Os buracos negros da Comisión das Caixas

Coa traca final de José María Castellano e Alberto Núñez Feijoo, concluirán esta semana as comparecencias ante a Comisión das Caixas do Parlamento Galego de presuntos delincuentes como Méndez e Gayoso, cómplices ausentes como Ordóñez e Currás e outros cooperadores necesarios.

Por Valentin Carrera | Santiago de Compostela | 04/07/2013

Comparte esta noticia
Na Audiencia Nacional e outros tribunais esixiranse algún día, esperemos que pronto, as responsabilidades penais en procedementos xa iniciados. O que se ventila no Parlamento son cuestións políticas e rendición de contas democráticas: transparencia.
 
¿Por que se afundiron as Caixas? A resposta é clara e sinxela: pola conivencia entre unha casta política cómplice, untada e submisa, que deixou facer a unha banda de atracadores con gravata. Por iso, esta Comisión das Caixas pecharase en falso si os deputados non son capaces de aclarar á sociedade as súas relacións cos banqueiros agora apestados, con quen compartiron barcos, préstamos, inauguracións, festas e cuchipandas.
 
As fotos de Quintana no iate de Jacinto Rey ou as de Feijóo con Marcial Dourado son cromos infantís á beira do álbum que Méndez e Gayoso poderían exhibir cuns cantos políticos que se sentan ou se sentaron nos últimos anos no Hórreo. ¡Ai, si falase o mordomo do Club Iñás ou cantasen as bodegas de Porto!
 
Pero as fotos non son o máis interesante: á sociedade impórtalle coñecer a relación completa de préstamos de Caixa Galicia e Caixanova aos partidos políticos con grupo parlamentario, PP, PSdeG, AGE e BNG. Todos e cada un dos préstamos recibidos, condicións pactadas, devolucións feitas, condonacións graciosas e demais detalles amorosos. É un traballo sinxelo: basta unha simple consulta a NCG Banco ou bastaría con que os propios partidos, en aras da transparencia, o aportasen á Comisión.
 
En segundo lugar, é relevante saber si Caixanova e Caixa Galicia fixeron préstamos persoais a representantes electos, xa sexa deputado, alcalde, director xeral, conselleiro; e si estes préstamos foron en condicións de mercado, como calquera cidadán, ou tiveron trato privilexiado e intereses subvencionados, cos aforros de todos, por razón do seu cargo ou influencia. Eu podo publicar a miña hipoteca ao 14,75%, con dez cláusulas abusivas e ilegais, e comparámola coa súa, señor conselleiro.
 
En terceiro lugar, aos cidadáns interésanos saber si Gayoso e Méndez, e outros, enriquecéronse de modo ilícito; si posúen, eles ou os seus testaferros, patrimonios desmesurados froito da pillaxe. Facenda achegou ao xuíz información sobre a Infanta, ou sobre insignes deputados do PP: non vexo por que non han de achegar estes señores no Parlamento –antes ou despois terán que facelo no xulgado- as súas declaracións de renda e patrimonio da última década.
 
Sobre estes tres buracos negros hai un espeso manto de silencio parlamentario e moitas fintas. A sociedade galega ten dereito a coñecer as amizades perigosas, as compracencias e os favores recibidos polos seus representantes destes banqueiros depredadores que se asignaron soldos e xubilacións multimillonarias e deixaron a miles de familias na ruína. Fronte á corrupción, tolerancia cero. Entón, entón si, a Comisión das Caixas serviría para algo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].