ameaza con estrangular o municipalismo socialista galego durante a próxima década.

¿Quen filtrou o auto segredo coñecido só en sé xudicial por tres ou catro persoas? ¿Con que interese? En termos de miseria política, a filtración beneficia ao PP e prexudica ao PSOE; pero de rebote, non se esqueza que Orozco é valedor do candidato socialista Besteiro e, xa que logo, tocado e afundido o buque insignia de Lugo, Pachi Vázquez alzarase co santo e a esmola.
En termos xudiciais, o asunto cheira mal e pinta cada día peor para Orozco, cada vez máis acosado. Eu si lle creo, como acto de fe (fe é crer o que non vimos), pero si Orozco non meteu un céntimo ilegal no seu peto, ten -mírese por onde se mire- unha gravísima responsabilidade in vigilando. É o mesmo argumento usado contra Feijóo na súa relación con Dorado. Si non se decatou, tiña obriga de decatarse; e si de verdade non se decatou, ademais de imprudente é un incompetente. Iso sábeo calquera alumno de Filosofía en Bacharelato. Que corran as listas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].