Leccións urxentes tralo accidente de Santiago

Presidentes, ministras e conselleiros vestidos de loito e coa cara compunxida eloxian o “extraordinario comportamento” de médicos, policías, xuíces, bombeiros, funcionarios e servidores públicos. Son os mesmos funcionarios aos que levades catro anos despedindo, recortando soldos, privatizando e degradando a función pública.

Por Valentin Carrera | Compostela | 26/07/2013

Comparte esta noticia
Estas tristes circunstancias mostran o verdadeiro valor de servizos e servidores públicos tantas veces insultados e denostados. Médicos en paro que acoden voluntarios a urxencias, bombeiros que abandonan a folga e súmanse á tarefa. Menos eloxios hipócritas de boca dos mesmos que lles recortan e máis respecto.
 
Con ou sen intervención do maquinista, ¿pode un tren de última xeración circular a 180 km/h nunha curva limitada a 80 km/h? Algo grave falla no sistema de seguridade deses Alvia ultramodernos. O fallo humano sempre é posible, pero ¿non hai outros dispositivos de control, freo automático, alerta…? Altos responsables de Renfe e Fomento, pasados e presentes, deben dar serias explicacións aos cidadáns e aos xuíces. Menos vender a moto do AVE e máis trens de proximidade, adecuados ao territorio e ás necesidades reais da poboación galega.
 
As redes sociais, as invasoras redes que abusan e acosan, mostraron onte á noite a súa mellor condición. Lin un par de estúpidas excepcións; o resto foi un comportamento solidario, exemplar, voluntario, espontáneo. A cidadanía é adulta e madura; non necesita pastores nin tutelas para facer o que debe: axudar, socorrer, evacuar pacificamente o Obradoiro, doar sangue, apagar o móbil para desaturar a rede, abrir a wifi. Ser compasivos, acompañar aos afectados en respectuoso abrazo e silencio. O loito chórase por dentro.
 
Cando ocorre unha traxedia como esta de Santiago, imaxino que os crentes terán, como dicía Carnicer, “o consolo da fe”. Os demais preguntámonos ¿onde está neses momentos ese deus omnisciente e omnipotente, que todo ve e pode todo? ¡Ah, que non se mete nestas miudeces…! Os xoves, milagre; e onte era mércores.
 
A traxedia: para sentir fondo non fan falta palabras esaxeradas. Mellor a sinxeleza: a realidade é un espello que nos pon os pés na terra. Non necesitamos o último AVE e o mellor aeroporto para ser un pouco máis felices. A crise, Bárcenas, Urdangarín e os eres de Griñán vistos en perspectiva son asuntos aos que dedicamos xa demasiado tempo. A traxedia déixanos unha lección: é tempo de ocuparse das cousas importantes. Como os que morreron onte á noite sen cita previa, todos estamos de paso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].