A imputación “evidente, patente, flagrante e clamorosa” de 7 concelleiros

É moi probable que sexan absoltos os sete concelleiros do PP que serán xulgados o próximo día 19, festividade de San Pedro Celestino, en plena campaña electoral. O Auto 163/2014 da Audiencia Provincial sinala o camiño ao letrado da defensa, o mozo Pablo Mourullo, fillo do prestixioso letrado de Calo, Gonzalo Rodríguez Mourullo, a cuxo despacho madrileño acoden en procesión todos os presuntos delincuentes galegos de alto standing, urxidos e desafiuzados.

Por Valentin Carrera | Compostela | 15/05/2014

Comparte esta noticia
Recordemos: a Xunta de Goberno do Concello de Santiago [en diante, os sete concelleiros] aproba o 30 de maio de 2012 pagar o avogado ao concelleiro de Deportes, Adrián Varela, imputado pola xuíz Lara de Lugo no caso Pokemon “por tráfico de influencias, suborno e falsidade documental”. Este concelleiro, que non dimitiu, esixía a Vendex despedir a unha traballadora con este argumento “o seu marido é sindicalista e estanos tocando os ovos”. Unha perla das moitas que constan no sumario. Procesado, pois, por tres delitos graves que nada teñen que ver coa xestión municipal, os seus compañeiros de partido acordan pagarlle o avogado con diñeiro público (poderían habelo posto do seu peto ou facer unha colecta entre os afiliados do PP).
A partir desa decisión, o Fiscal denuncia cinco feitos contundentes, que o Auto da Audiencia ratifica:
1) A proposta é presentada polo propio concelleiro. Adrián Varela pide aos seus compañeiros que o Concello lle pague o seu avogado. E tramítase con carácter de urxencia: “A proposta foi presentada o mesmo día en que se adoptou o acordo”, di o Auto. Era, sen dúbida, o asunto máis urxente para a cidade; a ese asunto privado dedicou a Xunta de Goberno media mañá e o traballo do Secretario, ao que pediron informe e que non tería cousa máis importante que facer aquel día que ocupar o seu tempo en analizar si todos os composteláns debemos pagar o avogado dun concelleiro corrupto.
2) O Informe do Secretario foi claro: para ser legal, o acordo debía cumprir as esixencias fixadas polo Tribunal Supremo (“esixencias coñecidas polos concelleiros imputados por constar expresamente no informe emitido polo Secretario”, di o Auto). Pese a esta advertencia de ilegalidade, os sete concelleiros seguiron adiante coa súa esperpéntica decisión.
3) A maiores, subliña o Fiscal abraiado, os sete concelleiros acordan ese pago a favor dun letrado concreto, Javier Míguez: “A Xunta de Goberno crea un vínculo directo entre o Letrado designado polo Concelleiro e a Corporación Local”.
4) O gasto apróbase sen partida ou consignación orzamentaria e sen límite cuantitativo, o que mostra o modo de funcionar desta corporación e o seu nivel de esixencia co diñeiro público, recadado a base de tantos impostos, recortes e sacrificios cidadáns. 
5) O acordo adoptado, di a Audiencia, “omite calquera referencia ao informado polo Servizo Xurídico”. O fiscal fala de “vontade torticera” e do “carácter incondicionado do acordo”. En resumo, non saben como se vai a pagar nin canto é, e o Secretario avisa que non é legal, pero aos sete concelleiros dálles igual, que pague o Concello.
 
En base a estes feitos, o Ministerio Fiscal formula acusación por prevaricación e, tras acordar a Xuíza a transformación en procedemento abreviado, que tamén confirma a Audiencia, a vista celebrarase a próxima semana; é aí, no xuízo oral, onde os concelleiros,os que asiste a presunción de inocencia, limitaranse a dicir que non tiveron vontade de prevaricar e corresponderá ao Fiscal toda a carga da proba. 
 
¿Prevaricaron estes sete concelleiros? O Auto enumera os catro requisitos esixidos polo Tribunal Supremo para apreciar prevaricación. Un, que o autor do delito sexa autoridade ou funcionario público, como é o caso. Dous, que a resolución ditada sexa ilegal ou supoña desviación de poder. A Audiencia confírmao e engade “pero iso non é suficiente”. Tres, “que a ilegalidade sexa evidente, patente, flagrante e clamorosa”: para o Fiscal e para miles de cidadáns está claro; xa veremos que opina a Xustiza. E catro, “requírese ademais que a autoridade ou funcionario actúe «a mantenta» da inxustiza da resolución que dicta”.
 
A Xustiza é complexa, pero a reflexión é sinxela: ¡Que difícil lle poñen a cousa ao Fiscal ou a calquera que teña que probar unha prevaricación!
 
A Xuíza de Instrución, o Fiscal, a Audiencia e Xan Pobo teñen claro que o acordo é ilegal, que os sete concelleiros prescindiron do informe xurídico do Secretario, que a proposta “apartouse da práctica habitual”, que se fixo con urxencia e de modo incondicionado, sen ter partida de gasto, sen límite, beneficiando a un avogado concreto, en asunto de corrupción alleo á xestión municipal, e que trátase, en fin “dunha resolución inxusta e contraria a dereito”.
 
Pero o Supremo esixe, ademais, probar o requisito subxectivo, a vontade torticera que di o Fiscal, que actúen «a mantenta». Si o Fiscal non consegue probalo, e de antemán sabemos que é moi difícil probar a intención, “in dubio, pro reo”. A Audiencia fala con claridade ao final do Auto: “A existencia desas mesmas dúbidas logo da celebración do xuízo pode determinar a absolución, si non son disipadas e son dúbidas razoables”.
 
Hai unha alta probabilidade de absolución á que o presidente Feijóo decidiu abrazarse desesperadamente, aludindo a non sei que principios de Groucho Marx. Pero, non se engane, Presidente, os feitos son os que son: o desprezo á legalidade, a arbitrariedade e o modo de manexar o diñeiro público como unha leira particular. Aínda que o Fiscal non consiga probar o requisito último da prevaricación, os seus sete concelleiros están inhabilitados politicamente e, na medida que os sosteña, Vostede tamén. “Eppur si muove”.
 
 
 
 
 
@ValentinCarrera
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].