PSdeG: congreso no partido de Caín

Está escrito. Este sábado, o mozo ganador das primarias, Xosé Ramón Gómez Besteiro, será elixido polos socialistas galegos novo Secretario do PSdeG-PSOE, o partido de Caín.

Por Valentin Carrera | Compostela | 27/09/2013

Comparte esta noticia
Besteiro, político educado e respectuoso, prometedor, con ilusión, con ganas, con outras formas e outra cultura política, chega á ponte de mando dun partido envolto na tormenta perfecta; hai que felicitarlle polo valor de coller o temón cando o barco afunde e os propios compañeiros –empezando polo perpetuo Rubalcaba- fan os buratos máis grandes. Persoalmente deséxolle moita sorte, vai necesitala, polo ben de Galicia, de España e do PSOE, por esta orde.
 
Besteiro parte lexitimado por unhas pseudo-primarias mornas que o PSdeG non se atreveu a facer abertas á sociedade, á francesa, tuteladas co ollo birollo de Ferraz, non vaia a ser que renda o exemplo de Galicia, podendo facelas cousas á andaluza. A herdanza que recibe de Pachi Vázquez é un partido nas súas horas máis baixas, sen rumbo político, errático no seu labor de oposición ao Goberno de Feijóo e cun grupo parlamentario mediocre.
 
Besteiro non ten escano no Parlamento Galego, o que condiciona o seu papel de líder da oposición. O seu primeiro reto é recompoñer ese grupo parlamentario, do que foron excluídos cunha patada no cu pouco democrática todos os críticos. Pachi Vázquez, que personifica a “marrullería” política, empezou a lexislatura dando un empurrón a AGE e BNG para copar a Mesa do Parlamento a pachas co PP. Besteiro debería rectificar aquel erro histérico e, con xenerosidade, ceder a AGE e BNG, quizais por quenda, un dos seus dous postos na Mesa, xa que o PP nunca o fará e en algo han de distinguirse, ¿ou non? Sería unha mensaxe á esquerda e á pluralidade real saída das urnas: o contrario é perpetuar o “bipartidismo dinástico” (PP-PSOE), que diría o analista de GC, Pérez Lema. O segundo será atopar un novo portavoz sólido, capaz de enfrontarse a Feijóo con argumentos e sen ese estilo tabernario a que nos teñen tan afeitos no Hórreo. Un portavoz sen hipotecas, que non sexa ex de nada, limpo de indultos sospeitosos e, se é posible, de Lugo. Si acerta, Besteiro pode enderezar o rumbo parlamentario socialista, agora máis preocupado por dar unha navallada a un compañeiro que pola venda de NCG, os incendios forestais ou a liquidación de Pescanova.
 
O segundo reto –para afrontar as europeas en 2014 e as municipais en 2015 con algunha expectativa- é reconstruír internamente un partido cainita, coa súa magnífica militancia desmoralizada e ignorada pola dirección saínte. A única menciña coñecida para vitalizar unha organización agónica é a democracia interna, acabando con señores feudais tipo Abel Cabaleiro, o intocable alcalde de Vigo.
 
¿Ordenará Besteiro o luns 30 a Carmela Silva cumprir a norma interna de incompatibilidade –un militante, un cargo- e deixar algún dos seus moitos cargos públicos: deputada, secretaria 2ª do Congreso, vocal Deputación Permanente, de comisión de Fomento, de comisión de Educación e Deporte; secretaria Comisión de Regulamento; Primeiro Tenente de Alcalde de Vigo, concellala de Urbanismo, vocal Comisión Executiva do PSOE…?
 
Si o fai, o presidente Feijóo, tan compracente consigo mesmo, debería empezar a preocuparse porque Besteiro ira coméndolle terreo palmo a palmo; pero si non é capaz de poñer orde interna desde o primeiro día, os lobos merendarán ao cordeiro. Está escrito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].