Contra a corrupción, democracia interna

O curso parlamentario é como o curso escolar, en quince días pechan o pupitre e, con algunha excepción, vémonos en setembro. Na recta final de xuño, dúas comisións de investigación compiten a ver cal acaba antes: a das caixas de aforros e a comisión contra a corrupción.

Por Valentin Carrera | Compostela | 20/06/2013

Comparte esta noticia
Esta semana o Hórreo promete certa excitación xornalística ante a anunciada comparecencia, o venres 21, das ex-vacas sagradas Méndez, Pego, Mauro Varela e Gayoso, que segue sendo Medalla Castelao 2002, “pola perfección, o simbolismo ou a transcendencia da súa obra”.
Co forno parlamentario quente, a foto mugrienta eclipsa outras comparecencias, sólidas e ben fundadas, que esixen lectura detida; por exemplo, a do colectivo progresista Xustiza e Sociedade de Galicia, representado ante o Parlamento polo avogado vigués Matías Movilla. Así como eses presuntos delincuentes -aínda amparados polas teas de arañas do ocultismo oficial, que se nega, ata en sé parlamentaria, a revelar as súas esmorgas e xubilacións-, son o pasado; as propostas de Xustiza e Sociedade orientan o futuro.
 
Centrareime na modificación da Lei de Partidos: “O grito de que non, que non, que non nos representan, transmite un ansia popular de desafección. Son e foron os partidos, os que impediron a persecución e erradicación das condutas corruptas”, afirma Movilla, os mesmos partidos que ata 2012 se autoexcluiron de toda responsabilidade penal por donacións ilegais, esas que agora están aflorando e quedarán impunes.
 
A nova Lei de Partidos debe conter unha esixencia sinxela: que o seu funcionamento interno sexa democrático como esixe o artº 6 da Constitución e segue sendo o talón de Aquiles de tantas executivas vitalicias, sanedríns, baronías feudais, cooptacións e outras componendas.
 
Democracia interna: a gran materia pendente dos partidos políticos. ¿Como fraguala? Matías Movilla concreta a resposta de Xusticia e Sociedade en sete medidas: 1) Congresos cada dous anos, en data fixa. 2) Directivas e asembleas internas en data fixa, incluíndo sempre votación sobre xestión da directiva con voto secreto. 3) Composición de congresos proporcional a afiliados ou votos do partido en cada provincia ou distrito e limitación de mandatos. 4) Elección de todos os delegados e órganos executivos con voto secreto. 5) Elección dos candidatos en eleccións primarias. 6) Mandato limitado dos tesoureiros e auditorías anuais externas. 7) Verificación independente dos gastos electorais.
 
A proposta interpela directamente aos partidos maioritarios, afeitos a converter os seus congresos en plebiscitos: ¡¡Feijóo foi elixido por aclamación do 98,7€ dos votos!!; especialistas en sucederse a si mesmos, como Pachi Vázquez, burlándose das primarias que tanto prometeu. Interpela tamén a BNG e UPG, a AGE, EU, Ecosocialistas… inmersos xa no debate da democracia interna, como se viu na recente asemblea de ANOVA. 
 
Sen democracia interna non hai democracia e os partidos convértense en maquinarias electorais, cabalos de Troia en cuxo ventre vai a podremia da corrupción. Pregúntome si alguén escoitará as propostas da Comisión contra a corrupción ou si o Parlamento Galego suspenderá e terá que repetir curso, outra vez máis, en setembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].